Doentes de hepatite esixen "desculpas" de Feijóo: "O noso único interese era non morrer"

Costas (dereita), durante a rolda de prensa CC-BY-SA Praza Pública

A Plataforma Galega de Persoas Afectadas pola Hepatite C leva dous anos realizando diversas accións para esixir igualdade no acceso aos tratamentos desta doenza. Dende comezos deste mes están, ademais, persoados a todos os efectos como acusación popular no proceso xudicial no que están investigados -antiga imputación- dous cargos de sanidade por presunta prevaricación no proceso de subministración dos fármacos, o mesmo no que a Fiscalía acusa a Xunta de oito delitos de homicidio imprudente. A reacción política do Goberno galego ao caso, nomeadamente a do presidente da Xunta, vén de levar o colectivo a esixir "desculpas" do presidente da Xunta mentres advirte de "mentiras" que, cren, poden alargar o procedemento xudicial.

"Cando diciamos que isto estaba pasando e que estaba a provocar mortes, dicíase que éramos manipulados, que nos movían intereses escuros", lembra o voceiro da plataforma, Henrique Costas, quen censura que o presidente, unha vez coñecidas as imputacións, "tivese a ben en quitarlle ferro dicindo que non se podía armar semellante por dúas ou tres mortes". "Os nosos únicos intereses eran non morrer como os nosos compañeiros", ilustra.

"Parécenos indigno, unha falta de respecto á memoria das vítimas e da máis mínima empatía e compaixón", di a plataforma sobre as verbas de Feijóo

"Parécenos indigno, unha falta absoluta de respecto á memoria das vítimas" e ausencia "das máis mínimas empatía e compaixón", lamenta Costas, antes de animar a Feijóo a empregar o mesmo "ardor" co que defende os cargos imputados, Félix Rubial e Carolina González-Criado, para "dar explicacións e desculparse connosco". "Estamos dispostos a admitilas", afirma Costas, nun contexto no que, dado o apoio do presidente aos investigados, a platafora ve o "futuro político" do presidente da Xunta "ligado ao futuro procesual destas dúas persoas". "Que sexa valente e vincule o seu futuro político" a eles, reta, toda vez que, ao seu xuízo, Feijóo vén exercendo a "covardía política" neste eido, xa sexa con declaracións ou "saíndo por patas do pleno do Parlamento" no que o PP rexeitou unha iniciativa a prol do acceso aos tratamentos.

"Mentiras" e posibles "novidades" xudiciais

Alén das esixencia de desculpas a plataforma advirte de que seguirá a reclamar, publicamente pero tamén na vía xudicial, polo que considera "mentiras" da Xunta neste caso, a comezar polas cifras que recorrentemente veñen sendo ofrecidas dende o Executivo a respecto dos tratamentos. Así, por exemplo, subliña Costas, Sanidade reitera que atendeu "o 99%" das solicitudes de tratamento que pasaron pola subcomisión que os autoriza. "O 99% de que?", pregúntase, xa que "ninguén pode ser tratado co que non existe" e o sofosvubir (nome técnico do Sovaldi) foi aprobado en novembro de 2014, mentres que o funcionamento da subcomisión é anterior.

O colectivo, persoado como acusación popular, tentará aclarar se o Sergas cometeu "erros ou delitos" en documentación relativa aos tratamentos

As cifras que manexan Xunta e Goberno central chegan a ser "delirantes", di o colectivo, quen dubida das magnitudes publicadas a respecto do número total de doentes atendidos e tamén dos fondos destinados a este fin. Alén das críticas, estes receos, advirten, chegarán tamén ao proceso xudicial. "Pódense producir novidades" que tornen en "novos delitos" e "máis persoas imputadas", advirte, xa que "temos fundadas sospeitas de erros materiais e documentais" do Sergas. "Trataremos que se investigue se foron erros ou delitos", di Costas, xa que existen documentos relativos aos tratamentos e aos seus prazos con eivas de "contido e datación". Cómpre saber se foron "falseados", resalta, igual que insta a agardar para ver "que pasa" coa exconselleira Rocío Mosquera, que "aínda" non está implicada no proceso xudicial.

Todo isto dáse nun contexto no que, lembra a plataforma, aínda resta por aclarar o "extravío dun lote de expedientes" de doentes de hepatite no Clínico de Santiago, "en xaneiro do ano pasado". Así, na comparecencia ante a prensa Costa amosou correos electrónicos nos que Félix Rubial "recoñece estes feitos". No entanto, o exdirector xeral de Asistencia Sanitaria e actual xerente da área sanitaria viguesa "ten a desfachatez de seguir dicindo que non ten constancia de que se extraviaron, cando menos, quince expedientes". "Rectifique, se non quere quedar como un mentirán", advirte.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.