"Moitas veces as mobilizacións crecen de súpeto: pasou co 15M, co feminismo e agora co ecoloxismo"

Luis Rico, coordinador de Ecologistas en Acción © Ecologistas en Acción

O pasado sábado constituiuse na Coruña o primeiro grupo local en Galicia de Ecoloxistas en Acción. Un obradoiro e unha charla a cargo do coordinador da entidade, Luis Rico, serviron para poñer en marcha este nodo que actuará dende a cidade herculina e que a asociación espera que teña continuidade noutras zonas de Galicia, dando o primeiro paso para a creación de Ecoloxistas en Acción, federación galega de Ecologistas en Acción.

Antes da propia asemblea constituínte da entidade, Luis Rico impartiu o obradoiro "Es ecoloxista e non o sabes', centrada no ecoloxismo social. Nela advertiuse de que "Galicia estará entre as rexións máis afectadas polo cambio climático, segundo as últimas previsións da Axencia Ambiental Europea".

"Estamos vivindo un momento de cambio importante, produto dun traballo que moitas persoas foron facendo, como formiguiñas, ao longo de moitos anos"

Créase o primeiro grupo local en Galicia. Que importancia ten para o ecoloxismo o funcionamento destes núcleos activistas?

O sentido de Ecoloxistas en Acción son, precisamente, os grupos locais e as loitas locais. A organización naceu, de feito, en 1998 pola unión de moitos grupos ecoloxistas locais centrados na defensa do medio ambiente a ese nivel máis concreto. Os grupos funcionan de maneira autónoma, cada un decide que campañas fai e ten o seu propio financiamento. En Galicia ata agora non tiñamos ningún grupo local, polo tanto é unha alegría moi grande para nós, e esperamos que moi pronto se creen máis grupos en Galicia.

Agora mesmo estamos vivindo un momento de cambio importante, que non xorde da nada, senón que é produto dun traballo que moitas persoas foron facendo, como formiguiñas, ao longo de moitos anos, e que conseguiu que o ecoloxismo cada vez calle máis na conciencia social. Nos últimos meses estámolo vendo con esta gran mobilización da xente nova. Un claro exemplo é que todos os partidos políticos de súpeto comezan a falar dos problemas ambientais nos seus programas. Ao igual que o feminismo puxo esas cuestións no centro do debate social, o ecoloxismo tamén o comeza a facer.

"Un parece que está predicando no deserto e de súpeto un día xérase unha gran mobilización"

Que valoración fas do movemento que está a crecer, sobre todo entre a mocidade, esixindo medidas drásticas contra o cambio climáticos?

Dentro de Ecoloxistas en Acción levabamos tempo advertindo importantes cambios sociais relacionados co cambio climático. Practicamente ninguén nega o cambio climático, pero a realidade é que este convencemento non estaba producindo a reacción que sería necesaria. E agora parece que si, e liderada pola xente máis nova, que é a que máis vai sufrir os cambios climáticos. Isto amósanos que moitas veces os cambios sociais non son graduais, senón que hai un salto. Un parece que está predicando no deserto e de súpeto un día xérase unha gran mobilización. Moitas veces as mobilizacións crecen de súpeto: pasou co 15M ou co feminismo, que un día estouparon, pero iso foi porque houbo un traballo previo moi grande, e agora co ecoloxismo. Eu estou moi esperanzado con este movemento de xente nova, que vai espelir moito a esta sociedade, que moito o necesita, porque os cambios que necesitamos facer para seguir vivindo neste planeta en boas condicións son bastante grandes

Intervención de Luis Rico, este sábado na Coruña © Ecoloxistas en Acción

"A sociedade vai por diante das institucións: cambios importantes que se puxeron en marcha, como o pechar o centro das cidades ao tráfico, non tiveron contestación social"

O ecoloxismo é un movemento moi transversal. Como se relaciona con outros grupos e movementos?

O ecoloxismo mestúrase con moitos movementos; é un movemento político que busca unha nova maneira de organizarnos, buscando unha maior conciencia social e ambiental, para que vivamos mellor dentro dos límites deste planeta. Todo iso implica unha serie de cambios en moitos ámbitos e por iso é necesario que o ecoloxismo se coordine con outro tipo de movementos, por suposto o feminismo, pero tamén o movemento contra o subida dos alugueiros, xa que está directamente relacionado coa especulación urbanística.

Semella que hai un amplo convencemento de que existe un problema medioambiental e que hai que facer cambios na sociedade, pero por outra banda parece que moita xente non está disposta a sacrificar certas cousas para facelo. Hai unha dobre conciencia neste tema?

Iso é algo bastante relativo. Parece que hai moita xente que non está disposta a facer 'sacrificios', pero as enquisas tamén amosan que moitos están dispostos a facelos sempre que non sexa unha cuestión illada, individual, senón que se realice de forma xeral e colectiva. A miña percepción é que a sociedade vai moi por diante das institucións: cambios moi importantes que se puxeron en marcha, como o feito de pechar o centro das cidades ao tráfico, non tiveron contestación social. As institucións teñen a responsabilidade de adoptar estas medidas e non deixar que sexa a cidadanía de forma individual quen se fagan responsables. A experiencia demostra que cando se toman estas medidas a poboación enténdeas, porque entende que non hai outro camiño. Outras veces determinadas presións puxeron pedras no camiño de cambios moi importantes que ademais contaban co apoio da poboación, como o impulso das enerxías renovables, que foi obstaculizado durante anos en España.

"Os cambios sempre parten da individualidade, pero non teñen efecto ata que se fan en colectivo"

É máis importante que os cambios sexan individuais ou colectivos?

Os cambios sempre parten da individualidade, pero non teñen efecto ata que se fan en colectivo. Cando os cambios de fan colectivamente, pódense facer máis cousas e os efectos son máis rápidos e profundos, e ademais hai máis capacidade para presionar ás administracións e institucións para que realicen cambios nas súas políticas.

"Unha política que limite os desprazamentos en coche ten que vir acompañada dunha boa política de transporte público e tamén de políticas de vivenda que eviten que a xente sexa expulsada dos seus barrios"

Consumo e alimentación por unha banda, e mobilidade e redución dos desprazamentos en coche son os dos grandes ámbitos para a acción ecoloxista na actualidade?

Se houbese que actuar sobre dous ámbitos, un sería dende logo o da alimentación, por todos os impactos que implica, tanto a nivel social como ambiental. Unha alimentación máis local e agroecolóxica tería efectos dinamizadores para o mundo rural, que é algo moi necesario neste momento. E o outro gran tema é o da mobilidade, efectivamente. Se conseguimos facer a mobilidade máis colectiva e reducir as emisións, o impacto no medio vai ser moi positivo. Pero a mobilidade non se pode illar doutros temas: se non conseguimos que vaia unida a un mellor acceso á vivenda, non solucionariamos os problemas, porque o que queremos é que a xente viva preto dos seus traballos, e a situación actual é que a xente está sendo expulsada dos seus barrios, obrigando a que realicen máis desprazamentos. 

Se as políticas non se fan conxuntamente, pasa o que ocorreu cos chalecos amarelos en Francia: ti lexislas sobre un tema ambiental, que é importante, como son os combustibles, e acabas prexudicando aos sectores sociais máis prexudicados economicamente. Unha política que limite os desprazamentos en coche ten que vir acompañada dunha boa política de transporte público, sobre todo naqueles barrios nos que a xente ten máis dificultades para desprazarse, e tamén de políticas de vivenda que eviten que a xente sexa expulsada dos seus barrios.

"Ecoloxistas somos a maioría da sociedade, porque non queremos vivir nun planeta tan degradado e no que hai tanta inxustiza social"

O obradoiro titúlase "es ecoloxista e non o sabes". Hai unha gran corrente de ecoloxismo non organizado?

O título procede dun artigo dunha compañeira de Ecoloxistas en Acción, que se refire a que a xente normalmente pensa que un ecoloxista é unha persoa que vai en bici a todas partes, que o recicla todo, que está pendente de todo impacto ambiental..., e a verdadeira conciencia do ecoloxismo é a da xente que cre que hai que cambiar este sistema, que hai unha contaminación altísima e non se fai nada... A tese é que ecoloxistas somos a maioría da sociedade, porque non queremos vivir nun planeta tan degradado e no que hai tanta inxustiza social. A clave é iniciar unha conversa entre esta maioría social para ver como lle podemos dar a volta a isto. Porque cantos máis sexamos máis forza teremos para cambiar o sistema.

Imaxe da asemblea constituínte, celebrada este sábado na Coruña © Ecoloxistas en Acción

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.