Os cargos imputados por atrasar tratamentos de hepatite descargan a responsabilidade nos médicos

Os cargos investigados pola hepatite, chegando aos xulgados cos letrados da Xunta © CRTVG

Os dous cargos do Sergas investigados na primeira causa xudicial no Estado polas demoras no tratamento aos enfermos de hepatite C botan balóns fóra. Félix Rubial, director de Asistencia Sanitaria daquela, e Carolina Gómez-Criado, subdirectora xeral de Farmacia, defenderon no xulgado a súa correcta actuación, así como da subcomisión creada pola Xunta para controlar a dispensación dos fármacos. Insistiron, durante unha declaración que durou máis de catro horas, que non deixaron fóra do tratamento pacientes aos que o especialista prescribira a mediación aínda que, segundo fontes xudiciais, si recoñeceron que se priorizaba doentes pola súa gravidade.

Rubial e Gómez-Criado seguiron o argumento usado por Feijóo e descargaron a responsabilidade nos médicos da subcomisión

Ante o xuíz Andrés Lago, tanto Rubial como Gómez-Criado responderon a todas as partes, tamén as da fiscal que os acusa de prevaricación e homicidio por imprudencia ao relacionar a morte de oito doentes coa demora que a Xunta impuxo no seu tratamento por "razóns orzamentarias". Segundo fontes xudiciais, ambos os dous cargos do Sergas seguiron a estratexia xa anunciada por Feijóo nas súas intervencións públicas: a de descargar a responsabilidade na subcomisión e asegurar que eles dous -presidente e vicepresidente da mesma- limitábanse pouco menos que a asinar o que alí se decidía. Xa que logo, cumprir cos trámites burocráticas pero sen participar na autorización nin na denegación dos fármacos. 

De feito, e segundo as mesmas fontes, ante preguntas moi concretas sobre quen decidía os criterios a empregar ou a compra dos medicamentos, chegaron a declarar que o descoñecían. Seguiron o guión previsto e, ante a acusación de prevaricación que afrontan, esforzáronse en facer ver que non eran eles a autoridade responsable, senón meros funcionarios que seguían as indicacións dos especialistas, un argumento de defensa idéntico ao que empregou Feijóo no Parlamento. 

Rubial e Gómez-Criado insistiron en que as peticións dos tratamentos eran resoltas nun mes desde o momento no que chegaban á comisión pero aseguraron non coñecer como seguía o proceso. Malia que os afectados denuncian esperas de ata oito meses polos medicamentos recetados polos especialistas, a única explicación que dan á demora entre esta petición e a chegada dela á subcomisión foron eivas nas solicitudes por parte dos especialistas. 

O avogado da acusación popular ve "non satisfactorias" as declaracións e con eivas que terán que analizar

O avogado dos dous cargos públicos, letrado da Xunta, destacou o seu "pleno ánimo de colaboración" para deitar luz sobre o "correcto" e "dilixente" funcionamento da comisión que dirixían, mentres que o avogado da acusación popular, en representción da Plataforma de Afectados pola Hepatite C, cualificou de "non satisfactorias" as comparecencias dos imputados e con "moitas" eivas que terán que analizar.

Pola súa banda, a fiscal que presentou a querela, Pilar Fernández, compareceu ante os medios para aclarar que se compromete a "seguir investigando" e incidiu no "respecto" aos enfermos e ás familias.  Ademais, lembrou que a "finalidade exclusiva" da demanda é "que non se cometan irregularidades" e "salvagardar o servizo público de saúde". "A nós terianos gustado, se cadra, ter investigado isto antes, pero non tiñamos coñecemento ata que nos chegou a denuncia", en referencia ao escrito de Batas Blancas. 

A fiscal compareceu ante os edios para defender o seu labor e pedir "respecto" aos enfermos e ás familias

"Toda a nosa investigación baséase na documentación remitida polos servizos do Sergas e a recollida pola Policía Xudicial", insistiu Fernández, que non quixo entrar a valorar as críticas de Feijóo -que cualificou de "inmoral" vincular o aforro económico coas mortes- pero insistiu en pedir "respecto" ás vítimas. Segundo fontes xudiciais, a fiscal quixo comparecer ante os medios para, en parte, contestar ás duras palabras do presidente da Xunta e cargos do Goberno galego e do PP contra a súa decisión de imputar os dous cargos que este xoves declararon. 

 

Feijó cre "inmoral" vincular mortes e recortes

Mentres comparecían os dous cargos da Xunta nos xulgados, Feijóo insistiu en rolda de prensa en defender a súa actuación e a do seu Goberno e presumiu de achegar "130 millóns" na patoloxía, ademais de lembrar que o importante non é o que diga a Fiscalía, senón o que ditamine o xuíz. ao tempo, insistiu en cualificar de "inmoralidade" relacionar o aforro económico coas mortes por hepatite C. O conselleiro de Sanidade, pola súa banda, confía en que todo quede "clarexado" coa comparecencia deste xoves. 

Feijóo ve unha "inmoralidade" relacionar aforro económico e mortes por hepatite C

Félix Rubial e Carolina González-Criado foron citados a declarar tras a denuncia da Fiscalía, que defende que estes dous mandos designados a dedo polo Goberno de Feijóo incumpriron os criterios que a propia Administración autonómica establecera para sufragar estes caros tratamentos aos enfermos máis graves mentres se negociaba un acordo global coas empresas farmacéuticas para universalizar o seu uso na sanidade pública. As demoras, segundo o fiscal, chegaron "ao momento de poñer en grave risco a vida dos pacientes con resultado de morte nalgún dos supostos".

A querela contra a Consellería de Sanidade presentada non naceu na Fiscalía, senón que partiu dunha denuncia previa do colectivo de profesionais sanitarios do sistema público galego denominado Batas Blancas, que fixo chegar ao ministerio público e que detallaba graves irregularidades na rede de hospitais da Xunta durante 2014 e 2015 relacionados cos tratamentos da hepatite C. Pero as queixas levaban meses ouvíndose na rúa. 

A Plataforma de Afectados pola Hepatite C xa levara as súas protestas e rabia á rúa e ao Parlamento e, tal e como se soubo despois, o colexio médico de Pontevedra alertara a Xunta do veto a tratamentos un mes antes da denuncia. Ademais, coñeceuse tamén como unha carta á desesperada de tres doutores evitara a morte dun paciente saltándose o protocolo oficial. 

A presión sobre a Xunta, tanto por parte dos afectados como da oposición e de boa parte da sociedade, non levou aínda ao Executivo a pedir desculpas. O Goberno tratou de apagar o incendio enviando o conselleiro de Sanidade, Vázquez Almuiña, a comparecer no Parlamento. Alí, insistiu en que non se cometera irregularidade ningunha e cargou contra os contricantes político, acusándoos de "demagoxia". "Poderán manipular os mortos, pero os datos están aí", chegou a dicir. De xeito parecido se mostrou Feijóo ao ser preguntado na Cámara pola polémica. Cualificou as acusacións da Fiscalía de "disparate" e "insulto" e ve na denuncia un "xuízo sumarísimo á sanidade pública".

Os cargos investigados pola hepatite, chegando aos xulgados cos letrados da Xunta © CRTVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.