O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos acolle a demanda da CUT por vulneración de dereitos relativos á liberdade de expresión e manifestación e abre un período para atopar unha solución amistosa
O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos admite a trámite a demanda presentada pola Central Unitaria de Traballadoras (CUT) contra o Estado español por vulneración de dereitos recollidos no Convenio Europeo de Dereitos Humanos relativos á liberdade de expresión e á liberdade de reunión e manifestación, despois de que se lles prohibise manifestarse o 1º de maio de 2020 en Vigo, no primeiro Día da Clase Traballadora coa pandemia da COVID-19.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ratificou a prohibición gobernamental da manifestación que o sindicato formulou como unha caravana de coches, como medida de seguridade por mor da pandemia. No seu auto, o alto tribunal galego sinalou que existía un "un evidente perigo para a saúde pública" e lembraba que só estaba permitida a circulación de automóbiles para actividades concretas.
O Tribunal Constitucional descartou o recurso presentado pola CUT ante esta decisión do TSXG e sinalou que "a relación entre o dereito á vida e o de reunión esixe unha ponderación pola que, ante a falta das garantías de seguridade nunha situación de máximo contaxio, debe primar o primeiro dereito".
O tribunal europeo pregunta sobre se foi "necesaria" e "proporcionada" a prohibición por parte das autoridades españolas da mobilización en coches en Vigo
Agora, a Sección Terceira do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos traslada que a CUT propuxera aplicar "medidas sanitarias apropiadas" para prever a propagación do coronavirus durante a celebración da mobilización en coche e que expresou a súa disposición para adoptar calquera outra medida que puidese ser suxerida polas autoridades españolas. Así, cuestiona que as autoridades administrativas rexeitaran autorizar a manifestación, "limitándose a explicar que as circunstancias da pandemia eran o suficientemente graves para que se restrinxa o dereito do demandante a manifestarse".
Desta maneira, o tribunal europeo abre un período para un arranxo amistoso entre o Estado e o sindicato que rematará o 13 de xaneiro de 2022. Despois desta data, explican na CUT, España terá 12 semanas para presentar un escrito de alegacións contra a demanda, comezando así a fase contenciosa do procedemento. Entre as preguntas que lanza o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos ás partes, recóllese un interrogante sobre se foi "necesaria" e "proporcionada" a prohibición por parte das autoridades españolas.
A CUT di que a admisión a trámite "caricaturiza á perfección a farsa institucional existente no Poder Xudicial do Estado español"
Dende o sindicato celebran que a súa petición forme parte "do escaso 5% de demandas que o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos decide tramitar" e indican que "caricaturiza á perfección a farsa institucional existente no Poder Xudicial do Estado español onde o presidente do Tribunal Constitucional fixo uso do seu voto de calidade para tombar o recurso de amparo do Sindicato, a pesar da obvia relevancia de decidir se unha manifestación segura pode ser arbitrariamente prohibida nun contexto no que se nos chama ao traballo en medios de transporte masificados".
Para a CUT isto tamén é unha mensaxe clara á clase traballadora galega sobre a mellor maneira de defender o dereito á liberdade de expresión e á mobilización, que, ao seu entender, "segue a ser tomando as rúas de maneira contundente, permanente e activa, para a autodefensa do pobo traballador". Por isto, convocan unha nova marcha en Vigo para o vindeiro 30 de novembro, ás 19.30 horas, dende a Praza dos Cabalos, baixo o lema "Non máis farsa coa reforma laboral. Derogación si ou si".