"De non extraditar os torturadores franquistas, España será refuxio de represores"

Homenaxe aos asasinados e represaliados polo franquismo CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo

A xustiza arxentina prevé xulgar o franquismo e levar os torturadores aínda vivos ao banco dos acusados. A pasada semana, a xuíza María Servini de Cubría solicitou formalmente a extradición dos ex axentes imputados por un delito de torturas e subiu así un chanzo máis cara á reparación cuxo camiño empezou hai xa anos da man dun galego, Darío Rivas, que con máis de 90 segue exixindo xustiza para seu pai, alcalde de Castro de Rei asasinado en 1937 e cuxo corpo logrou recuperar en 2005. Cinco anos despois, aquel 14 de abril de 2010, presentou unha querela por xenocidio e crimes de lesa humanidade contra a ditadura e ante a nulidade e falta de progreso das causas abertas contra o franquismo en España. Pero as trabas por parte do Goberno de Madrid continúan, tal e como explica nesta entrevista Máximo Castex, un dos avogados da querela, que leva anos comprobando os atrancos que chegan desde a outra beira do Atlántico.

Está a poñer moitas trabas a xustiza española á causa contra o franquismo aberta en Arxentina? Que opinión merécelle a actitude de España?

É coñecido que, desde que se iniciou a causa en Arxentina o 14 de abril de 2010, a xuíza Servini de Cubría librou dúas comisións rogatorias. A primeira a efectos de que se lle informase sobre as investigacións que se estaban realizando en España en relación con estes crimes. Como era de esperar, a Fiscalía Xeral do Estado contestou, moitísimos meses despois, que existían investigacións por todas as partes e de paso que, debido a iso, non era competente a xurisdición arxentina. A segunda, requirindo ás autoridades españolas para que lle transmitisen unha longa e importante serie de informacións, entre elas a identificación precisa e fe de vida de múltiples responsables dos crimes cometidos. A Fiscalía esta vez foi máis aló. Non só deixou de contestar a todas e cada unha das peticións, senón que reiterou, coma se nada se lle tivese pedido, que todo se estaba investigando, que Arxentina non era país competente e, con inigualable hipocrisía, que convidaba á xuíza arxentina a remitir as súas actuacións a España para incorporalas ás causas en curso. Iso ocorreu cando, xa en febreiro de 2012, o célebre Tribunal Supremo Español resolvera que nada se podía investigar porque, entre outros insólitos razoamentos, os crimes contra a humanidade cometidos polo franquismo non eran tales no momento no que se cometeron.

"España contestou con inigualable hipocrisía á xuíza, convidándoa a remitirlle as súas actuacións ás causas abertas contra o franquismo"

A xuíza fixou para o pasado 8 de maio a data para o comezo das primeiras doce declaracións testemuñais de vítimas do franquismo a través de vídeo-conferencias. Que pasou?

Estas vítimas do franquismo ían ser escoitadas por primeira vez na súa vida. Con todo, o goberno español  interveu, no último momento, para impedilas. Para iso, o Ministerio de Asuntos Exteriores enviou unha nota á embaixada Arxentina en Madrid advertindo de que para poder levar a cabo dilixencias de natureza xurisdiccional debían ser xestionadas mediante unha Comisión Rogatoria dirixida ao devandito Ministerio porque así o impón o Tratado bilateral de extradición e asistencia xudicial en materia penal entre Arxentina e España. Ademais, engadía que así fora con respecto a dilixencias similares practicadas con anterioridade.

E presentaron de novo a querela.

Iso motivou unha nova presentación da querela, a través da cal explicamos que o devandito Tratado non era de aplicación ao caso. O propósito do goberno español coas videoconferencias é claro: que se requira da súa autorización para realizalas e responder, varios meses despois, que non as consente porque a xurisdición arxentina non ten competencia, da mesma forma que fixo cos dous exhortos que lle foron remitidos pola Xustiza arxentina.

"Algúns dos imputados teñen fortes vínculos co poder público e privado en España e sabemos que poden gozar da súa protección"

Cre que se acabará tomando declaración aos imputados?

Somos conscientes de que algúns dos imputados teñen fortes vinculacións tanto con sectores do poder público español como do privado e que, chegado o caso, poden gozar da súa protección, pero, de todos os xeitos, no caso de que España se negue á extradición que xa se solicitou, converterase nun país que refuxia a represores, torturadores e apropiadores de nenos, co descrédito que iso xera no ámbito internacional.

É posible que declaren outros implicados, incluídos antigos cargos políticos da ditadura?

Claro que si. De feito, xa solicitamos a detención con fins de extradición de ministros e xuíces do réxime de Franco [Rodolfo Martín Villa, José Utrera Molina, Fernando Suárez González, Rafael Gómez Chaparro e Jesús Cejas Mohedano], cuxa resolución por parte da xuíza arxentina está pendente. Unha vez resolta a situación procesual dos catro imputados dos que se solicitou a súa extradición, retomaremos e insistiremos con esta última imputación e formularemos outras novas.  

"Se España se nega á extradición, será un país que refuxia represores, torturadores e apropiadores de nenos, co descrédito internacional que iso supón"

Cantos casos de represaliados se inclúen na querela?

Que entende por represalidados? Os desaparecidos (paseados e asasinados)? Os fusilados? Os torturados? Os que fixeron traballo escravo? Como para min todos eles son represaliados, habería que deducir as querelas dos bebés roubados (que entre asociacións e particulares non chegan a 10), e serían unhas 150 querelas. A maioría son represaliados.

Poderían autoridades internacionais sancionar a España pola súa negativa a investigar o franquismo?

Non hai previstas sancións aos estados. Existe un conxunto de principios das Nacións Unidas sobre responsabilidade dos estados por feitos internacionalmente ilícitos. Estes feitos poderían ser as omisións de xulgar e investigar por parte de España. Existen varias medidas que os demais estados poden adoptar para inducir o estado a cumprir as súas obrigas. É un instrumento aprobado, pero que non ten valor de tratado. Con todo, revela consenso, e polo tanto, podería ser considerado normativa  internacional.

"Non hai un organismo internacional que poida condenar a España por non xulgar o franquismo, pero si pode haber resposta da comunidade internacional"

Daquela, que é o que queda?

Lamentablemente só existe o ius cogens: pacta sunt servanda (o pactado obriga). Os estados poderían aplicar sancións indirectas fronte ao estado que incumpre (sempre que non sexan en materia de dereitos humanos!). Por exemplo, Estados Unidos fronte a Sudáfrica cando o apartheid suspendeu os dereitos de aterraxe de South African Airlines. Pero non hai un organismo internacional que poida condenar a España por non xulgar (como o Consello de Seguridade que autoriza a aplicar sancións cando existe unha ameaza á paz). A Unión Europea prevé sancións pero dirixidas a individuos ou entidades e tamén medidas restritivas aos estados (embargo de armas, restricións comerciais). Se se desexa, pódese interpretar a normativa internacional de modo que haxa unha resposta da comunidade internacional ante a violación das obrigacións en materia de Dereitos Humanos. En particular, no noso caso: aut dedere, aut judicare (ou extraditar ou xulgar).

Hai posibilidades de deixar sen efecto a Lei de Amnistía de 1977?

Non só pode ser derrogada, senón até ser declarada nula como o foron as leis arxentinas de Punto Final e Obediencia Debida. De feito, foi unha das  recomendacións realizadas polo Grupo de Traballo da ONU sobre Desaparicións Forzadas ou Involuntarias (GTDFI), que instou a España a eliminar a lei de amnistía, crear no seu Código Penal o delito autónomo de desaparición forzada e ratificar a Convención sobre a imprescriptibilidade dos crimes de guerra e de lesa humanidade, entre outros puntos.

"Tras décadas de impunidade, hai ordes de detención internacional sobre catro torturadores e iso xa é unha reparación para as vítimas, pero iremos a por máis"

É optimista de cara a como acabará o proceso?

Como non selo! Pense no que se logrou. Ao día de hoxe e logo de décadas de impunidade, sobre catro torturadores pesan ordes de detención internacional con fins de ser extraditados e xulgados. Iso xa representa unha reparación para as vítimas torturadas, pero obviamente iremos por máis. Indiscutiblemente, ao ser un tipo de proceso penal non convencional levará o seu tempo.

Que avaliación fai da actuación da xustiza arxentina neste proceso?

A primeira reacción por parte da xuíza Servini de Cubría fronte á presentación da querela foi a desestimación, como consecuencia dunha recomendación do fiscal baseada no suposto infundado de que a xustiza española xa estaba a investigar os feitos denunciados. Ante iso, a parte querelante presentou un recurso de apelación. Tamén tivemos que apelar fronte a unha resolución da xuíza que non admitía como parte querelante a unha persoa que se presentaba por parentes que non eran os pais, fillos nin cónxuxe, é dicir, os mencionados literalmente no Código Procesual que se refire á lexitimación como querelantes. En ambos os dous casos, a Cámara Federal de Apelacións deu razón á parte querelante. As respostas dadas pola Cámara a ambas as dúas apelacións céntranse no mesmo punto: a protección do dereito de acceso á xustiza no caso de graves crimes internacionais. Neste sentido,  pronunciouse en consonancia coa evolución xurisprudencial que se veu desenvolvendo en materia de Dereitos Humanos tanto a nivel nacional como internacional.

E aí a causa virou, non si?

Como consecuencia da resolución ditada pola Cámara de Apelacións en setembro de 2010, a actuación da xuíza Servini de Cubría foi moi positiva, xa que até a data ordenou unha serie de medidas moi importantes: o libramento de dous exhortos dirixidos ao Goberno español nos que se requiriu información moi concreta sobre diversos puntos, solicitou á Corte Suprema de Xustiza da Nación unha viaxe a fin de recibir persoalmente declaracións testemuñais de vítimas e/ou testemuñas. Ante a frustración da devandita viaxe, tomou audiencias testemuñais a un grupo de cidadáns españois que viaxaron especialmente a Arxentina, ordenou declaracións testemuñais de doce vítimas mediante o sistema de videoconferencias, dispuxo e recibiu a declaración testemuñal do ex xuíz Baltasar Garzón e, por último, ordenou a detención preventiva con fins de extracción de catro torturados acusados.

"A causa contra o franquismo puido abrirse, e aínda pode abrirse, en calquera país do mundo; todos os países deben xulgar os graves crimes internacionais"

Por que unha querela en Arxentina e por que tantos anos despois?

Permítame explicarlle algo antes. En realidade, esta causa podería abrirse, e aínda pode abrirse, en calquera país do mundo. Non hai que esquecerse do principio de xurisdición universal: todos os países non só poden, senón que deben xulgar os graves crimes internacionais. Isto leva a preguntarnos: por que na República Arxentina e non noutro país? Iso explícase se repasamos as circunstancias que obraron a favor de que esta causa se abra na Arxentina.

Cales foron esas circunstancias favorábeis?

En 2010, ano no que se presentou unha querela en Arxentina pola represión franquista, o contexto xurídico arxentino imperante e o percorrido que fixera a xurisprudencia, impulsada polas asociacións de dereitos humanos, avanzando contra a impunidade dos graves crimes cometidos durante a última ditadura militar arxentina, xa se mostraba moi favorable ao enxuizamiento dos graves crimes que se denunciaban na querela. Non é de estrañar, entón, que nun país no que se están levando a cabo centos de xuízos, nos que hai máis de 200 condenados polos devanditos crimes, a xustiza responda ao chamado de vítimas dese mesmo tipo de crimes que acoden a ela, aínda que sexan nacionais doutro país. Desa forma enténdese a apertura da xustiza arxentina para o axuizamento dos crimes contra a humanidade e, en consecuencia, para o exercicio da xurisdición universal.

Máximo Castex CC-BY-NC-SA LaComunapresxsdelfranquismo

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.