As protestas contra a falta de medios no ensino espállanse por Galicia e chegan ao Ortegal

Mobilización contra os recortes na educación en Cariño © ANPA A Basteira

A situación é xa recorrente: queixas por falta de medios e profesorado, folgas case unánimes en centros escolares e manifestacións masivas en vilas. As protestas pola escaseza de recursos e docentes e contra a masificación continúan en varios colexios galegos. Nos últimos dous meses, o IES de Brión recuperou un curso de reforzo en Secundaria e segue a pelexar por recuperar optativas tras dúas semanas de peche e folga; en Santiso, a mobilización no CEIP Arcediago conseguiu que a Xunta asignase un terceiro docente para Primaria, en Vilar do Barrio levan semanas loitando por máis profesorado, demandas semellantes ás que guiaron as mobilizacións en Roxos, Ares, Ordes, Santa Comba ou Redondela, entre outras localidades. 

As protestas e mobilizacións por falta de medios e profesorado e contra os recortes espállanse por ducias de localidades

Desta vez, as protestas chegaron á comarca do Ortegal. Pais, nais, alumnado e veciñanza manifestáronse este domingo no municipio de Cariño para esixir máis medios no CEIP Manuel Fraga. Convocados pola ANPA A Basteira, centos de persoas reclamaron que a Xunta incremente as horas do único docente de audición e linguaxe, destinado ao alumnado con necesidades especiais. Denuncian que, malia que este curso hai un cativo máis nestas circunstancias, o horario deste docente reduciuse de cinco a tres días, polo que nin tan sequera está todos os días no centro. 

Centos de persoas manifestáronse en Cariño pola redución de horario do único docente de audición e linguaxe malia aumentaro o número de alumnos con necesidades especiais

Como aconteceu nos casos doutros centros que denunciaron recortes, a Consellería de Educación contestou que o alumnado con necesidades especiais "está cuberto co persoal que hai" e negouse a achegar máis docentes ou medios. Tras as negociacións fallidas, a ANPA decidiu convocar a dúas xornadas de folga nun centro que quedou case baleiro. Dos 176 alumnos matriculados, tan só tres acudiron ás aulas nas dúas xornadas de paro convocadas a semana pasada que secundaron o 98% das familias. O domingo, centos de persoas percorreron as rúas de Cariño. para que as necesidades dos seus pequenos "estean ben cubertas". 

A Xunta asegura que as necesidades especiais "están cubertas co persoal que hai"

A manifestación estivo encabezada por unha pancarta que rezaba Un especialista en audición e linguaxe cinco días e un coidador máis. Educación de calidade para todos. Os convocantes cifran nun milleiro de persoas os asistentes -- en todo o municipio viven 4.000 persoas-- e na marcha estivo presente o alcalde e concelleiros de todos os grupos municipais. 

"Que a situación demográfica non supoña unha barreira para acceder aos servizos necesarios", demanda a ANPA

No manifesto lido ao final da mobilización, a ANPA do centro demandou "que a situación demográfica non supoña unha barreira para acceder aos servizos necesarios" nun concello que perdeu 1.200 habitantes en dúas décadas e que supera por pouco os 350 habitantes con menos de 16 anos. "Tense que investir e acabar coa escaseza de recursos", reclamou a asociación de nais e pais, que pide que "non se considere os nenos como meros números" e pide á Administración que "recoñeza as carencias e traballe para solucionalas".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.