O persoal dos PAC, tras a fin da folga: "Queda sensación agridoce porque queda a desconfianza co Sergas"

Mobilización de persoal dos PAC en Galicia CC-BY-NC-SA CIG

O persoal dos Puntos de Atención Continuada (PAC) do Sergas puxo fin á folga que mantiña desde hai sete meses e a un ano e medio de mobilizacións logo de que a representación sindical e o comité de folga asinaran un acordo. Nel, os traballadores acadaron a práctica totalidade das reivindicacións feitas á Consellería de Sanidade, que non cedeu, no entanto, no que ten que ver coa neutralidade no cómputo da xornada complementaria que reclamaban persoal médico e de enfermería das urxencias de atención primaria. 

O comité de folga recoñece unha "sensación agridoce" tras sete meses de folga ao conseguir case todas as reivindicacións pero quedar a "desconfianza" respecto do Sergas

Malia as melloras evidentes, desde o comité de folga advirten da “sensación agridoce” coa que quedan logo de máis de medio ano de paro e moitos meses máis de mobilizacións. “Sabiamos que era difícil saír dun conflito 100% satisfeitos”, explica Ana Boedo, portavoz deste comité, que insiste no de “agridoce” pola “desconfianza que queda tras o conflito”. “Loitamos para cumprir co pactado en 2008, así que é normal que sexamos desconfiados porque teremos que ver se agora o Sergas cumpre co asinado”, explica. 

“Desconfianza” é a mesma palabra que empregan moitos dos colectivos sanitarios en conflito coa Xunta ao valorar a relación coa Consellería de Sanidade. “Semella que agora xa hai cartos e xa se pode investir, pero xa non é só cuestión de vontade, senón de ter as ideas claras”, advirte Boedo, que pide aos políticos que, de querer paliar as deficiencias no sistema sanitario público, “tomen decisións sabendo que igual non son entendidas por todo o mundo que os vota”. 

Mobilización de persoal dos PAC en Galicia CC-BY-NC-SA CIG

De entre o conseguido, Boedo destaca a “mellora en calidade asistencial” que suporá o acordado, que debería supor o aumento do persoal, achegar equipos completos aos PAC e retribuír axeitadamente a nocturnidade e os días festivos. O peor, non poder avanzar no cómputo de xornada e na neutralidade reclamada. “Tivemos sempre a impresión de que aí non ía haber concesión ningunha”, engade. 

“Hai cousas que non paga a pena nin valorar porque deberan ser de obrigado cumprimento”, explica a voceira sobre puntos do acordo como os referentes a que o persoal médico e de enfermaría dispoña do vestiario adecuado

Do que prefire “nin comentar” nada é de reclamacións que xa non tiñan que ser tal. “Hai cousas que non paga a pena nin valorar porque deberan ser de obrigado cumprimento”, explica. Refírese a que se lle facilite ao persoal vestiario e materiais de protección axeitados ou uniformes limpos para ser mudados cando corresponda, que non sexan penalizados por mandar pacientes a un hospital ou que dispoñan dun bocadillo se van traballar durante moitas horas. 

En tantos meses de conflito, tamén diferenzas internas entre sindicatos e persoal mobilizado. “Se cadra é algo normal ou habitual, pero claro que é duro”, asegura Boedo, que responde ao ser preguntada sobre se ve algún cambio de actitude na Xunta respecto ás múltiples reivindicacións que xorden do persoal de diferentes ámbitos do Sergas. “Seguro que hai moitos factores que inflúen para que os traballadores saian á rúa e se rebelen... E tamén haberá moitos para que os políticos acaben por escoitar os que se mobilizan”, di, tras insistir en que, para arranxar os problemas, ás veces deben facerse cousas que non gustan a todos os que un espera. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.