O bloqueo do PP ás iniciativas para recuperar o pazo de Meirás reactiva a presión cidadá

Pazo de Meirás CC-BY-SA Merce Blanco

A principios do pasado mes de maio, o PP rexeitou no Parlamento a posibilidade de intentar a recuperación da titularidade pública do pazo de Meirás. Nin tan sequera era unha proposta para facer efectiva a reversión do inmoble en mans da familia Franco, senón a toma en consideración inicial, previa a un debate posterior máis técnico, dunha proposición de lei que a Cámara galega tería que remitir ao Congreso dos Deputados para reformar a lei de memoria histórica e introducir nela unha disposición adicional que permitise esa opción. Pero os populares dixeron non á proposta defendida por En Marea e que contou co apoio deste grupo, o PSdeG e o BNG. 

A negativa do PP a impulsar a recuperación do pazo foi para a CRMH "unha frustración" e a "constatación de que a vía institucional está bloqueada"

"Foi unha frustración máis e a constatación de que a vía institucional está bloqueada e de que o PP non vai ir máis aló daquela condena xeral ao franquismo". A Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da comarca da Coruña, que leva anos denunciando e loitando pola recuperación do pazo, mudou a estratexia e decidiu afondar máis "no traballo fóra das institucións" e na "presión cidadá". Alén de seguir apoiando calquera iniciativa parlamentaria e das administracións, a insistente negativa dos populares a revisar a situación legal do inmoble usurpado á cidadanía de Sada tras a guerra civil levou a este paso adiante implicando entidades, colectivos e cidadanía. 

A CRMH aposta por afondar "no traballo fóra das institucións" e incidir na "presión cidadá" para conseguir a devolución do pazo de Meirás

Así, a CRMH vén de facer un "chamamento" para "iniciar un proceso que remate na devolución do pazo de Meirás ao patrimonio público sen custo económico". Comezará coa creación dun grupo de traballo que "documente o espolio" desta propiedade e "contribúa a relanzar a demanda social por unha devolución do conxunto ao patrimonio público". A primeira xuntanza para a creación do devandito grupo será nun acto aberto no Centro Universitario de Riazor da Coruña, o vindeiro 15 de xuño a partir das 20 horas. Varios socios da Comisión e entidades avisaron xa da súa presenza nunha convocatoria que pretende "aumentar a presión cidadá".

Aínda que a iniciativa cínguese unicamente á situación do pazo de Meirás, chega só unhas semanas despois de que a cidadanía da Coruña saíse á rúa reclamando a devolución gratuíta dos terreos portuarios que quedarán en desuso, así como dos que ocupan os complexos da Solana e do Hotel Finisterre, relacionados tamén co "espolio" que a familia do ditador levou a cabo non só no inmoble de Sada, senón en moitos outros lugares da comarca coa axuda e colaboración de coñecidas familias e afíns á ditadura. Así o constatan os investigadores Carlos Babío e Manuel Pérez Lourenzo nun traballo que verá a luz nos vindeiros meses

A CRMH lembra que "ten apoiado todas as iniciativas encamiñadas á recuperación do pazo de Meirás" e que continuará a facelo "con vocación de conseguir unha unidade de acción", pero advirte de que "ante o bloqueo institucional ao que singularmente o PP somete calquera iniciativa neste sentido", é momento de "impulsar unha demanda clara e decidida desde a sociedade civil para rachar de vez coa anomalía democrática que representa". "Vai moito máis alá do incumprimento do réxime de visitas e do descoido do patrimonio. Cómpre dar pasos firmes cara a normalidade democrática nesta cuestión", insisten. 

"Vai moito máis alá do incumprimento do réxime de visitas e do descoido do patrimonio. Cómpre dar pasos firmes cara a normalidade democrática"

Ademais, a Comisión lembra que "para o cumprimento das recomendacións de Nacións Unidas en materia de Memoria Histórica é preciso, no caso do Pazo de Meirás, empezar por recuperar a verdade do espolio e documentar os abusos para demandar con argumentos sólidos a xustiza e a reparación das vítimas". Ese será o paso en firme que se dará a partir do vindeiro 15 de xuño, ademais de insistir no que a CRMH vén mantendo desde hai anos: "a ilexitimidade da propiedade do pazo por parte da familia Franco e a necesidade de que se produza unha devolución ao patrimonio público sen custo económico".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.