Ao longo desta fin de semana montes de toda Galicia están a ser escenario de traballos de deseucaliptización, no marco da segunda edición da Deseucaliptización Simultánea, impulsada por 25 entidades. As actividades chegarán a 15 concellos de todo o país e aínda que comezaron o pasado 1 de xuño e chegarán ata o vindeiro sábado 15, neste venres, sábado e domingo terán lugar a maior parte dos traballos
A Deseucaliptización Simultánea foi convocada pola rede a prol do bosque galego “Cousa de Raíces” e o seu obxectivo é eliminar dunha serie de parcelas seleccionadas especies invasoras como o eucalipto, a acacia ou a mimosa. A iniciativa segue o ronsel aberto pola primeira acción simultánea, realizada o pasado mes de marzo e tamén polos traballos das Brigadas Deseucaliptizadoras, que nesta entrevista facían balance do seu primeiro ano de existencia.
O ciclo de actuacións xa comezou o sábado, 1 de xuño, no Monte de Fornelos de Monfero e rematará o vindeiro 15 de xuño en Vigo, no Monte da Guía, sumando en total 15 saídas deseucaliptizadoras e/ou desacacializadoras repartidas nas catro provincias galegas. Pontevedra volve ser a provincia con maior número de accións, 7 en total, 2 delas en Vigo, e as outras en Lourizán, Moaña, Gondomar, Pontecaldelas e Cerdedo-Cotobade. Na provincia da Coruña convócanse 5 accións de eliminación en montes dos concellos de Ferrol, Monfero, Corcubión, Lousame e Rianxo. Ourense acolle dúas actuacións nos montes de Cenlle e Melón e, en Lugo, acudirase a Ramil (Palas de Rei).
As entidades que nesta ocasión acudiron ao chamado de Cousa de Raíces foron: ADEGA, Couto da Eirexiña, As Brigadas deseucaliptizadoras, Verdegaia, Montescola, A Rente do Chan-Pladever, Arlequín (MonTeis), Voces polo litoral de Teis, APDR, Bétula, Amigos da Terra, Asociación Vergasta, Boca do Sapo, Fundación Eira; os colectivos veciñais de Lentille, Tirán, A Movemento veciñal Fousas ao Monte; e, as comunidades de montes veciñais en man común de Tourón (Melón), O Fieitoso (Rianxo), Teis (Vigo), Lourizán (Pontevedra), Froxán (Lousame) e Rebordelo (Cercedo-Cotobade).
Lista de montes
- Monte Rebordelo, Cerdedo-Cotobade (sábado 8)
- Monte Froxán, Lousame (sábado 8)
- Monte Calexón, Ferrol (sábado 8)
- Monte Lentille, Cenlle (sábado 8)
- Monte Gradín (Cruceiro das Torres), Ponte Caldelas (sábado 8)
- Capela dos Remedios, Moaña (venres 7)
- Monte da Madroa, Vigo (sábado 8)
- Monte de Vincios, Gondomar (mércores 5)
- Monte de Filgueiras, Rianxo (sábado 1)
- Fragas do Eume, Monfero (sábado 1)
- Montes de Tourón, Melón (domingo 9)
- Zarra da Costa, Palas de Rei (sábado 8)
- Finca Cambeiro, Corcubión (sábado 8)
- Monte da Guía, Vigo (sábado 15)