"A paralización de Corcoesto só é unha batalla gañada, pero a loita continúa"

"Galiza non é unha mina" CC-BY-SA gzvideos.info

O movemento cidadán e veciñal contrario á megaminería contaminante advirte que a paralización temporal do proxecto mineiro de Corcoesto anunciada pola Xunta supón tan só "unha batalla gañada" pero alerta de que "a guerra continúa" e que a presión social contra a mina en Cabana de Bergantiños "non pode deterse agora".

"É unha vitoria parcial nunha loita contra a megaminaría que non pode deterse agora"

Tanto a Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños como Salvemos Cabana consideran esta decisión do Goberno galego como "unha vitoria parcial na loita contra a megaminaría, froito da grande presión social exercida na Galiza contra o proxecto", pero piden máis e insisten en que seguirán "na loita" en tanto "non se produza a súa paralización definitiva e oficial".

Así, a plataforma, e logo do anuncio feito público pola Consellería de Economía e Industria, solicita a retirada do proxecto e a nulidade da Declaración de Impacto Ambiental (DIA) ditada no seu día pola Xunta. Para este colectivo, o comunicado da Xunta é "un recoñecemento oficial" de que a iniciativa de Edgewater incumpre os requisitos ambientais e técnicos, o que "debería supoñer por parte das autoridades a inmediata retirada dunha DIA que, como eles mesmos recoñecen implicitamente, foi ditada de maneira inadecuada".

Ademais, exixe que, se esta empresa quere levar adiante o seu proxecto, "elabore un novo EIA completo, con todos os informes pertinentes, e o presente de novo a exposición pública" e censuran que se fale de presentar novos informes, en lugar de tramitar o proxecto "de maneira transparente, atendendo aos protocolos establecidos e non por capítulos".

A Plataforma en Defensa de Corcoesto pide a nulidade da DIA e a retirada definitiva do proxecto

Por iso, a plataforma entende que a declaración institucional vén dar a razón ás denuncias de falta de rigor dos informes presentados pola empresa e agarda que a nota de prensa, "que non deixa de ser publicidade e papel mollado", se traduza "nunha publicación no DOG onde se recolla a negativa da Administración a aprobar o proxecto".

Por outra banda, Salvemos Cabana -ao igual que organizacións ecoloxistas como Adega- lembra que no seu comunicado "a Xunta tan só fala de rendibilidade económica". "O único que lle pide o Goberno á empresa, esencialmente, son máis cartos, pero para nada se fala dos perigos para o medio ambiente e en ningún momento se cita o arsénico", asegura Ramón Varela, xornalista ambiental e voceiro do colectivo.

"A Xunta, esencialmente, pídelle máis cartos á empresa e nada di dos perigos para o medio ambiente ou do arsénico"

Aínda así, Varela recoñece que esta paralización temporal "é unha boa nova" porque "o proxecto xa leva seis meses de atraso" e "os problemas económicos da empresa son importantes". "O prezo do ouro está caendo e todos os expertos recoñecen que isto é unha burbulla que pode estoupar; planexar como estratéxico este proxecto industrial non ten nin pés nin cabeza, porque podería ser abandonado en canto o mineral deixe de ser rendible, como ocorreu en Asturias", insiste.

Para Salvemos Cabana, xa que logo, os atrancos que a Xunta -e a propia empresa- atopa no camiño do proxecto de Corcoesto son puramente económicos. "O propio Goberno veo como algo inviable tal e como está pensado, pero a súa concesión é por noventa anos e estas compañías mineiras teñen algo en común sempre: nunca se renden", advirte Varela, que recorda que Edgewater leva investidos "cartos a esgalla" en Cabana.

A caída do prezo do ouro e o elevado investimento en Corcoesto estanlle a provocar graves problemas á multinacional

"O problema é que o Plan Sectorial de Actividades Extractivas de Galicia e toda a lexislación mineira estatal e autonómica supoñen unha barra libre para estas empresas; que máis dá se logramos paralizar o proxecto de Corcoesto e logo o intentan facer na Fonsagrada? Non queremos este tipo de minería en ningún lugar de Galicia", engade Salvemos Cabana, que tamén lanza unha advertencia á Administración. "Se a Xunta pensa que nos imos relaxar ou quedar parados, que se esqueza; imos seguir loitando", di. "Esta paralización temporal só pode ser o principio da solución, pero a única solución verdadeira é deter o proxecto de vez", remata.

Multitude contra as minas CC-BY-SA Merixo

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.