Semente, Ikastolen Elkartea e La Bressola asinan unha declaración que recupera o "pacto solidario trinacional" de 1923 para reclamar unha "soberanía educativa plena" e o cumprimento da Carta Europea das Linguas
As Escolas de Ensino Galego Semente (Galicia), Ikastolen Elkartea (Euskal-Herria) e La Bressola (Catalunya Nord) presentan en Compostela a declaración interinstitucional Galeusca pola diversidade linguística e cultural no âmbito educativo nun encontro no que lembran o "pacto solidario trinacional" que foi subscrito en Barcelona en 1923, recoñecéndose "promotoras dunha educación democrática, laica, pedagóxicamente renovadora, sen fins lucrativos e autocentrada nas respectivas realidades nacionais".
No acto celebrado na mañá deste sábado, presentado polo escritor Séchu Sende, participaron representantes das tres institucións: Santiago Quiroga, coordinador nacional das Escolas de Ensino Galego Semente; Koldo Tellitu, lehendakari de Ikastolen Elkartea; e Eva Bertrana, diretora geral de La Bressola; adem membros e crianças do projeto Semente, assim como a reconhecida música Guadi Galego
"Deben ser eliminadas todas aquelas restricións linguísticas no ámbito educativo que limitan as oportunidades das futuras xeracións de galegas, vascas e catalás"
As entidades educativas denuncian o "incumprimento sistemático dos Estados español e francés da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias" e esixen que se faga efectiva de maneira íntegra para a "preservación do seu patrimonio linguístico". Ademais, trasladan a súa “preocupación" pola "inxerencia dos Tribunais" na planificación linguística educativa, ao considerar que "se está a restrinxir a aplicación de modelos plurilingues", que contan cun "recoñecido prestixio internacional".
Semente, Ikastolen Elkartea e La Bressola chaman á construción dunha "soberanía educativa plena" que permita "blindar o exercicio do dereito universal a unha educación propia". Desta maneira, inciden en que "deben ser eliminadas todas aquelas restricións linguísticas no ámbito educativo que limitan as oportunidades das futuras xeracións de galegas, vascas e catalás".
"As nosas culturas, así como as achegas historicamente realizadas polos nosos pobos en calquera campo do saber, conformam parte fundamental da base para un desenvolvemento curricular propio, favorecedor de valores interculturais e impulsionador da diversidade epistemolóxica no Planeta", aseveran na declaración.
A xornada de irmandade internacionalista deste sábado inclúe un xantar popular na escola Semente e un espectáculo de Circus Magnificus. Ao longo da tarde tamén terán lugar as palestras de Koldo Tellitu, Eva Bertrana, a diretora pedagóxica da Bressola Olatz de Bilbao, e mais Guillem Nivet, un dos membros da institución catalá. A actividade rematará cunha mesa redonda sobre a normalización das linguas minorizadas que estará moderada por Uxía Bolanho.