A Confederación Hidrográfica Miño-Sil decretou esta mañá o estado de alerta por seca. Tamén o fixo a demarcación Galicia-Costa en 6 das súas 19 concas. En concreto trátase das dos ríos Verdugo, Baíña e Lagares (sistema 1) e os ríos de Oia (sistema 2), en Vigo e O Rosall; tamén da bacía do río Castro (sistema 8) e o río Xallas e río Cee (sistema 7), ambos na Costa da Morte; e do río Mero e outros ríos que desembocan na ría de Coruña (sistema 11) e da bacía do río Mandeo e outros ríos que desembocan na ría de Betanzos (sistema 12). Ademais, establecerase un especial seguimento nas bacías do Lérez e do Ulla, por presentar unha situación "desfavorable" nos últimos meses.
O estado de alerta non implica a posta en marcha de restricións para o consumo da poboación, senón a "protección dos recursos" mediante a mellora na xestión e o uso conxunto de augas superficiais e subterráneas, aforros e limitacións do consumo dos grandes sistemas de abastecemento, segundo indicou esta mañá o director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez Martínez, que subliñou que "o abastecemento á poboación está garantido incluso naquelas concas que presentan uns niveis por debaixo do 50%". Galicia levaba en prealerta pola seca dende o mes de xaneiro.
A razón principal é a falta de precipitacións rexistrada nos últimos 12 meses. Durante o último inverno e a pasada primavera as precipitacións situáronse moi por debaixo do habitual: a porcentaxe de precipitación no inverno 16-17 foi un 44% inferior con respecto ao período de referencia 1971-2000 e un 36% inferior con respecto ao período de referencia 1981-2010; e na primavera a chuvia caída foi un 17% inferior ao valor agardado, por mor dun abril moi seco, con precipitacións un 83% por debaixo da media dos últimos anos. Posteriormete, xuño foi un mes normal en canto a precipitacións, mentres que xullo e agosto foron meses secos, por debaixo da media -xa escasa- dos anos anteriores. Neste cadro podemos ver o deficit de precipitacións nos últimos 12 meses nas cinco concas da demaración Miño-Sil situadas maioritariamente en Galicia:
Precipitacións totais 2016-17 | 2015-16 | Media 1982-2017 | |
---|---|---|---|
Miño baixo | 846,9 | 1.670,9 | 1.363,8 |
Limia | 782,9 | 1.630,4 | 1.063,4 |
Cabe | 587,7 | 1.152 | 1.154,2 |
Miño alto | 750,6 | 1.343,6 | 1.165,2 |
Sil inferior | 557,6 | 1.198,8 | 998,8 |
Situación dos encoros
Os encoros da demarcación Miño-Sil situábanse a pasada semana ao 45% da súa capacidade, 17 puntos por debaixo do nivel que rexistraban hai doce meses (62%) e lonxe da media histórica neste momento do ano (57%). É o peor dato dende os anos 90
Os encoros da demarcación Miño-Sil situábanse a pasada semana ao 44,68% da súa capacidade, 17 puntos por debaixo do nivel que rexistraban hai doce meses (61,84%) e igualmente lonxe da media histórica neste momento do ano (57,08%). É o peor dato dende os anos 90 do pasado século. Algo semellante sucede na demarcación Galicia-Costa, cunha media de ocupación do 56%, lonxe do nivel do pasado ano (63,96%) e da media histórica nestas datas.
Os encoros que abastecen Baiona (Baíña) e Vilagarcía (Con) rexistran unha ocupación do 44% e do 14%, respectivamente. O de Cecebre, do que depende A Coruña e a súa área metropolitana, está no 55%
Na demarcación Miño-Sil é especialmente baixo o nivel nos encoros de Belesar (26,03%), Alvarellos (31,42%), Bao (32,48%), San Sebastián (31%) e Vilasouto (19%). Na Galicia-Costa, os encoros que abastecen Baiona (Baíña) e Vilagarcía (Con) rexistran unha ocupación do 44% e do 14%, respectivamente. O de Cecebre, do que depende A Coruña e a súa área metropolitana, está no 55,21%. E os dous que dan servizo a Vigo atópanse no 54% (Zamáns) e no 61% (Eiras). Os encoros de produción eléctrica nestas zonas rexistran niveis mesmo inferiores, coma o Barrié de la Maza no Tambre (17,96%), os dous que Ferroatlántica ten no Xallas (46,93% e 55,46%) ou o de Portodemouros no Ulla (52%).
Os ríos pasan moi baixos
Practicamente todos os ríos levan menos auga que o máis seco dos anos na última década
Ademais de no nivel dos encoros, a seca é xa evidente á vista no nivel de moitos dos ríos galegos. Practicamente todos, sen excepción, levan menos auga que o máis seco dos anos na última década e en varios casos o seu nivel roza a metade da media dos últimos anos. Esta é a achega dos ríos da demarcación Miño-Sil no mes de setembro:
- Miño (en Cela): 300 hm3, fronte a unha media de case 800 hm3 na última década
- Arenteiro (no Carballiño): 42 hm3, fronte a unha media de 120 hm3 na última década
- Arnoia (en Arnoia): 101 hm3, fronte a unha media de 330 hm3 na última década
- Tea (en Ponteareas): 200 hm3, fronte a unha media de case 500 hm3 na última década
- Lor (en Parada): 160 hm3, fronte a unha media de case 420 hm3 na última década
- Cabe (en Monforte): 50 hm3, fronte a unha media de case 190 hm3 na última década
- Limia (en Ponteliñares): 60 hm3, fronte a unha media de máis de 290 hm3 na última década
E unha situación semellante atopámola nos ríos da demarcación Galicia-Costa:
- Lérez (en Pontevedra): 252 hm3, fronte a 560 hm3 o pasado ano e 786 hm3 en 2015
- Umia (en Ribadumia): 321 hm3, fronte a 347 hm3 o pasado ano e 576 hm3 en 2015
- Landro (en Viveiro): 135 hm3, fronte a 159 hm3 o pasado ano e 255 hm3 en 2015
- Tambre (en Oroso): 192 hm3, fronte a 240 hm3 o pasado ano e 339 hm3 no 2015
- Xubia (en San Sadurniño): 39 hm3, fronte a 80 hm3 o pasado ano e 310 hm3 no 2015
- Ulla (en Teo): 714 hm3, fronte a 864 hm3 o pasado ano e 1281 hm3 no 2015
- Castro (en Cee): 24 hm3, fronte a 30 hm3 o pasado ano e 315 hm3 no 2015