O Grupo Ecoloxista Adenco promove unha última reunión dos colectivos implicados como “acto final” e agradece o traballo de todas as persoas que loitaron contra o encoro, especialmente as xa falecidas
O Grupo Ecoloxista Adenco, que leva tres décadas de actividades especialmente na comarca do Condado, vén de reaccionar á publicación oficial no BOE da extinción catro décadas despois da concesión do denominado Salto de Sela, un novo encoro no treito final do Miño, cun comunicado no que agradece a loita social contra o proxecto que agora vén de ver acadados os seus obxectivos. Coa fin da concesión, Adenco di que promoverá unha última reunión da Plataforma Cívica en Defensa do Minho que se creara para loitar contra o encoro “para proceder á disolución do colectivo” como o seu “acto final”.
Adenco agradece “o traballo inmenso de tanta xente e colectivos, e lamenta que haxa xente boa e xenerosa que non poida ver este fin, como o Ignacio Gago de Arbo, firme defensor do Minho e pioneiro na loita pola súa protección integral”. “Vaia este resultado no seu recordo”, conclúe.
A concesión outorgada en 1978 para o Salto de Sela enfrontouse a unha importante oposición social nas dúas beiras do Miño, retratada no documental O Salto, de Adrián González. Tentouse reformular a comezos deste século pero tampouco logrou o aval ambiental do Goberno de España, que a comezos do pasado ano iniciou o proceso de extinción da concesión que vén de rematar coa súa publicación no BOE.