A poboación co galego como lingua inicial cae 20 puntos en só dúas décadas

Manifestación de Queremos Galego © @tereixapaz

"Algo está fallando cando o noso ordenamento legal desde os inicios da autonomía prevé avanzar cara a unha situación de normalidade do galego e de igualdade co castelán e, pola contra, unha parte crecente dos e das galegas sente unha presión cada vez máis forte para abandonar o galego e adoptar o castelán". O novo informe da Real Academia Galega (RAG) sobre Lingua e sociedade en Galicia 1992-2016 insiste na perda progresiva de galegofalantes, especialmente entre a xente máis nova, e na creba da transmisión interxeracional da lingua propia. E insta a Administración a actuar de maneira "eficaz" para contrarrestar unha deriva perigosa para o idioma. 

A RAG advirte da "tendencia á bilingüización e monolingüización cara ao castelán" e dunha política lingüística "de baixa intensidade"

No informe, que actualiza os datos xa publicados de entre 1992 e 2013, destaca a "tendencia á bilingüización e monolingüización cara ao castelán" na sociedade galega desde os anos 90 e advirte dun"modelo de política lingüística de baixa intensidade" que "pode resultar axeitado para situacións onde a finalidade sexa o mantemento lingüístico", pero que "semella insuficiente para reverter, ou polo menos frear, procesos de substitución". A RAG, como xa fixera noutras ocasións, sinala o polémico Decreto 79/2010 -que veu substituír o anterior que garantía un mínimo do 50% das materias no ensino obrigatorio en galego- como un dos causantes do "retroceso" que está a sufrir o idioma no ámbito educativo e tamén como posible influxo na diminución do seu uso entre os máis novos a nivel xeral. 

Os procesos de substitución lingüística do galego polo castelán na xente máis nova, que se desaceleraran entre 2003 e 2008 (ver gráfico anterior), volveron reforzarse entre 2008 e 2013, polo que, segundo a Academia, "cómpre explorar" a relación desta tendencia coa aplicación do devandito decreto, "dado que estes datos van parellos á súa aplicación", polo que "puido influír de forma substancial". 

A Academia sinala do decreto do plurilingüismo como causante do "retroceso" do idioma no ensino e posible influxo no seu devalo noutros espazos

Nunha análise das últimas enquisas do IGE, a RAG repara en que hai unha década (2008), seguía a producirse un descenso do número de persoas que aprendían a falar en galego, ao tempo que aumentaban as que aprendían a falar nas dúas linguas e diminuía a porcentaxe de poboación que só aprendía a falar en castelán. Xa en 2013, no final da primeira lexislatura de Feijóo, esa tendencia á bilingüización ralentízase, aumentando a porcentaxe das que aprenden a falar en castelán e concluíndo que entre as menores de 65 -e incorporando a franxa entre 5 e 15 anos- o español xa era o idimoa inicial maioritario.

Nunha enquisa do CIS de 2016 na que tamén se preguntaba pola lingua inicial amosábase como a lingua materna do 44,7% das persoas de 18 ou máis anos era o galego, fronte ao 30,7% que din ter o castelán e o 23,6% que teñen ambas. Coincide cos últimos datos do IGE en 2013, que inclúe toda a cidadanía de 15 ou máis anos, con porcentaxes do 43% para a lingua propia, 30% para o castelán e 25% en ambas. Máis de dúas décadas antes, en 1992, o galego era a lingua inicial para o 62% dos galegos maiores de 15 anos, polo 26% que tiña o castelán e o 11% que tiraba de ambos. O avance no bilingüismo non impediu que a lingua propia seguise o seu retroceso. A tendencia indica, tal e como advirte a RAG, que o galego tan só é a lingua inicial do 40% da poboación a tal hora.

A principios dos 90, o galego era a lingua inicial para o 62% das persoas maiores de 15 anos; 20 anos despois éo só para o 43%

Ademais, como sinala tamén a Academia, de ter en conta a poboación máis nova --desde os 5 anos-- e deténdonos nos 65, o idioma inicial maioritario xa é o español (do 38%), fronte ao 34% que teñen o galego e o 28% os dous. Alén disto, outra enquisa do IGE de 2013 sinalara que tan só o 18,35% dos nenos e nenas entre 5 e 14 anos aprenderan a falar só en galego, cun rápido descenso dende o 32,43% de 2003. O 45,49% comezara a falar en castelán e un 31,46% nos dous idiomas por igual.

As consecuencias, xa que logo, son obvias de ter en conta os últimos datos sobre o uso do galego. Sitúase en arredor do 20% entre a poboación de 5 a 9 anos, de menos do 30% na franxa de 10 a 14 e do 30% na que vai dos 15 aos 19. Como lembra o informe da RAG, "máis do 75% da poboación galega de máis de 75 anos fala maioritariamente na lingua propia de Galicia, porcentaxe que diminúe ao 30% ou menos nos menores de 20 anos, é dicir, unha diferenza de 45 puntos porcentuais". 

Os datos non fan máis que reflectir o "aparente paradoxo" do que advirte a Academia, xa que, mentres por unha banda nos últimos anos houbo "unha mellora das competencias bilingües" entre a cidadanía galega, pola outra tamén houbo "unha ruptura da transmisión interxeracional e uns usos decrecentes do galego por parte da poboación máis nova, especialmente en contextos urbanos e periurbanos". 

Malia a mellora das competencias bilingües, prosegue a ruptura da transmisión interxeracional e o uso decrecente do galego entre os máis novos

A "desruralización, terciarización e avellentamento" son tres elementos clave que explican esta evolución nas últimas décadas, pero tamén a "presión do sistema educativo e dos medios de comunicación". "En definitiva, a asociación excluínte da competencia e o uso do castelán coa educación e o progreso social, ademais do peso de arraigados preconceptos contra o galego, que están nas raíces do proceso de substitución do idioma propio do país polo castelán", engade a RAG. 

O decreto do plurilingüismo "crebou a tendencia de mellora da presenza do galego nas aulas e do seu uso formal e informal"

A institución lembra que as leis educativas e os decretos lingüísticos de aplicación "melloraron a presenza do galego nas aulas, favoreceron os usos formais e estabilizaron os informais". No entanto, destaca que "esta tendencia parece verse crebada pola aplicación do Decreto 79/2010", ao rachar cunha "relativa estabilización" desde os anos 90 que se rompe, "perfilando un descenso neste ámbito". "A aplicación do devandito decreto supuxo un retroceso en todos os ámbitos analizados", insiste. 

Para a Academia, "a experiencia doutras comunidades mostra que mediante unha actuación intelixente, eficaz e sostida no tempo se pode conseguir refrear e mesmo reverter o retroceso dun idioma minorizado". E pídelle á Xunta que actúe para parar do devalo constante da lingua propia. Unha vez máis. 

Evolución da lingua inicial da poboación galega de 15 ou máis anos © RAG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.