Os incendios queimaron máis de 1.100 hectáreas desde o pasado mércores

Incendio en Ferrolterra Dominio Público @ferrolencomun

Desde o pasado mércores día 19, coincidindo con varios días de vento e temperaturas elevadas, os incendios arrasaron en toda Galicia máis de 1.100 hectáreas. E iso se só se contan os incendios que afectan a máis de 20 hectáreas ou que poñen en risco á poboación, que son os únicos dos que informa a Xunta. No que vai de ano a cifra elévase a unhas 2.200 hectáreas, que son xa máis das 2.000 que arderon en todo o ano 2014, o que rexistrou mellores datos das últimas décadas. O ano pasado a cifra final queimada foi de 22.000 hectáreas e o anterior preto de 12.000.

No que vai de ano xa arderon 2.200 hectáreas, máis que en todo o 2014, o ano con menos lumes das últimas décadas

O maior incendio dos últimos días e tamén no que vai de ano, o de Narón, que se deu por extinguido na medianoite do sábado ao domingo, foi cuantificado finalmente pola Xunta en 444 hectáreas. Pero na tarde do sábado iniciábase outro lume de importancia que afectou a 170 hectáreas en Quiroga. Tamén superaron as cen hectáreas incendios rexistrados estes últimos días en Negreira e Boiro. Este domingo pola tarde iniciábase outro lume en Ourol que superaba as 20 hectáreas.

Antes de que rematase o inverno xa arderan máis de 400 hectáreas, principalmente en Ourense

O ano xa comezou con cifras importantes de incendios, rexistrando máis de 400 hectáreas queimadas antes de que rematase o inverno. E no que ía de primavera ata estes últimos cinco días arderan outras máis de 630 hectáreas, principalmente en tres incendios de máis de cen en Carballeda, Lobios e Manzaneda. Porén, se os incendios anteriores se concentraran na montaña ourensá, nos últimos días a climatoloxía fixo que a provincia da Coruña fose a máis afectada.

 

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.