Eu son… Mulleres da sombra á luz, tamén contra a violencia machista

Estudantes do IES de Arzúa participantes no proxecto 'Mulleres da nosa historia, da sombra á luz' CC-BY-SA IES de Arzúa

O IES de Arzúa é un dos que destaca dende hai tempo por apostar pola educación en igualdade. Faino durante todo o curso e tamén ao fío do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, no que este instituto repasa algúns dos traballos e actividades con perspectiva de xénero que desenvolve co alumnado.

Un deles é o proxecto audiovisual Eu son… Mulleres da sombra á luz. Nel, profesorado e alumnado o instituto arzuán dende o curso 2018-2019 e tamén no actual, tenta "facer visibles algunhas mulleres que destacan ou destacaron en diferentes ámbitos e momentos hitóricos" sen "obteren o mesmo recoñecemento ou teren as mesmas posibilidades que os seus equivalentes varóns". E só "polo feito de ser mulleres", explican dende o claustro do centro educativo.

As figuras reivindicadas neste traballo son "do presente e do pasado, anónimas e coñecidas". Todas, explican, co punto en común de teren "historias de vida con moito que ensinarnos"

As figuras reivindicadas neste traballo son "do presente e do pasado, anónimas e coñecidas". Todas, explican, co punto en común de teren "historias de vida con moito que ensinarnos". O traballo, detallan, ben podería ser resumido cunha cita da xornalista e activista feminista Montserrat Boix: "Para reler a historia con perspectiva de xénero non só temos, como docentes, que tentar rescatar o protagonismo das mulleres no pasado, senón presentar instrumentos para repensar a dinámica histórica no seu conxunto". "Debemos -di a autora- ensinar ao noso alumnado a reinterpretar a historia, a cuestionarse todo o aprendido até a data, incorporar os novos datos e as novas categorías. O resultado ha de ser necesariamente a transformación da nosa visión do mundo e da historia".

Entre as figuras históricas e presentes reivindicadas neste traballo están dende Amada García a Elvira Bao, pasando por Isadora Duncan, Vero Boquete, Ernestina Otero ou Berta Cáceres. Tamén as mulleres que loitaron no conflito das Encrobas, a investigadora Ángeles Alvariño, a pintora Maruja Mallo ou as Trece Rosas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.