Fin da folga nos PAC do Sergas tras lograr o persoal a práctica totalidade das súas reclamacións

Protesta de persoal dos PAC do Sergas, nunha imaxe de arquivo CC-BY-NC-SA CIG

Ano e medio de mobilizacións e sete meses de folga despois, o persoal dos Puntos de Atención Continuada (PAC) do Servizo Galego de Saúde logrou a práctica totalidade das súas reivindicacións. A representación sindical e o comité de folga do persoal médico e de enfermaría dun dos elos máis febles do sistema sanitario, as urxencias de atención primaria, asinou este 17 de xullo co Sergas a acta que pon fin ao conflito e que arrinca da Consellería de Sanidade practicamente todos os compromisos que o persoal reclamaba.

Alén dos acordos retributivos e de carga de traballo, o acordo que pon fin á folga inclúe unha das reivindicacións máis básicas do persoal: o vestiario e materiais de protección no traballo

Dúas dietas de manutención para os servizos de 24 horas incluíndo domingos e festivos ou a fin da non derivación de pacientes ao hospital como obxectivo de "produtividade" figuran nun acordo que fixa tamén por escrito unha das reivindicacións máis básicas do persoal: o vestiario e materiais de protección para o traballo. 

Se a Xunta cumpre, neste 2019 o persoal dos PAC recibirá equipos de protección individual -calzado de seguridade, prendas de roupa, cascos- cunha "imaxe corporativa única" e seguindo as directrices en materia de riscos laborais. Tamén fica reflectido no pacto que pon fin á folga a obriga de que todo o persoal, tamén o temporal, poida contar co número de uniformes "necesario". Isto inclúe, daquela, que fique garantida a existencia dun uniforme limpo para ser mudado cando corresponda.

Persoal dos PAC, participando nun peche durante as mobilizacións na demanda de mellores condicións laborais CC-BY-NC-SA CIG

Noutros dos aspectos básicos do conflito, a sobrecarga de traballo, o persoal conseguiu que Sanidade se comprometa a realizar un estudo de carga asistencial. O acordo remítese á normativa de 1995 segundo a cal cada facultativo non debera superar unha presión asistencial media de 30 urxencias por garda e comprométese a fixar novas normas tendo en conta criterios como a distancia de cada PAC ao hospital, o número de desprazamentos habituais ou a idade da poboación atendida para "crear as prazas necesarias".

O pacto que pon fin á folga contempla o reforzo dos cadros de persoal dos PAC, que deberán ter equipos completos, e a equiparación dos complementos por nocturnidade e festividade co persoal das urxencias hospitalarias

Aprobar plans funcionais "de revisión anual" conforme ao aprobado no ano 2008 é outro dos compromisos que a Xunta di asumir nun documento no que o persoal tamén logra reflectir que no caso de eventos especiais -como festas, acontecementos deportivos ou temporadas turísticas- os PAC que correspondan poidan recibir os reforzos "que resulten precisos" tanto en medicina como en enfermaría. Nesta liña, o acordo contempla tamén a necesidade de que os PAC conten con equipos completos nas devanditas categorías, a comezar polos centros onde "hai un único efectivo de enfermaría".

O acordo asinado este 17 de xullo pon fin tamén ao conflito en materia de complementos por nocturnidade e festividade, toda vez que o persoal dos PAC reclamaba a equiparación co persoal das urxencias hospitalarias. Segundo o recollido no documento asinado, entre 2020 e 2021 producirase esa equiparación ata "acadar os valores actualizados correspondentes". 

Na actualidade nas urxencias hospitalarias este complemento é duns 5 euros á hora para persoal médico e 4 en enfermaría por nocturnidade, e de 9 e 12 por festividade. Mentres, nos PAC a nocturnidade do persoal médico é de 4 euros e na enfermaría non chega aos 3, mentres que a festividade non é de 9 para médicos e de 7 para a enfermaría, detallan os sindicatos. O compromiso asinado agora é que en 2020 o persoal dos PAC reciba o 80% da diferenza cos actuais valores do hospital e en 2021, o 100%.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.