A xustiza condena o sindicalista López Pintos a medio ano de cadea e absolve o policía denunciado

Xesús Anxo López Pintos, ferido, no momento de ser detido CC-BY-NC-SA Susete

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña condenou o que en outubro de 2012 era secretario comarcal da CIG en Ferrol, Xesús Anxo López Pintos, a seis meses de prisión por agredir un axente da Policía Nacional durante unha protesta diante dun hotel de Ferrol no que o PP realizaba un acto de campaña electoral. 

A Audiencia Provincial considera a López Pintos culpable dun delito de atentado contra axente da autoridade con agravante de reincidencia

O tribunal, segundo informa o TSXG, considerouno culpable dun delito de atentado contra axente da autoridade, concorrendo a agravante de reincidencia e a atenuante de dilacións indebidas. Ademais, a Audiencia impúxolle o pago de 840 euros ao axente e absolveuno das faltas de coaccións e lesións que lle imputaban. Respecto ao funcionario do 091, os maxistrados decretaron a súa absolución dos delitos de tortura, contra a integridade moral e lesións polos que foi acusado.

Os xuíces relatan na sentenza que cando se produciu un enfrontamento entre uns manifestantes e os axentes que formaban parte do cordón policial, o acusado “agarrou cunha man un dos policías da camisa e, coa outra, golpeouno varias veces no casco”. A Audiencia sinala  que o axente “tentou suxeitalo para metelo detrás do cordón policial e reducilo, pero non foi capaz, porque o acusado tentaba evitalo fisicamente, ata que un compañeiro que se atopaba ao seu lado o axudou”.

Os xuíces decretaron a absolución do axente policial dos delitos de tortura, contra a integridade e lesións polos que fora acusado

“As testemuñas que declaran por instancia do acusado poden desde un plano teórico reforzar a súa versión, en canto á actitude pacífica dos manifestantes, á violenta dos policías, á procura do detido, á malleira sádica. Pero o problema é que estas declaracións non é que non concorden, senón que quedan desvirtuadas polos elementos de proba máis obxectivos”, recalca a Audiencia, quen considera probado que se produciu “unha agresión, unha acometida, a un axente da autoridade cando desempeñaba a súa función, protexer a evacuación duns cargos públicos, nunhas condicións que en absoluto permiten pensar nunha menor entidade nin no ánimo defensivo”.

Manifestación en solidariedade con Pintos, o pasado 29 de outubro en Ferrol CC-BY-NC-SA CIG

O 4 de outubro do ano 2012 traballadores de Navantia e de Poligal manifestáronse en Ferrol en demanda de carga de traballo para o estaleiro e esixindo tamén "claridade" sobre os contratos prometidos por Núñez Feijóo. Era o inicio da campaña das eleccións autonómicas e o Partido Popular realizou a súa pegada de carteis na Praza de Amboaxe. Os traballadores dirixiron alí a súa mobilización, consistente nunha sonora cazolada, o que obrigou os populares -escoltados pola policía- a mudar o acto cara o interior do Hotel Almirante, onde tamén recibiron as protestas. Pasadas as doce da noite chegaron os antidisturbios, que cargaron contra os 300 traballadores concentrados. 

Entre eles estaba Xesús Anxo López Pintos, daquela secretario comarcal da CIG en Ferrol, que resultou ferido na carga policial e que despois foi trasladado á comisaría, onde denunciou ter recibido malos tratos. Porén, López Pintos foi denunciado por agredir un dos axentes, en concreto por por "agarrar pola roupa un policia e pegarlle no casco". 

Agora, na sentenza, os maxistrados recoñecen que os feitos protagonizados, "illadamente considerados, non pode dicirse que resultasen especialmente graves para a integridade física dese axente" aínda que aclara que iso "non é o determinante para a cualificación". Así, o ditame advirte de que se produciu "unha agresión, un acometemento, a un axente da autoridade". 

No xuízo, entre as declaracións das testemuñas incluíronse as de varios cargos do PP como o actual secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, que asegurou sobre aquela noite que todos temeran pola súa "integridade física". Tamén José Manuel Rey Varela, ex-alcalde ferrolán, e o deputado Diego Calvo deron a súa visión dos altercados no xuízo e todos eles negaron ter presenciado algunha agresión policial a López Pintos. 

A CIG cre que a sentenza "é unha aberración"

Desde a CIG aseguran estar "ante unha montaxe que non buscaba facer xustiza senón condenar o sindicalista ferrolán". O sindicato nacionalista "non comparte nin o razoamento nin o ditame da sentenza e adoptará as medidas e accións que sexan necesarias na defensa do compañeiro Pintos".

"Isto parécenos unha auténtica aberración nun Estado que se quere denominar de Dereito", di a CIG

Con todo, a CIG destaca que "fronte ás pretensións da Fiscalía e da acusación particular (que pedían penas moito máis elevadas)", a sentenza "absolve o compañeiro pola falta de lesións e coaccións que tamén se lle querían imputar".

Para o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, "resulta inconcibíbel que se condene a Pintos, cando el foi o agredido pola policía, tanto durante as cargas (tal e como quedou acreditado nas probas presentadas no xuízo) como despois, mentres permanecía detido e incomunicado na comisaría".

A este respecto lamentou que mentres se condena a Pintos por delito de atentado "queden na máis absoluta impunidade os feitos protagonizados polo policía. Isto parécenos unha auténtica aberración nun Estado que se quere denominar de Dereito".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.