Chega a xuízo o caso do mozo ao que o fiscal pide cárcere polas protestas contra o desaloxo do Escárnio e Maldizer de Santiago

Aspecto do edificio onde se situaba o centro social okupado e autoxestionado Escárnio e Maldizer despois do desaloxo Dominio Público E.U.

Chema Naia enfróntase a unha petición de ata catro anos e medio de prisión e 4.000 euros de multa por "atentado a autoridade e lesións a varios antidisturbios"

Este luns celébrase o xuízo contra Chema Naia, investigado pola mobilización posterior ao desaloxo do centro social ocupado e autoxestionado Escárnio e Maldizer de Santiago o 30 de maio de 2017. Situado na rúa da Algalia, en pleno casco histórico, ocupaba a antiga sede da agrupación folclórica Cantigas e Agarimos. Co desaloxo, por unha orde xudicial, sucedéronse as mobilizacións de rexeitamento en Santiago.

O acusado enfronta unha petición da Fiscalía de ata catro anos e medio de prisión por ter participado nunha manifestación na que, asegura, foi golpeado pola Policía. Desde o grupo de apoio que reivindica a súa absolución afirman, ademais, que "os policías o esposaron inconsciente" e lle negaron os seus dereitos ao demorar a atención médica. Describen que se lle impediu o paso a unha ambulancia e que pasou máis dunha hora desde que recibiu "unha forte contusión na cabeza" ata que foi atendido por profesionais sanitarios. 

O grupo constituído para apoialo ve a absolución "como único desenlace posible deste caso nun Estado democrático"

O grupo de apoio a Chema Naia reivindica a absolución "como único desenlace posible deste caso nun Estado democrático". Pero estenden as súas reivindicacións máis alá deste caso particular e sinala a lei mordaza para reclamar "unha defensa superior das liberdades públicas" e a "defensa do dereito de manifestación".

Baixo o lema Paremos os xuízos políticos. Defendamos as liberdades públicas, este grupo de apoio organizado articulou nos últimos meses unha campaña de denuncia con máis dunha ducia de actos arredor do país con concertos, murais e palestras que desenbocan na concentración deste luns diante dos Xulgados das Fontiñas en Santiago.

"Poñemos o foco na presunción de veracidade da que gozan os corpos e forzas de seguridade do Estado, que moitas veces leva a prevaricación e mentira co fin de danar a loita social", aseguran nas súas redes sociais. "Na nosa loita, como non podía ser doutra forma, tamén reclamamos a inmediata posta en liberdade e a amnistía para todas as persoas encarceradas no Estado español por motivacións políticas", aseveran. 

Ademais da pena de prisión, Chema Naia tamén podería ter que pagar 4.000 euros de multa en concepto de responsabilidade civil. Acúsanno, segundo trasladan desde o seu grupo de apoio, "de atentado a autoridade e lesións a varios antidisturbios, sendo el quen padeceu a violencia da Policía sendo posta mesmo a súa vida en risco".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.