Deberes urxentes para os novos gobernos municipais: vivenda e loita contra a pobreza

Imaxes que revelan a situación de pobreza de milleiros de persoas son habituais nas cidades galegas CC-BY-SA Dani Vázquez

A pobreza, a desigualdade e a situación de exclusión que sofren practicamente unha de cada catro persoas en Galicia son algúns dos asuntos máis importantes aos que se teñen de enfrontar as novas corporacións municipais. Tamén, ligado ao anterior, o problema das vivendas precarias e dos desafiuzamentos, que continúan. O pasado venres, en entrevista con Praza, o director da Rede Galega contra a Pobreza, Xosé Cuns, pedíalles aos novos gobernos medidas "concretas", "coordinación", un incremento do orzamento social e unha verdadeira política de inclusión, que vaia á raíz das causas da pobreza, máis aló de medidas de emerxencia ou asistencialistas. Cuns restoulle importancia, así mesmo, ás propostas de novas rendas sociais, optando pola contra por complementar e mellorar a actual Risga. 

Marea Atlántica prevé o establecemento dunha Renda Social Municipal e a creación dun Plan Local de Inclusión Social

Na Coruña a Marea Atlántica presentou un dos programas máis ambiciosos e concretos neste eido, tamén no que respecta aos seus prazos e urxencia de aplicación, pois o groso de accións de inclusión, de loita contra a pobreza e de garantía do dereito á vivenda figuran entre as 25 medidas prometidas para os 100 primeiros días de goberno. Entre outras cousas, prevese o establecemento dunha Renda Social Municipal cunha dotación anual inicial de 3 millóns de euros que achegue unha renda complementaria -entre 400 e 720 euros como máximo por unidade familiar- para aquelas persoas que non teñan os requisitos para poder acceder á Risga. Tamén propoñen erradicar a pobreza alimentaria das e dos menores utilizando a rede de centros escolares da cidade; a erradicación da pobreza enerxética; a creación dun Plan Local de Inclusión Social "que articule de maneira eficaz a acción pública municipal en materia de políticas sociais"; e a posta en marcha dunha Estratexia Local de Inclusión Laboral para os colectivos en risco de exclusión, unida a un Plan Municipal de Emprego.

No programa de Compostela Aberta prométese, atendendo a proposta da Rede Galega contra a Pobreza, "incrementar o investimento social até 110 euros por habitante e ano"

No programa de Compostela Aberta prométese, atendendo a proposta da Rede Galega contra a Pobreza, "incrementar o investimento social até 110 euros por habitante e ano". Tamén se prevé elaborar un plan municipal de loita contra a pobreza e exclusión social "que teña como primeiro obxectivo a erradicación da pobreza infantil e garanta o acceso a todas as nenas e nenos aos recursos socio-educativos, culturais e de ocio". Ao igual que na Coruña proponse a elaboración dun plan de inclusión laboral dos grupos vulnerables e en risco de exclusión social. Ademais, quérese desenvolver un sistema de tarxeta de acceso a recursos e servizos básicos para persoas en risco de exclusión social, definir estratexias e adoptar medidas concretas contra a feminización da pobreza e a desigualdade de xénero no mercado de traballo, crear unha bolsa para axuda ao pagamento de servizos municipais básicos (auga, IBI, lixo, transporte público, comedores escolares...) e crear o servizo municipal de atención integral a persoas sen fogar.

Ferrol en Común propón a "supresión das axudas de emerxencia" e a "implantación de plans sociais integrais de desenvolvemento persoal"

Un dos primeiros puntos do programa presentado por Ferrol en Común fai referencia á aprobación inmediata dun "plan de choque contra a emerxencia social". Este plan, "consensuado cos tecidos social e veciñal e coas organizacións sindicais" quere "priorizar todo o gasto público en tres eixos principais: emprego, servizos sociais e vivenda". Destacan que o Concello non debe funcionar "como órgano de caridade e beneficencia" e propoñen a "supresión das axudas de emerxencia" e a "implantación de plans sociais integrais de desenvolvemento persoal". Así mesmo, apóstase pola "progresividade fiscal en todos os tributos" e por "exencións a desempregados e persoas con especial dificultade no transporte público e actos culturais". Así mesmo, no programa afírmase que se estudará a posta en marcha dunha "renda básica municipal que supla as limitacións burocráticas e excluíntes do Risga".

O BNG propón en Pontevedra "manter e reforzar o traballo coas persoas e familias para conseguir unha verdadeira inclusión social na cidade"

En Pontevedra, o BNG prometeu, dentro das medidas para os 100 primeiros días de goberno, a implantación da Redeaxuda nos barrios e parroquias, unha plataforma de axuda e interacción entre a cidadanía e as entidades sociais pontevedresas para atender as necesidades básicas da poboación. No programa tamén propón "manter e reforzar o traballo coas persoas e familias para conseguir unha verdadeira inclusión social na cidade" e afirma que esixirá da Xunta "a rebaixa das condicións que hai que cumprir para a percepción da Risga". Así mesmo, promete aumentar as partidas de Axudas de Emerxencia para solucionar os casos máis graves de persoas e familias sen recursos.

O PSdeG-PSOE promete aumentar ata o 22% o investimento en emerxencia e gasto social en Lugo para "ser a primeira cidade española en investimento social"

En Lugo, o PSdeG-PSOE destacaba no seu programa electoral que a urbe conseguira ser a cidade galega con máis gasto social (157 euros por persoa e ano), triplicando os datos de Pontevedra ou Compostela. Promete aumentar ata o 22% o investimento en emerxencia e gasto social para "ser a primeira cidade española en investimento social", destinando ademais o 1% dos ingresos da ORA a atender as necesidades das persoas máis necesitadas. Así mesmo, prometen manter o uso da normativa para favorecer "as persoas que non poden afrontar o pago dos recibos da auga e do lixo e seguiremos asumindo, mediante a emerxencia social, o pagamento dos recibos custes diarios imprescindibles para a vida das familias". De igual xeito, ofrécense a traballar xunto aos centros escolares para "garantir unha alimentación axeitada das nenas e nenos en período de vacacións e axudas para a comida aquelas familias que non teñan recursos".

  ACoruña Compostela Ferrol Lugo Ourense Pontevedra Vigo
Poboación risco de pobreza / exclusión.% 19.09 18.7 22.97 17.7 23.24 20.62 21.21
Orzamento social (€/ habitante). 95.11 55.92 109.44 157.18 85.75 48.74 66.79

% de persoas en risco de pobreza e exclusión nas sete cidades (datos: INE, 2012) e Orzamento social (datos: EAPN, 2013)

 

A vivenda, un dereito antes que un negocio

No programa de goberno da Marea Atlántica prevese a "paralización dos desafiuzamentos de responsabilidade municipal e procura de solucións e alternativas para o resto"

Outro ámbito clave das políticas municipais vai estar ligado ao acceso de todas as persoas a unha vivenda digna, sobre todo no caso de familias sen recursos, en risco de exclusión ou que foron desafiuzadas das súas casas. No programa de goberno da Marea Atlántica prevese a "paralización dos desafiuzamentos de responsabilidade municipal e procura de solucións e alternativas para o resto". Estas solucións pasan pola elaboración dun plan de fomento do dereito á vivenda, polo fomento da vivenda pública e polo apoio á rehabilitación. De igual xeito, prométese "dar solución aos asentamentos precarios da cidade cun plan de inclusión social integral (vivenda, emprego, educación, saúde....).

Compostela Aberta ofrécese a "facilitar vivenda a persoas en situación de despexo e emerxencia social, en colaboración coa Axencia municipal de vivenda pública" e, igualmente, a "dotar unha partida orzamentaria para axudas pagamento hipoteca ou alugueiro a persoas en situación de risco e/ou exclusión social".

Ferrol en Común lembra no seu programa que na cidade hai ao redor de nove mil vivendas baleiras e aposta por "unha política de rehabilitación e rexeneración urbana"

Ferrol en Común promete "unha cidade libre de desafiuzamentos", a través dunha oficina de apoio aos desafiuzados e de medidas de apoio ao alugueiro social. A formación lembra no seu programa que na cidade hai ao redor de nove mil vivendas baleiras e aposta por "unha política de rehabilitación e rexeneración urbana" e por "unha política de vivenda e alugueiro social, directamente conectada coa creación de emprego a través de ciclos de formación profesional en rehabilitación, conservación e mantemento de vivendas de titularidade pública ou privada". De igual xeito propón gravar no IBI as vivendas baleiras en propiedade dos bancos.

En Pontevedra, o BNG propón continuar coa súa política de apoio ás familias desaloxadas das súas vivendas, a través da oficina de desafiuzamentos dependente do Concello.

En Lugo, o PSdeG-PSOE afirma no seu programa que nas políticas de axudas ao alugueiro "seguirán tendo prioridade para o acceso a mocidade, as persoas maiores, as persoas que foran desafiuzadas e as mulleres vítimas da violencia de xénero". Prometen, igualmente, reinvestir o importe obtido como consecuencia de medidas sancionadoras en materia de vivenda "no financiamento de programas de rehabilitación e adaptación de vivendas das familias máis desfavorecidas" e a seguir colaborando "como facemos agora" coas familias que sufran os desafiuzamentos.

A Coruña Vigo Ourense Compostela Lugo Pontevedra Ferrol
19.283 18.588 14.561 9.512 12.370 6.886 8.318

Vivendas baleiras nas sete cidades galegas. Fonte: INE, 2011

Faixa de Stop Desafiuzamentos ante unha vivenda desaloxada CC-BY-SA Stop Desafiuzamentos
Imaxes que revelan a situación de pobreza de milleiros de persoas son habituais nas cidades galegas CC-BY-SA Dani Vázquez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.