A prevención e a educación (formal e non formal) son fundamentais na loita contra a violencia machista, sobre todo nas xeracións máis novas. O propio Convenio de Istambul aposta por "incluír nos programas de estudos oficiais en todos os niveis temas como a igualdade entre mulleres e homes, os papeis non estereotipados dos xéneros, o respecto mutuo, a solución non violenta de conflitos nas relacións interpersoais, a violencia contra a muller por razóns de xénero". E, igualmente, recomenda incorporar estes contidos nas "estruturas educativas informais" e nas "estruturas deportivas, culturais e de ocio, e nos medios de comunicación".
É por iso que a quinta edición de 'En negro contra as violencias machistas' pon este ano o foco na educación, facendo énfase na importancia fundamental da afondar nestas cuestións entre a mocidade "para erradicar as condutas machistas".
A Deputación da Coruña, o Concello de Santiago ou o Concello de Pontevedra levan anos traballando este tema nos centros de ensino a través de programas específicos
Institucións como a Deputación da Coruña, o Concello de Santiago ou o Concello de Pontevedra levan anos traballando este tema nos centros de ensino a través de programas específicos. No ano 2017 a Deputación da Coruña botou a andar Suprime o Control, un programa socioeducativo de prevención e eliminación da violencia de xénero nos centros de ensino. Dende entón centos de mozos e mozas de 3º e 4º de ESO participaron nas súas actividades: obradoiros, concursos, sesións educativas..., que se suman a unha asesoria a través de Whatsapp para detectar e combater estes comportamentos.
A Deputación da Coruña leva a cabo, a través da súa área de Igualdade, un amplo abano de actividades centradas na formación e na prevención para loitar contra as violencias machistas. Este luns 25 de novembro son numerosos os concellos da provincia que acollen accións con carácter informativo, formativo e de sensibilización, comezando por unha serie de obradoiros. Estas actividades están centradas na saúde (a atención nas consultas médicas, a violencia obstétrica, a patoloxización e medicalización dos corpos das mulleres), na pornografía (cunha achega crítica ao modelo relacional que transmite), na linguaxe ou na reivindicación do papel das mulleres devanceiras.
Ademais, este luns estrearase nas Pontes a curtametraxe "Nunca Máis", realizada a partir do texto gañador do Concurso de Guións contra a Violencia Machista da Deputación da Coruña que na pasada edición gañou o IES Moncho Valcarce da localidade e para o que está aberta a nova convocatoria até o vindeiro 19 de decembro arredor, nesta ocasión, da violencia económica. Despois da estrea, a curtametraxe difundirase nos centros de ensino e porase a libre disposición na páxina da Deputación da Coruña na que xa están publicadas as curtas de edicións anteriores. Falamos con María Muíño, deputada de Igualdade da Deputación da Coruña.
"A parte máis visible e con consecuencias máis tráxicas é a parta de violencia física e dos asasinatos, pero a violencia é moito máis ampla"
Entre as liñas de traballo que desenvolvedes na Deputación contra a violencia de xénero, que papel xoga a formación?
Eu defendo que a educación e a prevención son esa panca que nos vai axudar a mover o mundo, tamén contra a violencia de xénero. Por iso, dentro das actividades que levamos a cabo na Deputación, destaco sobre todo esa parte de obradoiros de sensibilización e formación dirixidos á mocidade e á poboación en xeral. E, despois, destaco os recursos e programas orientados de xeito específicos a axudar as mulleres que xa están recoñecidas como vítimas de violencia de xénero.
A programación de actividades centradas na loita contra a violencia machista é moi variada. Supoño que este é un problema que se debe atender e atacar dende todas as vertentes, de forma integral, non si?
Efectivamente, a violencia de xénero é unha cuestión que abrangue moi distintas dimensións. Polo tanto, para abordala, para sensibilizar, para facela visible e educar e formar hai que chegar a toda a poboación e tocala dende ámbitos moi distintos. A parte máis visible e con consecuencias máis tráxicas é a parta de violencia física e dos asasinatos, pero a violencia é moito máis ampla.
"Estas situacións están moi presentes no día a día das mulleres e resultan limitantes para desenvolver a nosa vida en liberdade e condicionan o exercicio dos nosos dereitos"
Hai que facer énfase na prevención, para atacar todo aquilo que precede ás agresións físicas e o que está na base do machismo?
Ao falarmos de violencia o importante é facer visibles todas as situacións, para que todos tomemos conciencia da amplitude do problema e mover a unha reflexión. Estas situacións están moi presentes no día a día das mulleres e resultan limitantes para desenvolver a nosa vida en liberdade e condicionan o exercicio dos nosos dereitos. Hai moitos factores culturais, sociais e económicos que son quizais os máis difíciles de mudar se non se traballa directamente con eles, porque seguramente son os que están máis invisibilizados. Pero a realidade é que condicionan a vida e en moitos casos levan a situacións de alta vulnerabilidade que non sempre son visibles.
Hai xa tres anos que naceu o programa de 'Suprime o Control' en institutos de toda a provincia. Que destacas do traballo realizado ata agora? Que conclusións se poden tirar?
O que máis destacamos é a participación de mozos e mozas e o traballo de reflexión que levaron a cabo sobre diversos temas que, como dicía antes, están na raíz da permanencia de certos estereotipos e condutas que fan que continúe a violencia machista nas novas xeracións e na sociedade. Falamos de ideas erróneas en relación a roles de xénero, do tipo de relacións que se vinculan ás situacións de parella, chegando a normalizar as situacións de control. Falamos tamén dos micromachismos, aspectos que pasan moi desapercibidos e que mesmo chegamos a normalizar... Suprime o control deixa, ademais, un manual que agora está a disposición de todo o mundo para poder continuar traballando estes aspectos.
"No caso da mocidade isto é aínda máis importante, porque están nunhas etapas vitais nas que están nun momento de construírse e de construír os seus modelos de relación"
No comezo deste programa a finada Ánxela Franco destacaba que moitos e moitas adolescentes non identificaban como 'violencia' aquilo que non era unha violencia física. Supoño que iso é algo que segue a suceder, e non só entre a mocidade, senón no conxunto da sociedade, non si?
Si, iso vémolo no día a día, nas conversas informais, en calquera discusión que xorde ao redor da lexitimidade do movemento feminista. Decote aparece ese descoñecemento ou esas dificultades para identificar eses tipos de violencia que están presentes a diario. No caso da mocidade isto é aínda máis importante, porque están nunhas etapas vitais nas que están nun momento de construírse e de construír os seus modelos de relación. Por iso son tan importantes este tipo de programas que axudan a identificar estas realidades e que lles achegan ferramentas para mudalas.
"A pornografía está moi a man e fai que a información que obtemos sobre o que deben ser as relacións sexuais caia en estereotipos que perpetúan situacións de violencia e que desinforman"
Percibides un cambio nestas actitudes nos últimos anos, sobre todo a raíz das mobilizacións feministas?
É moi importante a presenza de voces que reclaman cambios a nivel social e é moi importante tamén lexitimar esa presenza. Ninguén mellor que as mulleres sabe -porque o viviu en carne propia- de que xeito todos os tipos de violencia nos limitan e nos condiciona as nosas vidas. Si que creo que as mobilizacións masivas e a presenza na rúa das mulleres -e tamén de moitos homes que son feministas- son importantísimas para que se teña en conta isto e se introduzan cambios sociais de importancia. As cousas nunca van pasar por si soas.
Un dos obradoiros que promove a Deputación está centrado na pornografía, que é onde a maior parte dos homes realiza hoxe en día a súa 'educación' sexual. É moi importante afondar neste aspecto, sobre todo entre a mocidade, non si?
Hai que educar acorde cos tempos nos que vivimos. Non podemos obviar que o principal acceso que a mocidade ten a día de hoxe é Internet. A pornografía é algo que está moi a man e fai que a información que obtemos sobre o que deben ser as relacións sexuais caia en estereotipos que perpetúan situacións de violencia e que desinforman. Por iso é importante crear foros nos que se poida falar disto con naturalidade e que permitan desmontar esas crenzas.