Marcha por un monte con futuro: pola xestión veciñal e multifuncional e contra o monocultivo do eucalipto

Cartel da manifestación "Por un monte galego con futuro" © Adega

A xestión sustentable e multifuncional do monte, o peche do ciclo produtivo forestal, a defensa do monte veciñal en man común, o freo do monocultivo de eucalipto e doutras especies exóticas invasoras, un monte resiliente á emerxencia climática e, en definitiva, a defensa dun medio rural vivo centrarán as reivindicacións da manifestación convocada para este domingo 20 en Compostela, baixo o lema "Por un monte galego con futuro".

A marcha, que partirá ás 12 hora da Alameda, conta co apoio dunha vintena de colectivos

A marcha, que partirá ás 12 hora da Alameda, conta co apoio dunha vintena de colectivos, entre os que destacan ADEGA, Sindicato Labrego Galego, a Organización Galega de Comunidades de Montes, Verdegaia, Amigos da Terra ou CIG, así como outras entidades locais como APDR, Asociación Ambiental Petón do Lobo, Salvemos as Fragas de Catasós ou o Comando Ghichas do Valmiñor.

As organizacións convocantes elaboraron unha proposta conxunta que cuestiona as medidas que se barallan na revisión do Plan Forestal que está a tramitar a Xunta e as contempladas na Estratexia Galega contra o Cambio Climático e arredor dela están a desenvolver unha campaña de sensibilización social que inclúe a mobilización deste domingo. 

Cartel da manifestación de 'Por un Monte galego con futuro' © Adega

Dende 'Por un monte galego con futuro' entenden que as medidas que propoñen "permitirían favorecer o papel dos ecosistemas forestais para, no actual contexto de mudanza climática, mitigar os efectos do quecemento global, mais non só como reservas de carbono, senón tamén como fornecedores de servizos ecosistémicos, como o mantemento da biodiversidade, a regulación do ciclo da auga, a fertilidade do solo, a capacidade de purificación da auga e do ar ou a loita contra a erosión, entre outros".

O manifesto reclama a anulación da actual proposta de revisión do Plan Forestal de Galicia e a elaboración dun novo documento

O manifesto, presentado hai uns días, reclama "a anulación da actual proposta de revisión do Plan Forestal de Galicia e a elaboración dun novo documento" que parta de "información actualizada sobre a situación do monte galego, dunha participación equilibrada de todos os axentes sociais", e que siga como principios reitores "a diversidade de hábitats e especies, a multifuncionalidade de usos, o fomento do arborado autóctono, o mantemento dos servizos ecosistémicos, a non privatización dos montes veciñais, a creación de emprego e a sustentabilidade económica e social".

O texto lembra que o Plan Forestal proposto pola Xunta "promove a ocupación de 35.000 hectáreas máis de eucalipto sobre un exceso de 300.000 hectáreas con respecto á planificación anterior". Tamén se critica a proposta da Xunta de primar o repoboamento con especies de crecemento rápido como unha forma de loita contra o quencemento global: "no recente borrador da Estratexia Galega contra o Cambio Climático só interesa fixar máis carbono en máis madeira o máis rápido posíbel, o que potenciará o cultivo do eucalipto e doutras especies de crecemento rápido".

As organizacións convocantes fan fincapé na importancia da estrutura da titularidade do monte e na defensa das estruturas comunais

Así mesmo, as organizacións convocantes coinciden en facer fincapé na importancia da estrutura da titularidade do monte. Lembran que "as recomendacións da FAO e da mesma Unión Europea indican que hai que camiñar cara unha tenencia máis xusta destas terras e cara á devolución destas ás colectividades locais". Fronte a isto denuncian que ”en Galiza existe unha titularidade que xa cumpre estes preceptos, que son os montes veciñais en man común. Mais, o que fai o Partido Popular con este tipo de titularidade do monte é proceder á súa privatización”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.