"A xente viu que a mina de Corcoesto afectaba a saúde e iso foi clave para detela"

Manifestación contra a megaminería CC-BY-SA gzvideos.info

Serafín González, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) e investigador do CSIC, foi un dos líderes na mobilización contra o megaproxecto mineiro de Corcoesto. Doutor en Bioloxía pola USC, coñece como poucos as problemáticas de minas como a que se pretendía en Bergantiños e que, polo momento, queda paralizada pola Xunta. Impulsor de informes científicos que advertían dos prexuízos sanitarios e medioambientais do proxecto e de campañas exitosas a través da Rede, cre o "enorme traballo colectivo" na sociedade galega foi clave para a suspensión, aínda que pide seguir alerta.

Satisfeito pola paralización do proxecto?

É unha magnífica noticia. Sen dúbida ningunha, e iso é moi importante, esta paralización é froito dun enorme traballo colectivo. Do traballo de moitas persoas e de moitas asociacións e isto é o verdadeiramente importante, diría que o máis importante. Houbo unha forte mobilización cidadá e grazas a isto conseguiuse que en dez meses -desde que se aprobou a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) positiva por parte da Xunta- conseguísemos darlle a volta á situación grazas tamén aos informes científicos contrarios que achegamos e á campaña de divulgación.

Ata que punto está dada a volta de todo a situación?

A Xunta argumenta a paralización da mina de Corcoesto na insuficiencia técnica e financiera, algo ao que xa aludiu na suspensión temporal do pasado mes de xullo. A empresa non foi capaz de satisfacer esas necesidades, pero hai que agardar a que saia a resolución definitiva da paralización porque de momento só temos palabras sobre as razóns desta decisión. É claro que que hai un problema medioambiental e técnico, pero parece claro que xa se deixa entrever que tamén hai problemas medioambientais. Á espera diso, nós seguimos insistíndolle á Xunta, que se recoñece que é un proxecto malo desde o punto de vista financeiro e técnico, tamén debe asumir de que é inviable desde o punto de vista sanitario e de protección dos ecosistemas. A nosa pregunta é a que agardan para eliminar a DIA positiva e desbotar o proxecto de vez. É unha moi boa noticia, pero debemos manter a cautela.

"A que agarda a Xunta para botar abaixo a Declaración de Impacto Ambiental positiva e desbotar o proxecto de vez?"

Se a paralización se debe, segundo a Xunta, fundamentalmente a motivos económicos, foi tan importante a mobilización social?

Sen a loita social, non se falaría de insolvencia financeira nin técnica. Iría para adiante de todas formas. Non sei se na Xunta o recoñecerán algún día, posiblemente non dirán expresamente que a contestación social foi clave, pero iso é o certo. Non asumirán que houbo moita información científica fundamental sobre o proxecto, así como unha mobilización que os levou a reflexionar. Non agardamos que o fagan, pero lembremos que esta loita supuxo a maior mobilización social por temas medioambientais desde a catástrofe do Prestige. Houbo unha exitosa campaña de Change.org a través da Rede, continuas charlas e conferencias informativas. A divulgación e información aos cidadáns foi o que comezou a cambiar as cousas.

"Se a Xunta mantén que a negativa se debe a motivos económicos, corremos o risco de que outra empresa asuma o proxecto"

As organizacións contrarias á megaminería advirten da posibilidade de que outra empresa máis solvente asuma o proxecto.

Cabería ese risco se só se mantén a resolución negativa en base a eses criterios económicos, por iso nós insistimos nos problemas ambientais. Nesa mesma liña tamén inciden as dúas campañas converxentes nas que se solicita a prohibición do emprego de cianuro na minería por parte de todos os grupos ecoloxistas de Galicia, e que foi trasladado a todos os grupos parlamentarios, ou a que recolle apoios da comunidade científica e universitaria contra proxectos coma este. Estas dúas campañas son a salvagarda para evitar que outra empresa veña para acabar facendo o mesmo que agora se rexeita. 

Inflúe a caída do prezo do ouro na decisión?

Na decisión da Xunta non inflúe, pero pode influír na decisión dos investidores internacionais. Para dificultar a captación de fondos, a diminución do prezo do ouro nos mercados internacionais é fundamental, ao igual que a mobilización cidadá, que pode espantar algúns investidores e evitar así que o proxecto mineiro saia adiante. Se nós traducimos ao inglés os informes científicos que demostran os graves prexuízos sanitarios e medioambientais da mina é tamén porque sabemos que hai investidores que entran na nosa web para interesarse pola contestación social e polos argumentos empregados.

"A loita debe continuar porque este partido non acabou; a política mineira da Xunta segue adiante"

Debe continuar a mobilización social?

A loita debe continuar porque a política mineira da Xunta segue adiante. Esta paralización é un motivo de gran satisfacción porque partiamos dunha desvantaxe clara, porque a empresa e os favorables á mina tiñan moitísimos máis cartos, moitos máis contactos e influencia nos medios que nós e unha DIA positiva por parte da Xunta. Entre todos, conseguimos algo que era moi complicado. De momento démoslle a volta, pero o partido non acabou. Esta guerra non rematou aínda.

As múltiples campañas de divulgación e información semella que puxo a sociedade moito máis alerta que antes ante estes proxectos megamineiros...

A xente esá moito máis alerta. Se había algo que demandaba a xente a berros, aínda que en silencio moitas veces, era información clara de como ía ser o proxecto. A min emocionáronme algunhas mostras de gratitude por parte de veciños logo dalgunha charla que demos na zona. “Por fin intentan falarnos e explicarnos as cousas de forma que as entendamos; os da mina falaban a mesma linguaxe pero non os entendiamos, quedabamos durmidos”, dixéronme unha vez en Carballo. Esa sede de información cubrímola nós, e cando digo nós refírome a moitas asociacións e expertos que axudaron a explicar que suporía a mina de Corcoesto.

"A crise económica e laboral é froito dun modelo de desenvolvemento idéntico ao que promove a mina de Corcoesto"

Malia a forte contestación social, segue quedando xente, cargos públicos e incluso asociacións favorábeis á mina e que agora critican duramente a Xunta e volven alucir ao negro futuro económico da comarca. Que lles diría?

Hai un problema económico e laboral claro froito dun modelo de desenvolvemento que nos trouxo ata aquí. O modelo mineiro era o mesmo que nos trouxo até esta crise: un aproveitamento rápido de beneficios a moi curto prazo por parte dunha empresa que logo desaparece deixand unhas consecuencias noutros sectores da zona que son difíciles de avaliar. Hai que avaliar cantos postos de traballo se perderían e a calidade dos novos que se crearían, pero máis aló dos problemas laborais e ambientais, o decisivo creo que foi que a xente viu que este era un proxecto que atentaba contra a saúde das persoas. Naquela farsa de debate que montaron na TVG falábanme da cotización do ouro na Bolsa, pero a canto cotiza a saúde das persoas? Canto vale iso? Pan para hoxe e fameou enfermidade para mañá. Nós cremos que esa non é un modelo correcto.

"Hai un cruce de intereses evidente entre a Xunta e a Cámara Mineira; eles defenden as empresas, pero quen defende a sociedade?"

Os colectivos ecoloxistas e anti-mina acusan a Xunta de querer converter Galicia nunha mina e lembran que o plan mineiro do Goberno favorece a proliferación de proxectos perigosos, a ceo aberto e dañinos. Está de acordo?

Algunha xente na dirección xeral de Minas si que queria converter Galicia nunha mina. Claro que hai un cruce de intereses entre a Cámara Mineira e a Xunta, de xente que vai e vén. Hai contactos moi poderosos na Dirección Xeral de Minas e, de feito, a Consellería de Medio Ambiente encargoulle á Cámara Mineira elaborar o Plan Sectorial cando é xuíz e parte porque está composta por empresas que defenden os intereses das empresas. A pregunta é: quen defende a sociedade?

Serafín González, nun dos vídeos contra a mina Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.