O boicot ás reválidas segue a ser masivo en Galicia

Aula baleira nun centro de Primaria, nunha imaxe de arquivo © Xunta

Catro anos van xa nos nos que as probas de avaliación impulsadas pola polémica Lomce sofren dun importante boicot da comunidade educativa en Galicia. Desde que en 2015 se promovese a insubmisión a estas probas, o absentismo é importante e constante no país. Na primeira serie de exames, sindicatos e anpas cifraron o seguimento daquel boicot en entre un 50% e un 60%, mentres a Xunta falaba dun 20%. Nas de hai doce meses, as centrais e as asociacións de nais e pais cifraron en entre o 80% e máis do 90% o boicot, mentres que a Administración recoñece que como mínimo 4 de cada 10 alumnos non realizan os exames, incluíndo neses datos os centros privados, que non son contabilizados polas organizacións sindicais. 

CIG-Ensino cifra nun 80% o absentismo na primeira xornada das reválidas para 3º e 6º de Primaria e 4º da ESO

Nesta semana, na primeira das dúas xornadas de reválidas previstas para o alumnado de 3º e 6º de Primaria e 4º da ESO, CIG-Ensino cifra en arredor dun 80% o absentismo logo dunha nova chamada ao boicot feita pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público. A Consellería de Educación asume que polo menos o 50% do alumnado non participou nas probas, contando tamén o ensino privado. 

Anpas Galegas, pola súa banda, destaca que a Xunta "volveu tentar" levar a cabo con normalidade as probas "logo de fracasar todos os anos dende que comezou esta perda de tempo e diñeiro". "A resposta das familias sempre foi a mesma: non queremos que as nosas fillas e fillos fagan esas probas, e non os imos mandar aos centros escolares para que non teñan que facelas", asegura. 

Presentación dunha campaña polo boicot ás reválidas © PGDEP

CIG-Ensino destaca que, "despois de cinco anos, o rexeitamento á Lomce e en concreto ás reválidas incluídas nesta lei volve ser practicamente unánime, aumentando o boicot a cifras superiores ao 80% de absentismo". Segundo o sindicato, mesmo houbo moitas das familias que mandaron os cativos á escola só "pola imposibilidade de conciliar", o que incide nun feito que cre claro: "A comunidade educativa galega continúa sendo referente contra esta norma".

Anpas Galegas lembra que hai unha "maioría parlamentaria" contra a Lomce, da que esixe a súa "derrogación"

Para a CIG, o mantemento das reválidas por parte da Xunta "supón un gasto económico absolutamente innecesario que só beneficia a algunha empresa privada e para nada redunda nun beneficio para o sistema educativo galego".

Desde as Anpas Galegas, pola súa banda, lembran que hai unha "maioría parlamentaria" contra a Lomce, unha lei da que, ao igual que das reválidas, esixen "a súa derrogación". "Xa vai sendo hora de non tirar os nosos cartos en probas inútiles e indesexadas" que, segundo o colectivo, só prevén "ganancia económica na súa realización,  nos seus resultados e na catalogación de centros". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.