A veciñanza de Cabral escolle entre dúas formas de xestionar a súa Comunidade de Montes

Mobilización da veciñanza de Cabral © Un monte de todos

Os veciños e veciñas da parroquia de Cabral, en Vigo, escollerán o vindeiro 17 de abril unha nova Xunta Reitora da súa Comunidade de Montes. A convocatoria destas eleccións era unha vella demanda dos comuneiros e comuneiras críticas coa xestión de Luís Rodríguez, cuxo mandato rematara xa en xuño do pasado ano. O propio Goberno galego reclamou o pasado mes de outubro que se celebrasen estas votacións, chegando mesmo a romper relacións doa directiva da comunidade, que se escudaba en que os procesos xudiciais abertos na súa contra impedían a celebración dos comicios. En Cabral viven ao redor de sete mil persoas.

Luis Rodríguez chega a estas eleccións entre críticas e demandas xudiciais que afectan á xestión económica da comunidade e a determinadas operacións de compra e venda de terreos

E é que Luis Rodríguez chega a estas eleccións entre críticas e demandas xudiciais que afectan á xestión económica da comunidade e a determinadas operacións de compra e venda de terreos, e tamén á propia organización, con acusacións de "manipulación do censo" e de negarlle o voto a máis dun cento de veciños e veciñas. No contexto, ademais, da -polo de agora- fracasada operación de Porto Cabral, o megacentro comercial impulsado por Eurofund Investments, co apoio do Concello de Vigo, que en novembro de 2013 foi rexeitado polos comuneiros e comuneiras.

Rodríguez aspira a manterse no cargo. Fronte a el o grupo de comuneiros e comuneiras críticas coa súa xestión conformou unha candidatura, Un monte de tod@s, encabezada por Fernando Fernández Molares. Esta candidatura propón unha serie de cambios na organización da Comunidade de Montes, comezando pola limitación dos cargos da Xunta Reitora a dous mandatos consecutivos, a esixencia de "autorización previa e expresa" da Asemblea Xeral para "todas as operacións de permuta, venda, concesión, arrendamento e calquera outro acto de disposición inmobiliaria", o voto en urna de todos os acordos que adopte a Asemblea Xeral e a realización de convocatorias de emprego "publicitadas e transparentes". Promete tamén unha auditoría de contas e un inventario do patrimonio da comunidade. Así mesmo, aposta pola xeración de emprego estable nos montes da parroquia, rexenerando e potenciando o monte comunal, preservando o Parque Forestal de Cotogrande.

Este grupo de comuneiros e comuneiras levan anos denunciando numerosas "irregularidades" e, en xeral, o "despilfarro" de centos de milleiros de euros. Por exemplo, denuncian que a Comunidade de Montes de Cabral "pagou terreos industriais en Puxeiros a 335 €/m2, e trocounos nunha permuta por terreo clasificado como monte comunal". Sinalan tamén que adxudicou obras sen concurso publico e que executou "obras e gastos con sobrecustes non xustificados". En total, salientan que entre 1999 a 2015 a Xunta Reitora de Cabral gastou case 14 millóns de euros, "máis que o orzamento de moitos concellos de Galicia", e que no período 2014-2015 a xestión económica foi "ruinosa", con catro veces máis gastos (2,2 millóns de euros) que ingresos (600 mil euros).

Subliñan, finalmente, que o actual presidente da Xunta Reitora segue imputado por apropiación indebida e xestión desleal e que o secretario está investigado por falsidade documental. Rodríguez foi denunciado nos últimos meses por falsear a aprobación das contas da Comunidade.

"A parroquia leva uns anos de enfrontamento e división, sendo a xestión do actual equipo directivo nada allea a esta situación", destaca Fernando Molares

"A parroquia leva uns anos de enfrontamento e división, sendo a xestión do actual equipo directivo nada allea a esta situación", destaca Fernando Molares, que engade que "un grupo de persoas decidimos dar o paso de presentarlle á parroquia un programa de actuacións, que aínda que sexa limitado e humilde, pensamos que pode traer sentido común á xestión da comunidade de montes". Buscando -conclúe- "honestidade" na xestión e paz para as relacións entre os veciños e veciñas. 

 

Integrantes da candidatura 'Un monte de todos' Dominio Público Un monte de todos
Fernando Molares encabeza a candidatura Dominio Público Un monte de todos
Mobilización da veciñanza de Cabral, o pasado ano Dominio Público Un monte de todos
Mobilización da veciñanza de Cabral © Un monte de todos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.