Carbón de reis para a Xunta por ter rematado e pechado un centro de discapacidade case seis anos

Os 'reis magos' da Barcia, reclamando a apertura do CEGADI no Rexistro do Parlamento CC-BY-SA EM

Dende finais de 2013 está rematado no barrio compostelán de Salgueiriños o edificio do Centro Galego de Desenvolvemento Integral (CEGADI), un enorme complexo de arquitectura singular concibido en tempos do bipartito como un innovador centro de atención a persoas con discapacidade. O CEGADI acumulou anos de atraso e un sobrecusto nas súas obras de máis do 50%. Nesta media década ningún dos servizos para os que foi concibido o CEGADI comezaron a funcionar e xusto iso foi o que quixeron lembrar ao Goberno galego este 4 de xaneiro uns particulares reis magos.

A construción do CEGADI, concibido en tempos do bipartito, rematou en 2013 tras varios atrasos cun sobrecusto dun 50% nas obras

Estes reis non chegaron de Oriente, senón de parte de familias de alumnado do Centro de Educación Especial da Barcia. A ANPA deste centro mobilízanse dende hai anos para reclamar que ás súas fillas e fillos con discapacidade poidan seguir sendo atendidos alén dos 21 anos, cando remata a súa escolarización na Barcia. Por iso claman pola apertura do CEGADI. E por iso advirten, tamén con retranca, de que a Xunta volveu incumprir as súas promesas ao respecto.

Instalacións do CEGADI, no barrio compostelán de Salgueiriños CC-BY-SA Merixo

Ataviados como Melchor, Gaspar e Baltasar, os reis da Barcia achegáronse á sede do Valedor do Pobo e tamén ao Parlamento para entregar simbólicos carbóns para o gabinete de Feijóo. O CEGADI, lembran, concibiuse para "a promoción integral das persoas con diversidade funcional nun centro de vangarda", dende a rehabilitación funcional ata a formación específica. Pero as obras, evidencian, sufriron importantes atrasos e "malia aos numerosos anuncios para a súa completa posta en marcha", os últimos con 2018 como límite, "este centro segue sen estar en funcionamento con prexuízo para todas as persoas potencialmente usuarias".

As familias reclaman que rapaces e rapazas atendidos no colexio de educación especial da Barcia poidan recibir coidados en centros como o CEGADI alén dos 21 anos

Efectivamente, o último prazo ofrecido polo Goberno galego foi o remate de 2018. Sinalouno o pasado setembro o propio presidente, Alberto Núñez Feijóo, ao anunciar a sinatura dun convenio de 2,7 millóns -1,8 deles da Xunta- coa Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) para "implantar un plan integral de actuación" no CEGADI. Este convenio foi asinado pola conselleira de Política Social, Fabiola García, a pouco máis de vinte días para o remate do ano e os servizos, lamentan dende o centro da Barcia, aínda non comezaron a funcionar.

Estes particulares reis magos din agardar que "o saquiño de carbón" para a Xunta "sirva de chamada de atención para que durante o 2019 teñan máis en conta as nosas demandas", tanto no que atinxe á apertura do CEGADI como no vinculado á habilitación de prazas residenciais para persoas con discapacidade noutros centros da contorna compostelá. "Son moitos os colectivos e familias" que o reclaman, subliñan.

Ao anunciar o convenio con COGAMI para abrir o centro o propio Feijóo sinalou a fin do 2018 como horizonte para o comezo dos servizos

A Xunta sinala o Goberno central

Esta protesta prodúcese despois de que, a finais de 2017, a Xunta trasladase ao CEGADI varios servizos dependentes da Consellería de Política Social, como a fundación pública que se encarga da tutela de persoas adultas -un ente que arrastra graves problemas de xestión- ou os equipos de valoración de persoas con discapacidade. Mentres, na propia sinatura do convenio con COGAMI a conselleira Fabiola García reiteraba a "entrada en funcionamento" inmediata dos servizos acordados -como fisioterapia, rehabilitación ou terapia ocupacional, entre outros-.

Ao tempo, García advertía de que a apertura da área residencial do CEGADI depende de que o Goberno central cumpra o pactado nun convenio coa Xunta que contemplaba, entre outros aspectos, 500.000 euros para este centro. Ese convenio foi asinado en abril de 2018, cando o CEGADI xa levaba cinco anos pechado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.