Os primeiros paquetes de recortes sociais da crise económica trouxeron consigo un incremento do horario lectivo para o profesorado do ensino público, entre outras minguas de dereitos laborais. A Xunta aplicouno dende o ano 2011, con Jesús Vázquez como conselleiro de Educación, asegurando que realmente non o estaba a facer. Agora, case unha década despois, diversas autonomías están a negociar ou xa aplican o regreso á situación anterior á crise e, ante a negativa do Goberno galego a esa negociación, todos os sindicatos do sector en Galicia decidiron ir á folga.
"Reivindicamos unha negociación inmediata da recuperación do horario lectivo que foi recortado nos gobernos de Feijóo e Rajoy nos anos 2011 e 2012"
En vésperas dese paro, previsto para o 12 de decembro, CIG-Ensino, CCOO Ensino, ANPE, FeSP-UGT, STEG e CSIF saíron á rúa nas sete principais cidades galegas baixo o lema Recuperemos o noso horario, isto é, 18 horas lectivas á semana na ESO e 21 en Educación Primaria. "A folga é a única saída" porque o departamento agora dirixido por Carmen Pomar, lamentan, simplemente se negou a negociar.
Porque negociar é, precisamente, a primeira reivindicación, lembran. "Reivindicamos unha negociación inmediata da recuperación do horario lectivo que foi recortado nos gobernos de Feijóo e Rajoy nos anos 2011 e 2012" e que "significou unha perda dun mínimo de 1.200 postos de traballo", ademais dun "empeoramento tanto das condicións laborais como da calidade da atención educativa", subliña a CIG-Ensino, sindicato maioritario.
"Docentes doutros sete territorios do estado xa recuperaran os seus dereitos"
Neste sentido, as centrais sindicais advirten de que a parte estatal do recorte xa foi revertida, pero a Xunta evita actuar en consecuencia. "Unha vez que o Goberno central derrogou o ano pasado o Real Decreto Lei" mediante o cal aplicara o "insólito" incremento horario para todo o Estado, a "vontade política de cada Administración fixo que, nestes momentos, docentes doutros sete territorios do Estado xa recuperaran os seus dereitos".
Pero mentres, "en Galiza, que foi pioneira nestes recortes", a "vontade" simplemente "non existe". E "mesmo se utiliza o colectivo docente como arma política nas liortas do Goberno da Xunta co de Madrid".
As centrais sindicais do ensino lembran que a redución de 25 a 21 horas lectivas semanais do profesorado de Primaria foi pactado en 2007 coa Xunta, en tempos do goberno de coalición
O que reclaman, ao cabo, non é outra cousa que a "volta á normalidade", a comezar pola redución de 25 a 21 horas no profesorado de Primaria, Infantil e Educación Especial que "foi froito dun acordo asinado pola práctica totalidade das organizacións sindicais coa Xunta en 2007", co Goberno de coalición de PSdeG e BNG, e que o gabinete de Feijóo reverteu. Aquela medida "pretendía reducir as diferenzas entre os distintos corpos e igualar as condicións horarias dentro dos centros educativos".
Alén da cuestión do horario, advirten os sindicatos, na folga do día 12 lembraranse outras consecuencias destas medidas. "Trouxeron consigo redución dos apoios en Infantil, un empeoramento na atención á diversidade con menos profesorado especialista, máis itinerancias ou maior número de alumnado por docente", resume Suso Bermello, secretario xeral da CIG-Ensino. "Dende a chegada ao poder, Feijóo exerceu a maioría absoluta con autétnica soberbia, tentando baleiras de contido as mesas de negociación" e por todo isto, conclúen, "a folga é a única saída".