As críticas ao recorte no número de efectivos destinados aos traballos de prevención e extinción dos incendios forestais, e as denuncias de "fragmentación" e "descoordinación" do dispositivo teñen un novo argumento. O persoal da empresa pública Seaga vén de sinalar que ao longo de todo o verán (estes traballadores están contratados durante xullo, agosto e setembro) unha parte importante dos seus efectivos, que teñen as funcións de vixilancia e extinción, foron desviados para outra función ben distinta: traballos forestais de desbroce e limpeza. Este tipo de traballos normalmente realízanse fóra dos meses de alto risco de incendios, pero dende hai dous anos en Galicia non se fan labores de prevención.
O obxectivo é “limpar o número de hectáreas requiridas pola Unión Europea para cobrar unha subvención”. No convenio asinado por Seaga, páganse 20 mil euros por cada cinco hectáreas desbrozadas
Por que, entón, se destina unha boa parte da xornada laboral dos 500 traballadores de Seaga a labores de desbroce en pleno mes de xullo ou agosto? Peter Brea, representante do comité de empresa, denuncia que o obxectivo é “limpar o número de hectáreas requiridas pola Unión Europea para cobrar unha subvención”. Trátase dun fondo europeo destinado a pagar para traballos de prevención mecanizados no monte, executado a través de convenios que a Xunta asina con Seaga e outras empresas e tamén cos propios concellos. Dende a CIG afirman que descoñecen o montante total desta axuda, "pola fragmentación do dispositivo", pero no convenio asinado por Seaga, páganse 20 mil euros por cada cinco hectáreas desbrozadas.
Peter Brea (Seaga) "Nós queremos desbrozar todo o ano e non en época de máximo risco. As tarefas de prevención son fundamentais porque os lumes do verán apáganse no inverno"
O problema é que este fondo europeo está pensado para pagar os traballos de prevención que habitualmente se fan no inverno, pero que en Galicia non se realizan dende hai dous anos. A Xunta corre o risco de perder eses fondo asignados, e polo tanto obriga o persoal de extinción a facer este traballo no verán, descoidando as súas funcións reais. Peter Brea, de Seaga, subliña que “nós queremos desbrozar todo o ano e non en época de máximo risco. As tarefas de prevención son fundamentais porque os lumes do verán apáganse no inverno. Nós témolo claro e non entendemos que se fagan traballos forestais en época de máximo risco”.
“Hai xente que está desbrozando durante cinco ou seis horas seguidas, e que despois ten nun momento que cargar as máquinas no coche, e arrincar en dirección a un lume. Co perigo que iso supón, coas máquinas quentes e cheas de gasolina"
Esta práctica ten notables consecuencias negativas, para os traballadores e para os labores de extincións, como explica Brea: “hai xente que está desbrozando durante cinco ou seis horas seguidas, e que despois ten nun momento que cargar as máquinas no coche, e arrincar en dirección a un lume. Co perigo que iso supón, coas máquinas quentes e cheas de gasolina". Ademais “están obrigando as brigadas a cambiarse no monte”, engade Brea, que sinala que se está traballando "mesmo en circunstancias extremas", desas que se definen co 30-30-30 (máis de 30 graos de temperatura, máis de 30 quilómetros por hora de vento, e menos dun 30% de humidade). "Tense producido xa un caso dun traballador en Xunqueira de Ambía que provocou un lume coa desbrozadora e está imputado, cando el estaba obrigado a estar traballando nesas condicións", relata.
Este dobre traballo ao que a Xunta está obrigando ao persoal de extinción tamén provocou que en moitas ocasións non puideran acudir a loitar contra algúns lumes: "En todo o país houbo casos de lumes que non foron atendidos en ningún momento polos servizos de extinción: en Ameixenda, en Bertamiráns, en Ordes... Alí foron os veciños os que os apagaron, lumes que estaban moi preto das casas, lumes que tiñan que ter sido declarados de nivel 1. Os veciños tiveron que apagalos con ramas e con caldeiros de auga". Brea tamén apunta que en ocasión, pola falta de efectivos dispoñibles "tivémonos que desprazar as tres quendas das brigadas do distrito 2, da Coruña, para apagar os lumes en Cualedro, Ourense, Oia, Boiro ou Ribeira".
"En Ameixenda, en Bertamiráns, en Ordes..., foron os veciños os que os apagaron, lumes que estaban moi preto das casas, lumes que tiñan que ter sido declarados de nivel 1. Os veciños tiveron que apagalos con ramas e con caldeiros de auga"
Os traballadores tamén subliñan o "sobresforzo" e o "exceso de horas traballadas", moi prexudicial á hora de enfrontarse co lume, e lembran que son os traballadores de terra os que apagaron a meirande parte dos lumes: "A UME non apaga os lumes. Teñense dado casos de que hai na estrada miles e miles de litros de auga e que non chegan a apagar o lume, porque non saen da estrada, porque non entran no monte", sinalou Brea.
O persoal de Seaga tamén chama a atención sobre a circunstancia de que a empresa obrigou os traballadores a coller as súas vacacións no medio da campaña de máximo risco, "algo que contra o que protestamos dende o persoal", din, "non pode ser entendible que ao longo do mes de agosto, dos 500 traballadores sempre houbese 80 de vacacións obrigadas". A razón, di Paulo Rubido (CIG), é que a empresa pública non quere ampliar os contratos unha semana en outubro (a maior parte rematan entre o 5 e o 7 de outubro) nin pagar estes días libres.
A CIG pídelle á Xunta que "explique as condicións que teñen que cumprir para cobrar este fondo europeo"
A CIG pídelle á Xunta que "explique as condicións que teñen que cumprir para cobrar este fondo europeo". Estes traballos de desbroce, realizados polo persoal de extinción, están a realizarse a un ritmo acelerado ao longo do mes de setembro, pois tanto a Xunta coma os concellos están moi por detrás do número de hectáreas proxectadas, por teren comezado estes labores no mes de xullo. Seaga chegou a contar con 2.300 traballadores contratados todo o ano, que facían prevención no inverno e vixilancia e extinción no verán. Agora só se contratan a 500 persoas durante tres meses ao ano e, a priori, unicamente para realizar tarefas de extinción. A priori. "Os lumes apáganse no inverno", lembra Peter Brea, que conclúe que "para loitar de verdade contra os incendios temos que cambiar este tipo de situacións e ter sentido común, que é o máis importante no monte".