A indumentaria dos mariñeiros galegos foi a fonte de inspiración dun chuvasqueiro que se fabricará coa tea impermeable dunha antiga tenda de campaña e retais de fibra de carbono
Alumnado do grao de Xestión Industrial da Moda, que a Universidade da Coruña imparte do seu Campus de Ferrol, participa dende este venres na 5ª edición da Maratón de Reciclaxe Téxtil Creativa La Casa Encendida (Madrid), unha iniciativa en defensa da moda sustentable. Estas catro alumnas e alumnos (Manuel Sánchez Rodríguez, Magdalena Rodríguez Tomé, Daniel Mirás Quintas e Ana García Novo) presentaron un proxecto de deseño e creación dun chuvasqueiro fabricado coa tea impermeable dunha antiga tenda de campaña.
Este venres, sábado e domingo estes catro estudantes participarán na actividade “Convocatoria de Creadoras”, unha iniciativa na que deseñadores ou estudantes de todo o Estado confeccionarán as súas prendas recicladas a través de varios directos de Instagram ao longo de toda a fin de semana.
O proxecto busca xerar un impacto positivo a través do deseño e evitar que a moda siga a ser unha das industrias máis contaminantes do planeta
A posibilidade de participar nesta actividade veu da man da profesora Patricia Muñiz Núñez quen imparte a materia de “Deseño de Moda” no segundo curso do grao en Xestión Industrial da Moda. Deste xeito, Manuel, Magdalena e Daniel comezaron a traballar na clase no deseño dunha prenda con materiais reutilizados ou reciclados. Aos poucos, sumouse ao proxecto Ana, alumna do terceiro curso, quen se encargará de coser a prenda coa que foron seleccionados.
A indumentaria dos mariñeiros galegos foi a fonte de inspiración dun chuvasqueiro que se fabricará coa tea impermeable dunha antiga tenda de campaña e retais de fibra de carbono. A prenda contará cun compartimento traseiro no que poder gardar residuos para posteriormente reutilizalos ou reciclalos. Nesta mesma zona poderase ler a palabra “Actúa”, toda unha declaración de intencións, destaca este grupo de estudantes.
Bautizado como Proxecto Homesickness (morriña), a proposta do alumnado da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus de Ferrol busca xerar un impacto positivo a través do deseño e evitar que a moda siga a ser unha das industrias máis contaminantes do planeta. De feito, a súa proposta busca compensar as emisións xeradas durante a primeira fabricación dunha prenda ou obxecto a través da recolección de todo tipo de residuos plásticos para darlles un novo uso.
A iniciativa defende que "a moda pode converterse nun elemento de transformación social"
Este é o obxectivo da iniciativa que acolle La Casa Encendida, que defende que "a moda pode converterse nun elemento de transformación social", pero lembra que na actualidade a industria da moda é a segunda máis contaminante do planeta. Máis de 900 millóns de quilos de téxtil acaban, cada ano, no lixo en España e só 90 son recuperados en colectores de roupa. O resto, incinérase. O programa da 5ª edición da Maratón de Reciclaxe Téxtil Creativa inclúe a entrevista á fundadora do movemento Fashion Revolution, Orsola de Castro, unha mesa redonda sobre o consumo de moda coa xornalista especializada en moda e consumo Brenda Chávez, a responsable de comunicación de Fashion Revolution Spain, Jessica Checa, e a socia e fundadora de Recumadrid, Cristina Salvado.