A situación é "caótica". Así a definen traballadores e doentes das urxencias do Hospital Clínico de Santiago (o CHUS). Escaseza de medios e persoal motivada polos "recortes" que a Xunta nega pero que tanto os cidadáns como os empregados notan "cada día" na prestación da asistencia sanitaria. Un doente que asistiu a noite de mércores ao Punto de Atención Continuada (PAC) deste hospital compostelán, co que falou Praza Pública, asegura que "os dous electrocardiógrafos" de urxencias estaban averiados despois de ter sido trasladado nunha ambulancia do 061 desde o centro da cidade ao complexo hospitalario. "Non funcionaba correctamente ningún dos dous aparatos", engadiu.
Este cidadán, cun historial de arritmias, denuncia asemade que foi atendido "na mesma sala que outra señora", e que "a mesma enfermeira estaba á vez comigo e tomándolle a tensión" á outra persoa. Non había nese momento, arredor da medianoite, máis de dez persoas no PAC para seren atendidas polo persoal sanitario. Esta testemuña non sorprende ao sindicato Comisións Obreiras, por exemplo, que xa vén denunciando o panorama de "caos" do centro "a pesar de que hai pouco menos dun mes remataron as obras do servizo de urxencias".
Morte nos corredores
CCOO e outras organizacións (UGT, SATSE) "xa lle manifestaran á anterior dirección do centro" de que tales obras (no departamento de urxencias) eran unicamente un "lavado de cara" diante do "malestar social" polo falecemento dunha doente no corredor de urxencias. Segundo Comisións, o único cambio foi cambiar espazos e ubicacións, ademais de ampliar a sala de espera dos pacientes mais o de observación. Porén, denuncian, "non houbo un incremento de persoal acorde co aumento da carga de traballo, o que implica unha deterioración asistencial".
"Un día da semana pasada, ás 13:30 horas, chegou a haber 11 doentes de gravidade intermedia no pasillo de urxencias, todos sen atender"
O mesmo persoal sanitario constata que a "precarización" do servizo vén motivada pola redución orzamentaria e do persoal dispoñible no servizo de urxencias. "Non podemos facer máis de unha cousa á vez", lamentáronse os propios traballadores deste servizo nunha mobilización a pasada semana diante do complexo hospitalario.
Segundo apuntaron desde Comisións Galicia, "un día da semana pasada, ás 13:30 horas, chegou a haber 11 doentes de gravidade intermedia no corredor de urxencias, todos sen atender, mentres a sala de espera estaba colapsada". Había, asemade, outros "38 doentes á espera de ingreso, ademais dunha demora de atención na quenda da noite anterior de seis horas". Tanto o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, como a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, negaron no Parlamento esta semana que se teñan producido recortes na sanidade pública de Galicia.
Máis material
Segundo apuntou a responsable de CCOO no CHUS, Marisol López, a Praza, "xusto este xoves se comprometeron a poñer máis electrocardiógrafos e termómetros en urxencias. A testemuña da que me fala prodúcese constantemente"