A Delegación do Goberno confirmou esta mañá como un novo caso de violencia machista o asasinato dunha muller de 50 anos en Cabana de Bergantiños na tarde do domingo. O seu marido, de 56 anos, disparoulle en dúas ocasións en presenza dos fillos de ambos, de 23 e 27 anos de idade. O matrimonio iniciara recentemente os trámites de separación. O maxistrado encargado de violencia de xénero do Xulgado nº 1 de Carballo levará o caso.
Este martes pola tarde haberá concentracións de repulsa nas principais cidades e vilas galegas
Este martes pola tarde haberá concentracións de repulsa nas principais cidades e vilas galegas, convocadas polo movemento feminista. Haberá mobilizacións en Compostela, Lugo, Ourense, Ferrol, Betanzos, Ponteareas, Carballo, A Guarda, Melide, Val Miñor, Redondela, Miño, Vigo, A Coruña, Ponteceso, Viveiro, Betanzos, Monforte, Rianxo, Vilagarcía, Burela e O Carballiño. A maior parte comezarán ás 20 horas, agas as protestas de Ponteceso (12 horas), as Ourense, Ponteareas, Betanzos, Viveiro, Monforte e A Guarda (20.30), as de Burela e Miño (21 horas) e a de Redondela (21.30).
Trátase do terceiro asasinato machista no que levamos de ano en Galicia, os tres casos nos últimos dous meses. O pasado 18 de xuño un home acabou coa vida da súa dona no Porriño, de 47 anos; o matrimonio iniciara o seu proceso de separación dúas semanas antes. Un mes máis tarde, o 19 de xullo, un home degolou a súa esposa, de 54 anos, na Coruña. No conxunto do Estado son xa 26 as mulleres asasinadas polas súas parellas ou ex parellas, segundo as estatísticas oficiais do Goberno central. A estatística de Feminicidio.net (que inclúe tamén outras mortes de mulleres a mans de homes sen relación directa de parella) eleva esta cifra a 58.
Trátase do terceiro asasinato machista no que levamos de ano en Galicia, os tres casos nos últimos dous meses
No ano 2017 as denuncias por violencia de xénero presentadas nos xulgados galegos acadaron un máximo histórico, sumando 6.436, un 13% máis que no ano 2016. A cifra situouso por riba do dato de 2009, que ata agora era o máis alto dende a aprobación da Lei Orgánica de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero, en 2004. 2017 tamén rexistrou senllos máximos anuais no que respecta ao número de ordes de protección ás vítimas solicitadas (1.928) e adoptadas (1.284), neste caso cun incremento aproximado dun 38% con respecto ao 2016. O pasado mes de maio o feminismo galego volveu saír á rúa esixindo medidas concretas contra a violencia de xénero.