24 "puntos negros" para o medio ambiente. Son os identificados pola asociación ecoloxista Greenpeace en Galicia na súa Radiografía social do medio ambiente en España, un completo informe que analiza autonomía a autonomía os exemplos máis negativos, así como as iniciativas a seguir e imitar a nivel medioambiental.
Greenpeace advirte de 24 "puntos negros" para o medio ambiente en Galicia e dez iniciativas de políticas verdes exemplares
De entre os 400 puntos negros identificados no conxunto do Estado, 24 deles están en Galicia, mentres que o país achega tamén dez iniciativas e políticas verdes exemplares de entre os 214 "exemplos positivos a seguir" que se inclúen no estudo. Ademais, Greenpeace elabora tamén un ránking onde as comunidade autónomas aparecen ordenadas segundo a valoración obtida no Índice de Calidade Ambiental pola asociación ecoloxista. Galicia aparece no sexto lugar da táboa en canto a esta calidade ambiental, só superada por A Rioxa, Navarra, Madrid, Estremadura, Castela e León. O índice baséase nun diagnóstico que avalía a agricultura, a calidade do aire, costas, pesca, enerxía e cambio climático, protección e xestión do territorio e residuos.
Galicia, ao igual que a maioría dos territorios, ten unha calidade ambiental "media", segundo o ránking de Greenpeace, aínda que Aragón, Cantabria, Comunitat Valenciana, Euskadi, Castela-A Mancha e Asturias saen peor paradas, cunha calidade "baixa".
Galicia ten unha calidade ambiental "media" e é a sexta comunidade no ránking do Estado
Grennpeace, respecto ao país, destaca sobre todo "a ameaza que supón a contaminación das rías", un problema "sen resolver" que afecta a pesca e o marisqueo. No lado positivo, a asociación ecoloxista resalta o "valor engadido que dan ao emprego verde e á aposta por preservar os recursos de Galicia a pesca artesanal e sustentable e o marisqueo". A entidade, por primeira vez, tamén centra o estudo nas "duras consecuencias sociais" que supoñen as agresións ao medio ambiente nas comunidades autónomos, así como os "impactos positivos" que provocan as boas prácticas medioambientais.
A organización ecoloxista advirte da ameaza da contaminación nas rías "un problema sen resolver que afecta a pesca e marisqueo"
Así, establece tamén o vínculo entre as infraestruturas inútiles e os escándalos por corrupción e o desbalde de cartos públicos; ou entre unha política enerxética ditada polas eléctricas e as enfermedades e pobreza enerxética; ou entre a xestión forestal e as privatizacións e a perde de dereitos laborais.
No informe dedicado a Galicia, Greenpeace dedica cadanseu apartado ás situacións negativas e positivas no ámbito medioambiental. Así, no plano enerxético, a asociación ecoloxista censura que o Parlamento galego desbotase por unanimidade en 2009 unha proposición para a instalación de parques eólicos no litoral galego, ademais de alertar outra vez da presenza de dúas centrais térmicas de carbón altamente contaminantes (a das Pontes e a de Meirama), así como dúas de ciclo combinado, tamén nas Pontes e en Sabón. Tamén advirte dos vertidos que a refinería de Repsol na Coruña ten producido sobre O Portio ou Suevos ou os problemas que crea a regasificadora en Mugardos. Os vertidos industriais e urbanos e o tráfico marítimo "teñen deteriorado a calidade das augas das rías galegas" e céntranse en Ence, que "leva contaminando anos a ría de Pontevedra" e goza dunha "prórroga amparada pola nova Lei de Costas".
Entre os maiores problemas, Greenpeace cita as centrais de Meirama e As Pontes, a refinería de Repsol, Ence ou a deficiente xestión de Sogama
Greenpeace alerta tamén da pesca destrutiva, como o arrastre de profundidade ou as granxas de salmón na ría de muros e Noia, ou da deficiente xestión de residuos e aguas, xa que "só se reciclou ou recuperou o 13,48% en 2013". Así, censura a queima de residuos da cementeira de Ourol, o anómalo funcionamento de Sogama e a súa prevista ampliacion ou o "vertedoiro de medicamentos" que se sitúa tamén en Cerceda, con "milleiros de toneladas depositadas". Ademais, lembra que son varios os municipios que incumpren a directiva europea de augas.
A "eucaliptización de Galicia", que abrangue o 28% da superficie arbórea, os constantes e grandes incendios -o 44% dos lumes no Estado en 2013 foron no país, di- ou o feito de que menos do 10% da superficie forestal estea xestionada merecen tamén as críticas dunha asociación que destaca que "só un 23,4% do territorio está declarado espazo natural ou en Rede Natura 2000. "O 9% do litoral é artificial (franxa dos primeiros 500 metros) e numerosos concellos solicitaron a redución da servidume a tan só 20 metros", insiste Greenpeace, que recorda os efectos do cambio climático na costa co perda de praia e os danos materiais provodados polo aumento de temporais. Ademais, alerta da "especulación urbanística" nalgunhas zonas e do feito de que Galicia sexa "a quinta comunidade máis ameazada pola perda de insectos polinizadores", en referencia á desaparición de abellas.
A "eucaliptización de Galicia", que abrangue o 28% da superficie arbórea, é unha das principais eivas que sinala o informe
A exitosa "mobilización cidadá" en Galicia
Pero non todo é malo, nin moito menos. Greenpeace destaca que en Galicia non hai ningún proxecto de fracking, así como que o Parlamento se pronunciase en 2013 contra esta práctica. Ademais, destaca que o país é a terceira comunidade que máis enerxía renovable produce (11.957 GWh) e a segunda que xera máis enerxía con instalacións eólicas (9.496 GWh) e a que máis enerxía xera por hidráulica (1.844 GWh). A entidade ecoloxista gaba o "potencia renovable" de Galicia, que "podería abastecer con enerxías renovables 45 veces a súa demanda de electricidade para 2050".
Greenpeace destaca a "potencia renovable" de Galicia e a exitosa "mobilización cidadá" en casos como o de Corcoesto ou O Irixo
Greenpeace tamén destaca a "mobilización cidadá" e o "activismo" da sociedade, como o da Plataforma Pola Defensa da Ría de Vigo ou o rexeitamento á mina de ouro de Corcoesto "que provocou que o proxecto fora finalmente denegado pola Xunta". Ademais, lembra que o país non ten cultivos tranxénicos malia que si se sementaron 4,28 hectáreas en proba, polo que "se quere ser Zona Libre non o debería permitir". Neste ámbito destaca a mobilización da Plataforma Galega Antitransxénicos e gaba a "concienciación cidadá" contra a incineración pola recollida de 15.00 sinaturas na ILP, así como a "mobilización veciñal no Irixo contra a construción da incineradora do sur".
Mención á marxe merece a pesca. "Galicia está entre as autonomías con maior número de embarcacións de pesca artesanal, uns pescadores que se mobilizan en defensa desta pesca e que reclaman que o arrastre se afaste da costa", di Greenpeace, que destaca asociación como Asoar Armea e Agamar e que fai referencia a "importantes exemplos" como a Reserva Mariña d'Os Miñarzos en Lira-Carnota. Pola contra, o informe destaca que a empresa Vidal Armadores, con base en Ribeira, "foi condenada once veces e denunciada outras sete por pesca ilegal".