O campionato galego de caza do raposo terá lugar en Carnota sen autorización do Concello

Raposos mortos nun campionato anterior © Libera

O Campionato galego de caza do raposo terá lugar nos montes de Carnota e Muros o vindeiro sábado 26 de xaneiro. Nas últimas semanas tanto a Federación Galega de Caza como a Xunta de Galicia negáranse a facer público a localidade e a data de celebración do evento, que lle dá continuidade aos catro campionatos provinciais do pasado 12 de xaneiro e que será seguido pola prevista realización en Galicia da XII Copa España de Raposo (2 de febreiro) e da Copa Provincial de Lugo (9 de febreiro).

O BNG de Carnota critica "que a Xunta do PP autorice eventos deste tipo sen sequera consultar coas administracións locais"

A batida non conta coa autorización do Concello de Carnota, gobernado polo BNG. A Asemblea Local da formación aprobou este domingo un documento que subliña que a autorización "no caso de que sexa solicitada" será "rexeitada" e explica que "o executivo local, conformado integramente por membros do BNG, rexeita calquera forma de crueldade contra os animais e moito máis este tipo de eventos que baixo o disfraz de actividade deportiva veñen a promover a matanza indiscriminada de animais". 

Así mesmo, o BNG de Carnota critica "que a Xunta do PP autorice eventos deste tipo sen sequera consultar coas administracións locais, deixándonos sen voz nin voto nun asunto para nós moi importante, no que consideramos un desprezo sen precedentes pola democracia".

O campionato conta tamén co rexeitamento frontal de entidades animalistas como Libera, que dende esta fin de semana está a convidar á cidadanía a remitir a súa protesta ao Goberno galego, a través do envío de correos electrónicos á Consellería de Medio Ambiente.

 "Estase a ocultar á cidadanía a mínima información que garanta a súa autoprotección e seguridade ao transitar polos montes nos que se celebran estes eventos", denuncia ADEGA

ADEGA posicionouse igualmente contra a celebración destes campionatos e nos últimos días criticou que os seus organizadores "oculatasen" o lugar no que ía ter lugar esta batida, unha estratexia coa que se buscaba evitar as protestas da cidadanía contra esta práctica. De feito, o evento estaba inicialmente previsto para o domingo 20 de xaneiro e foi finalmente adiado ao sábado 26. "Estase a ocultar tamén á cidadanía, cazadora ou non, a posibilidade de contar cunha mínima información que garanta a súa autoprotección e seguridade ao transitar polos montes nos que se celebran estes eventos”, denunciaba a entidade ecoloxista.

Raposo morto o pasado ano nun dos campionatos provinciais, celebrado en Dozón © Libera

Campionatos que incumpren a Lei de Caza

Os colectivos ecoloxistas que rexeitan a celebración destes eventos subliñan que a súa práctica vulnera a propia Lei de Caza de Galicia (Lei 13/2013), que xa no seu artigo 1 sinala que a finalidade da caza é "protexer, conservar, fomentar e aproveitar ordenadamente os seus recursos cinexéticos de xeito compatible co equilibrio natural e cos distintos intereses afectados”. Neste senso a SGHN lembra que a práctica deportiva da caza contravén estes obxectivos de ordenamento, converténdose apenas nun "matar por matar". "Non se pode entender como deporte unha actividade que con leve a morte gratuíta de calquera especie e que ademais incide negativamente no equilibrio ecolóxico e indirectamente na saúde das persoas", engade a entidade.

Tamén o PSdeG-PSOE reclamoulle este domingo ao PP que deixe de "subvencionar calquera novo campionato de caza do raposo"

O apoio da Xunta a estes campionatos (así aparecía nun dos carteis que anunciaban os campionatos provinciais do pasado 12 de xaneiro) incumpre ademais un acordo parlamentario ao que o pasado ano chegaran todos os partidos galegos, incluído o PP. O Parlamento aprobou por unanimidade en marzo unha moción presentada polo BNG que instaba á Xunta a "non subvencionar estas actividades, non apoialas nin participar na súa promoción e desenvolvemento" e pedía que "ningún cargo público nin representante da Administración galega asista aos actos relacionados con esta inxustificada competición de morte de fauna silvestre". 

Tamén o PSdeG-PSOE reclamoulle este domingo ao PP que deixe de "subvencionar calquera novo campionato de caza do raposo", cando menos "ata dispor de datos sobre a situación deste animal". Nunha proposición non de lei, os socialistas aluden ao recollido na devandita Lei de Caza e subliñan que estes campionatos semellan ter "un interese meramente lúdico-festivo”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.