O BNG loitará no Parlamento Europeo pola prohibición do uso de cianuro en minas

Faixa contraria á mina en Corcoesto CC-BY-SA Plataforma en Defensa de Corcoesto

A nacionalista Ana Miranda e o eurodeputado verde alemán Reinhold Butiköfer, ambos os dous membros do grupo Verdes-ALE no Parlamento europeo, continuarán o seu traballo contra os grandes proxectos de minas a ceo aberto, coma o que se pretende levar a cabo en Corcoesto. Os dous deputados visitaron a zona este sábado para reunirse con membros da plataforma contraria á mina e representantes locais do BNG e amosaron o seu "total desacordo" cos plans da multinacional canadiana Edgewater. 

Butiköfer, membro da Comisión de Industria, Enerxía e Investigación do Parlamento Europeo e unha das voces máis importantes de denuncia ecolóxica do uso dos productos contaminantes, observou "lagoas" no proxecto no relativo ao número de postos de traballo que se crearán e ao tecnoloxía que se prevé utilizar para minimizar o impacto medioambiental na zona.

Ana Miranda confirmou que o grupo dos Verdes-ALE no Parlamento europeo continuará traballando para evitar a posta en marcha, en Galicia e no resto de Europa deste tipo de minas a ceo aberto

Ana Miranda confirmou que o grupo dos Verdes-ALE no Parlamento europeo continuará traballando para evitar a posta en marcha, en Galicia e no resto de Europa deste tipo de minas a ceo aberto. Ao proxecto de Corcoesto poderían unirse outras explotacións no resto de Galicia, e noutros países, como Bulgaria ou Alemaña son varias as minas de ouro que grandes grupos multinacionais están planificando. 

Miranda e Butiköfer realizarán con este obxectivo varias preguntas dirixidas ao comisario europeo de Medio Ambiente, Janez Potocnik. Potocnik xa respondeu o pasado 31 de xullo que a Comisión aínda non fora informada oficialmente deste proxecto (un trámite imprescindible para acadar determinadas certificacións medioambientais) e que a utilización de cianuro na extracción de ouro non é contraria á lexislación europea, pois a Comisión polo de agora tan só recomendou que non se empregase.

A mina de Corcoesto, por exemplo, prevé a utilización de 1,49 toneladas de cianuro cada día, que despois se almacenará en balsas

Por este motivo Miranda e Butiköfer tentarán nos próximos meses que o Parlamento europeo e a Comisión prohíban expresamente o uso de cianuro, aproveitando a grande influencia que os Verdes teñen na Comisión de Industria e Enerxía. Con iso conseguiríase a paralización do proxecto de Corcoesto e impediría a posta en marcha de novos proxectos en toda Europa. A mina de Corcoesto, por exemplo, prevé a utilización de 1,49 toneladas de cianuro cada día, que despois se almacenará en balsas. E non hai que esquecer que nos últimos 25 anos asistimos ao redor de 30 accidentes graves por verquidos de cianuro.

Faixa contraria á mina en Corcoesto CC-BY-SA Plataforma en Defensa de Corcoesto

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.