O telemarkéting foi este martes á folga en Galicia. A CIG, primeira forza e maioritaria no sector dos centros de chamada no país, dá así un novo paso na mobilización logo de varias protestas e 450 días máis tarde do vencemento do convenio estatal e do mantemento dun "bloqueo" na nova negociación. O sindicato advertiu dun seguimento "maioritario" nun paro de 24 horas que paralizou o sector e ao que acompañaron concentracións na Coruña, Vigo e Ourense. É unha reacción máis nun sector que xunta uns 8.000 traballadores na comunidade autónoma -a inmensa maioría deles mulleres- e cuxa precariedade é tan obvia e teimuda como esquecida. Contra ela loitan.
A CIG, sindicato maioritario no sector, convocou folga de 24 horas contra a precariedade e o "bloqueo" na negociación do convenio
"Cóntanse cos dedos das mans as persoas que teñen cun contrato de 39 horas semanais, o máximo que se permite, e polo que cobrarían 969 euros brutos ao mes", resume Susana, traballadora dunha das principais empresas de telemárketing en Galicia, onde compañías telefónicas e banca son as que adoitan subcontratar estes servizos de atención telefónica ao cliente que non pecha: trabállase todos os días do ano, incluídos festivos e domingos. A contratación indefinida é unha quimera e á contratación por obra habitual súmanse tamén contratos por obra, a través de ETTs ou formativos, ademais de "por días e mesmo por horas", tal e como advirte esta empregada.
A contratación indefinida é unha quimera e cobrar 6.000 euros ao ano con contratos parciais é habitual
Os soldos son inferiores aos 12.000 euros anuais, pero achegarse esa cantidade é unha excepción. Estraña é quen non teña un contrato por horas, de 30, 25, 20 ou 15 horas á semana. É imposible atopar quen teña un salario que se considere digno: por 20 horas semanais -unha das modalidades máis habituais- a retribución por ano queda nos 6.000 euros. Son, como lembra a CIG, "o que a UE cualifica coma traballador pobre”.
A estabilidade dos servizos que prestan estas empresas contrasta coa temporalidade das súas traballadoras
Así o destaca Laura Pérez Figueroa, coordinadora do sector de telemárketing da central nacionalista, que lembra que o sector dos centros de chamada "xa non é a tolería de antes, senón que é estable", o que contrasta coa contratación temporal e por curtos períodos de tempo que se impón. "Por poñer só dous exemplos: a atención aos clientes de Vodafone é necesaria cada día, non só nunha etapa determinada, e o mesmo pasa cos servizos para a banca", explica. Como reivindica, esa estabilidade deberíase plasmar tamén nos contratos, porque "o do telemárketing non é un sector en crise, senón todo o contrario". Outra cousa son as condicións de traballo.
Un sector feminizado e precario
Esa "pobreza" que os baixos salarios e a temporalidade impoñen ás traballadoras dificultan temán o acceso a dereitos básicos como a vivenda e, tal e como denuncia a CIG, "os despedimetos por estar de baixa son habituais". Ademais, censuran os horarios e quendas "sometidos a cambios arbitrarios, que dificultan a conciliación da vida persoal e laboral". "Malia tratarse de grandes empresas moi feminizadas ningunha conta con servizos de garderías; os malos modos por parte de mandos incapaces e escasamente formados e as descualificacións e mesmo insultos son habituais", contan.
Bancos e multinacionais con multimillonarios beneficios son quen contratan o telemárketing que precariza as condicións laborais
E a situación de precariedade contrasta, ademais, co feito de que sexan grandes empresas e multinacionais as que contratan a través deste sector numerosos servizos. Compañías que presentan beneficios multimillonarios dos que se benefician tamén as firmas de telemárketing, que aumentan a súa facturalización e os seus beneficios e que deciden manter a precariedade mentres deslocalizan boa parte do traballo a terceiros países.
Mentres isto ocorre, a negociación do Convenio Colectivo Estatal de Contact Center continúa bloqueada desde que vencera o convenio en decembro de 2014. "Non houbo un só avance", censura a CIG, maioritaria en Galicia pero que a nivel estatal amosa o seu desacordo coa estratexia de, sobre todo, CCOO e UGT. "Defenden o actual marco estatal de negociación e seguen sen mobilizarse", din.
A patronal pretende despedimentos por previsión de diminución de volume de obra ou horarios flexibles para estar a disposición 60 horas semanais
Entre o que pretende a patronal, manter a posiblidade dun despedimento por diminución de volume de obra e mesmo aumentar a posibilidade a unha simple previsión. Tamén a imposición duns horarios flexibles nos que o persoal "tería que estar a disposición até 60 horas semanais para logo traballar e pagar as fixadas por contrato (20-30)". E, en definitiva, "manter a precariedade absoluta", como recorda Laura Pérez, que agarda que "a presión da folga, como noutras ocasións, provoque a reacción da patronal" e se acada, á fin. "un convenio digno".
"Négase a eliminar esta precariedade, é así de simple", insisten desde a CIG, que ademais da folga convocou unha manifestación en Vigo que partía ás 12 do mediodía de Unísono na Gran Vía 110, para rematar en Bosch na rúa María Berdiales 20. Na Coruña hai unha concentración ás 12 ante a Delegación do Goberno e en Ourense está prevista unha concentración no parque tecnolóxico das 14 ás 15 horas.