British Petroleum (BP) terá que pagar 18.571 millóns de euros como indemnización polos danos ambientais causados pola explosión en 2010 da plataforma Deepwater Horizon no Golfo de México, no que se converte na multa máis elevada pagada nunca nos Estados Unidos. A cantidade, pactada entre a empresa, o Departamento de Xustiza estadounidense e cinco estados do sur do país (Alabama, Florida, Luisiana, Mississippi e Texas), súmase ás multas e custes dos traballos de limpeza pagados anteriormente pola compañía. Un total de case 48 mil millóns de euros, aos que haberá que engadir o que BP lle pague aos pescadores mexicanos afectados pola vertedura de petróleo.
A cantidade total pagada por BP en forma de multas ou traballos de limpeza rolda os 48 mil millóns de euros
A resolución deste caso contrasta co sucedido en Galicia coa marea negra do Prestige. A sentenza ditada en 2013 absolveu a case todas as partes implicadas e fixou unicamente unha indemnización de 22,7 millóns de euros a pagar pola aseguradora, que aínda non foi repartida. A proceso, ademais, completouse en cinco anos no caso do Golfo de México, menos da metade dos que houbo que agardar para coñecer a sentenza do Prestige.
En opinión de Greenpeace, a resolución do caso de BP é un exemplo de que "contaminar sae máis barato segundo onde se faga"
En opinión de Greenpeace, a resolución do caso de BP é un exemplo de que "contaminar sae máis barato segundo onde se faga". Para Anova, pola súa banda, o sucedido nos Estados Unidos "contrasta coa absoluta incapacidade demostrada polo Estado español logo da catástrofe do Prestige". Ademais da "ridícula e insultante cifra destinada pola aseguradora", Anova destaca "o fracaso das demandas do Estado español nos Estados Unidos, incapaz de sacar nada da pírrica indemnización –1.000 millóns de euros– solicitada á clasificadora do buque, a American Bureau of Shipping (ABS), que foi quen certificou o vello monoscasco do Prestige como apto para transportar o cru". A formación subliña que o Estado español gastou nese proceso "uns 31 millóns de euros en gastos xudiciais dos bufetes ianquis e 40 millóns en custes, o que sen dúbida aumenta aínda máis o ridículo feito".
Para Anova, o sucedido nos Estados Unidos "contrasta coa absoluta incapacidade demostrada polo Estado español"
A pasada semana a Fiscalía reclamou no Tribunal Supremo a anulación da sentenza da Audiencia Provincial da Coruña que en novembro de 2013 absolveu o Estado da catástrofe provocada polo Prestige e que cualificara a xestión do Goberno central como "profesional e correcta". A Fiscalía pide así mesmo que se recoñezan indemnizacións por 4.238 millóns de euros. Unha hipotética condena do capitán por parte do Supremo podería determinar que a operadora do barco e a aseguradora do Prestige afrontasen a póliza de 1.000 millóns subscrita pola embarcación.
Anova sinala que "a comparanza entre ambos os dous casos abonda para afirmar que o Estado non cumpriu, nin de lonxe, coa súa función". "Tratou por todos os medios de coller pola estrema, primeiro criminalizando á cidadanía organizada e, despois, lexislando contra ela. En xuño de 2003 publicábase o Real Decreto 4/2003, polo que, para recibir algún dos cartos destinados a indemnizacións por parte do Estado, obrigaban os beneficiarios a renunciar o inicio no futuro calquera acción, procedemento ou reclamación relativa ao sinistro do buque", explica. Engadindo que "os fondos destinados eran migallas", pois só se orzamentaron 151 millóns, pagándose ao redor de 120.