As ONGDs galegas denuncian que o Concello de Santiago deixou sen executar medio millón de euros destinados a cooperación

Inauguración dunha exposición organizada pola Coordinadora Galega © CONGD

A Coordinadora Galega de ONGDs, que agrupa a 45 organizacións non gobernamentais do país, anunciou este martes que se ve "na obriga" de renunciar a executar o programa municipal Compostela + Solidaria, "por coherencia", denunciando que o Concello de Santiago "vai camiño de incumprir por cuarto ano consecutivo os seus compromisos coa cooperación ao desenvolvemento e coa loita contra a pobreza", deixando de executar máis de 500.000 euros orzamentados para este labor no que vai de mandato, e "nun momento especialmente complicado para os colectivos máis vulnerables".

O Concello de Santiago "vai camiño de incumprir por cuarto ano consecutivo os seus compromisos coa cooperación ao desenvolvemento e coa loita contra a pobreza", deixando de executar máis de 500.000 euros orzamentados para este labor no que vai de mandato, denuncia a Coordinadora

Alejandro Quiñoá, presidente da entidade, destaca que "nun contexto como o actual, cando as ONGDs estabamos comezando a atallar as consecuencias sociais da pandemia da COVID-19 e chegou a crise da guerra en Ucraína para agravar a situación de vulnerabilidade que viven millóns de persoas en Europa e en todo o mundo precisamos que os nosos representantes respecten o compromiso da cidadanía na loita contra a pobreza e contra as desigualdades globais e cumpran co chamado internacional para reforzar a solidariedade cos países empobrecidos". “No actual contexto internacional, non podemos permitirnos perder, por falta de capacidade de xestión e por cuarto ano consecutivo, o orzamento destinado á loita contra a pobreza e á cooperación ao desenvolvemento”, engade Quiñoá.

A coordinadora denuncia que no actual mandato municipal o Concello de Santiago deixou de executar medio millón de euros nestes campos © CONGD

A Coordinadora Galega de ONGDs anuncia que renunciar a desenvolver o programa municipal de divulgación Compostela + Solidaria, "por coherencia"

A Coordinadora explica que o Concello de Santiago puxo en marcha en 2017 e en 2018 unha convocatoria de proxectos de cooperación ao desenvolvemento grazas á cal nove entidades galegas traballaron cuestións como a mellora da calidade educativa, a promoción da saúde, a equidade de xénero, o reforzo das capacidades para mellorar a xestión pública da auga ou o fortalecemento de cooperativas de pescadores e pescadoras, man a man con organizacións locais de Honduras, O Salvador, Guatemala, Nicaragua e India.

O Concello de Santiago asegura que neste ano si se publicará a convocatoria e executaranse as axudas destinadas a financiar proxectos de cooperación. O Goberno local explica que en anos anteriores non foi posible executar estes fondos orzamentados debido a "complexidades na tramitación administrativas"

Porén, en 2019 o novo grupo de goberno deixou sen executar os 120.000 euros previstos para esta partida, alegando "un problema de xestión interna", unha situación que se repetiu no 2020, con outros 120.000 euros, e no 2021, cos 220.00 euros que foran orzamentados. En total, 460.000 euros quedaron sen executar nestes tres exercicios, destaca a Coordinadora. A Coordinadora afirma que "de non publicarse as axudas este ano sería o cuarto ano consecutivo no que o Concello de Santiago se recoñece incapaz de executar o orzamento comprometido para a solidariedade e a loita contra a pobreza".

Porén, dende o Goberno municipal de Compostela asegúrase que neste ano si se publicará a convocatoria e executaranse as axudas destinadas a financiar proxectos de cooperación, desenvolvemente e de loita contra a pobreza. O Concello explica que en anos anteriores non foi posible executar estes fondos orzamentados debido a "complexidades na tramitación administrativas"

Imaxe dun proxecto que a Fundación Vicente Ferrer desenvolveu dentro desta convocatoria municipal © Ramón Serrano

A Coordinadora Galega de ONGDs denuncia a "incapacidade" do Concello de Santiago para executar unha convocatoria que se vén desenvolvendo sen problemas dende hai anos noutros concellos

A Coordinadora Galega de ONGDs denuncia a "incapacidade" do Concello de Santiago para executar unha convocatoria que se vén desenvolvendo sen problemas dende hai anos noutros concellos, como o de Lugo, e nas deputacións da Coruña e de Pontevedra. Ademais, a Coordinadora critica que dende a chegada ao Goberno local do PSdeG-PSOE non se volveu convocar o Consello Municipal de Cooperación do Concello de Santiago, o espazo de participación cidadá que contaba coa participación activa dos distintos grupos políticos municipais e de axentes de cooperación como as ONGD.

Compostela + Solidaria é un programa de sensibilización que durante os últimos seis anos desenvolveu a Coordinadora en distintos espazos da cidade

O programa Compostela + Solidaria

Compostela + Solidaria é un programa municipal de sensibilización e divulgación que durante os últimos seis anos desenvolveu a Coordinadora en distintos espazos da cidade, co obxectivo de "reflexionar ao redor de temáticas como as migracións, a convivencia entre culturas, a emerxencia climática ou o consumo responsable".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.