Comuneiros de Cabral denuncian o gasto "sen consulta previa" de 1,15 millóns de euros nunha senda no Lagares

O río Lagares, entre Vigo e O Porriño © sendereando.es

A Xunta Reitora da Comunidade de Montes de Cabral, encabezada polo seu presidente, Luis Rodríguez, aprobou hai uns días o inicio das obras no proxecto de construción dunha senda de 5,4 quilómetros no río Lagares. A actuación ten un orzamento de 1,15 millóns de euros. Porén, o grupo de comuneiros e comuneiras críticas coa xestión de Rodríguez á fronte da entidade denuncia que este importante proxecto nin sequera foi consultado coa asemblea de comuneiros, ao igual que o millonario investimento.

De feito, a pasada fin de semana máis de 150 persoas acudiron á asemblea convocada en Cabral por este grupo de comuneiros críticos, para recibir información sobre este proxecto. Denuncian que os traballos comezaron sen que aínda foran aprobados os orzamentos da comunidade de montes e aseguran que as obras nin sequera respectan os prazos administrativos legais. Tamén critican a actitude do Concello de Vigo e a súa connivencia coa polémica xestión de Rodríguez.

Denuncian que os traballos comezaron sen que aínda foran aprobados os orzamentos da comunidade de montes e que as obras nin sequera respectan os prazos administrativos legais

Cómpre lembrar que Luis Rodríguez foi denunciado nos últimos meses por falsear a aprobación de Contas na asemblea da Comunidade do pasado 1 de xuño, e que tamén foi imputado por apropiación indebida e xestión desleal. Os comuneiros consideran que a situación do Presidente da Xunta Directiva "cercado por accións xudiciais e carente do apio dos veciños" resulta "insostible". Engaden que "a única razón pola que se aferra ao cargo son os seus intereses e compromisos na promoción de Porto Cabral, xerando unha crise sen precedentes na Comunidade e poñendo en perigo a preservación do patrimonio comunal".

Hai uns días, así mesmo, Esquerda Unida celebrou un acto público sobre os proxectos de Porto Cabral e Puerto Mediterráneo (Paterna-Valencia) "como exemplos dun modelo de urbanismo especulativo e con incidencia desastrosa nas economías locais". EU considera que Liñeiriños é a plasmación da “tolemia urbanista que contén o PXOM de Vigo” e afirma que "traballará arreo pola redacción dun novo PXOM e a modificación da presión que promotores e intereses económicos especulativos fan sobre o monte comunal de Cabral e por extensión na superficie rústica de Vigo".

O río Lagares, entre Vigo e O Porriño © sendereando.es
Intervención da xunta reitora da Comunidade de Montes de Cabral Dominio Público O monte non se vende

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.