Edgewater teima no litixio e reclama ao Estado máis de 20 millóns por Corcoesto

Imaxe de Edgewater en Corcoesto © Edgewater

Edgewater non se rende. Logo de que a Xunta cancelase os dereitos mineros da súa filial sobre a mina de Corcoesto e de que a Administración autonómica confirmase este golpe final para o proxecto, a multinacional canadense vén de anunciar que levará a cabo accións legais contra o Goberno central por cancelar "unilateralmente" estes dereitos de explotación a través da Xunta. 

Anuncionou o propio presidente de Edgewater, George Salamis, nunha rolda de prensa celebrada en Vancouver (Canadá) e tamén a través dun comunicado no que acusa a Administración galega de actuar de xeito "manifestamente ilegal" e de non respectar as obrigas que España contraeu a través da súa incorporación a tratados internacionais. E fai referencia, en concreto, ao tratado bilateral de investimento asinado entre España e Panamá, país que multinacionais coma esta empregan como sede de moitas das súas empresas. 

Edgewater acusa a Xunta de actuar de xeito "manifestamente ilegal" e de non respectar os tratados internacionais asinados por España

Estes polémicos tratados de investimentos son acordos asinados entre dous Estados para protexer a seguridade xurídica dos investidores e que as grandes compañías alegan para demandar os países mediante procesos de arbitraxe opacos como ao que irá Edgewater contra España. A firma canadense xa advirte que contratou os servizos dunha consultora internacional especializada nestes temas e coa que intentará utilizar "todos os recursos disponíbeis para protexer os seus dereitos". "Tomaremos as medidas necesarias para protexer o noso investimento e os intereses dos nosos accionistas", insiste Salamis, que asegura que a caducidade dos dereitos mineros decretada pola Xunta "constitúe unha clara violación do dereito español e internacional". 

Edgewater, tal e como lembra, cifrou o investimento na mina de Corcoesto nuns 35 millóns de euros, uns 21 millóns de euros, pero fontes coñecedoras do proceso aberto non descartan que a cantidade que reclame ao Estado sexa aínda maior. Ademais, o seu presidente lembra que este grande investimento da súa empresa foi "apoiado e fortemente reivindicado" polo Gobenro galego ata que a súa postura mudou. 

A multinacional reclamará ao Estado un mínimo de 21 millóns de euros

Ante esta reclamación, a plataforma Salvemos Cabana considera que a actuación das autoridades no caso Corcoesto "axústase a dereito" e lembra que o rexeitamento da Administración tivo que ver co incumprimento dos requisitos impostos á Mineira de Corcoesto, que esixían multiplicar por 60 os fondos propios alcanzando o 25% do investimento previsto durante a vida útil da mina (27 millóns de euros), e que esta finalmente non puido satisfacer.

Ao tempo, o colectivo advirte que a aprobación da Lei 12/2014, de Medidas Fiscais e Administrativas e a súa publicación no DOG "referenda a decisión da Xunta de retirar os dereitos mineiros á compañía", ao incorporar no seu articulado unha modificación da Lei 3/2008, de Ordenación da Minería de Galicia, que "estipula con claridade que os dereitos mineiros poderán denegarse motivadamente 'polo incumprimento dos requisitos subxectivos ou a insuficiente acreditación da solvencia económica ou técnica do solicitante".

A Plataforma considera, ademais, que "non é momento de celebracións" malia a cancelación das concesións porque aínda "é necesario un avance significativo na reforma da Lei 3/2008, de Ordenación da Minería de Galicia", que mantén vixente o Plan Sectorial de Actividades Extractivas (PSAEG), unha normativa que dá prioridade á industria mineira.

Alberto Núñez Feijóo, na web de Edgewater CC-BY-SA Praza Pública
Imaxe de Edgewater en Corcoesto © Edgewater

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.