"Non ansiamos traballar menos horas, senón facelo noutras condicións. Naquelas que tivemos até a chegada dos recortes dos gobernos do PP". Así resume o secretario nacional da CIG-Ensino, sindicato maioritario entre o profesorado galego, o motivo central polo que todos os sindicatos do sector chaman este 12 de decembro á folga ao persoal docente.
Regresar ás 18 horas lectivas na ESO e 21 en Educación Primaria, ao xeito do aplicado antes da vaga de recortes, está no centro da folga do profesorado galego deste 12 de decembro, apoiado por todos os sindicatos do sector
A mobilización laboral coa que todas as centrais sindicais (CIG-Ensino, CCOO Ensino, ANPE, FeSP-UGT, STEG e CSIF) aspiran a paralizar as aulas do país este xoves para propiciar unha mudanza de actitude na Xunta ten a súa orixe nos primeiros paquetes de recortes sociais da crise. A Consellería de Educación, daquela dirixida por Jesús Vázquez, aumentara o horario lectivo do profesorado mentres aseguraba que non o estaba a facer nun contexto no que, pouco despois, o persoal docente sufriu tamén os recortes aplicados ao conxunto do persoal público.
Nos últimos meses os sindicatos instaron en diversas ocasións á actual conselleira, Carmen Pomar, a unha negociación. Pero aseguran que non houbo resposta, polo que a folga ficou como "única saída" para reivindicaren regresar ás 18 horas lectivas na ESO e 21 en educación primaria. Ou, o que é o mesmo, "o retorno ao horario lectivo anterior ao 2011 en Primaria e Infantil e 2012, en Secundaria, FP e Réxime Especial", resumen nun contexto no que ven á Xunta "máis preocupado por favorecer o ensino privado, tamén o universitario, que por sentarse e falar co profesorado que sostén o sistema educativo co seu esforzo diario".
A mobilización deste 12 de decembro, destaca a CIG-Ensino, prodúcese nun clima de "unidade" nun colectivo que "foi estigmatizado por quen nos goberna como unha especie de casta funcionarial privilexiada". Pero "o profesorado galego non ten nin o primeiro privilexio", senón que está a "pelexar por recuperar parte do que nos roubaron" durante a crise. Noutras autonomías, veñen destacando as centrais sindicais nas últimas semanas, cadanseus gobernos si accederon a negociar.
"Non estamos demandando unha redución do noso horario de traballo; esiximos reducir as sesións lectivas para podermos traballar nunhas mellores condicións"
"Non estamos -abondan- demandando unha redución do noso horario de traballo", senón das horas lectivas. "Esiximos reducir as sesións lectivas nas aulas para podermos traballar nunhas mellores condicións sen a sobrecarga de docencia". Isto, explican, implicaría ao mesmo tempo crear máis emprego no sector e reducir as ratios de alumnado, xa que "ao impartir menos docencia, redúcese o alumnado co que traballamos e podemos destinar máis tempo á planificación e á coordinación pedagóxica".
Ese incremento das ratios -número medio de estudantes por docente- reflícteno, precisamente, os datos divulgados recentemente ao respecto polo Instituto Galego de Estatística, que recollen a primeira media década tras os recortes (2012-2016). Nun contexto de redución da poboación infantil por mor do devalo poboacional e o seu conseguinte reflexo nas cifras de matrícula do ensino público, a ratio aumentou tanto en Infantil e Primaria como en Secundaria, segundo os datos recompilados polo IGE na propia Consellería de Educación.
Aos datos apelan tamén as centrais sindicais para comparar a situación do profesorado galego coa do resto de Europa. O informe Education at glance 2018 da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE), destaca a CIG-Ensino, "confirma de novo unha realidade consolidada nos últimos anos: o profesorado galego, como o do conxunto do Estado español, imparte máis horas de docencia" que o persoal docente no resto da Unión Europea.
"Necesitamos máis tempo para as demais funcións que un centro precisa no seu día a día. Queremos paliar o enorme deterioro das nosas condicións laborais"
Deste xeito, sindicatos como a propia CIG-Ensino ou CC.OO subliñan que, segundo este informe, a media da Unión Europea é de 762 horas lectivas anuais para o profesorado de Primaria, mentres que a media estatal e galega é de 880. No caso da ESO, a media europea é de 668 horas anuais fronte a 713, subliñan.
Cifras coma esta, advertía o secretario nacional da CIG-Ensino nun artigo de opinión publicado en Praza.gal, amosan por que "queremos ter menos horas para a docencia directa". "Necesitamos máis tempo para as demais funcións que un centro precisa no seu día a día. Queremos paliar o enorme deterioro das nosas condicións laborais: reducir as materias afíns, recuperar os postos de traballo recortados coa ampliación horaria e que tanto afectaron ao persoal interino en particular e aos centros en xeral", conclúe.
Alén do paro laboral, as centrais sindicais do ensino trasladan a súa protesta á rúa cunha manifestación nacional que parte ás doce da mañá da compostelá Praza de Cervantes. O destino da marcha será o complexo administrativo de San Caetano.