Estamos en outubro, fóra da tempada de alto risco de incendios decretada pola Xunta. Porén, oito focos aínda non extinguidos arrasaron xa 1.500 hectáreas de terreo en Galicia, segundo os datos actualizados ás 10.30 horas deste xoves que vén de ofrecer medio rural. Os máis graves seguen sendo os tres que afectan, en Lobios, a espazos do Parque Natural da Baixa Limia-Xurés; tres incendios distintos queimaron xa 790 hectáreas de monte e raso. Vilariño de Conso sufriu o lume en dous puntos, con 307 hectáreas queimadas. Hai incendios tamén en Chandrexa de Queixa (70 hectáreas) e Vilar de Barrio (80 hectáreas). E en Folgoso do Courel, na provincia de Lugo, permanece activo dende a tardiña deste mércores outro, que arrasou xa 150 hectáreas.
Esta vaga de lumes prodúcese nas primeiras semanas nas que o servizo público de extinción xa non conta cos 436 traballadores que só teñen contrato de xullo a setembro
Esta vaga de lumes prodúcese nas primeiras semanas nas que o servizo público de extinción xa non conta cos 436 traballadores que só teñen contrato de xullo a setembro, e que cesaron hai 12 días nunha decisión moi criticada polos colectivos profesionais. No que levamos de outono os incendios queimaron case dúas mil hectáreas só na provincia de Ourense. Este mércores o presidente da Xunta respondeu ás críticas recibidas pola falta de persoal no servizo de loita contra o lume, negando que o remate dos contratos dos 436 brigadistas debilite a eficacia do operativo e sinalando que o persoal é despregado naqueles lugares con maior risco, neste momento a provincia de Ourense.
Só 800 traballadores e traballadoras teñen contrato os doce meses do ano (e moitos deles tamén son interinos); 600 traballan 9 meses (cesarán en novembro para reincorporarse en febreiro) e un total de 436, só están contratados durante 3 meses. Ademais, a Xunta leva un ano incumprindo o seu compromiso de estabilización do persoal forestal, pois en 2016 aprobou un decreto que recollía a convocatoria de 188 prazas de persoal laboral no Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF). Porén, aínda non se fixo realidade.
O Índice de Risco Diario de Incendio forestal (IRDI), que todos os días actualiza a Consellería de Medio Rural, amosa que se mantén o "risco extremo" en toda a provincia de Ourense, no sur da de Lugo e no Baixo Miño, Deza, Tabeirós e outras comarcas do interior de Pontevedra. O tempo seco (e con temperaturas por riba de 30 graos en Ourense) manterase cando menos ata o luns, cando está prevista a chegada dunha borrasca.
Esta é a relación dos oito incendios activos esta semana e aínda non extinguidos:
- Lobios (parroquia de Río Caldo). Iniciado o domingo pola noite e aínda activo. Afecta a unhas 90 hectáreas dentro do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés.
- Lobios (Río Caldo). Iniciado o domingo pola noite e estabilizado o mércores pola tarde. Queimou unhas 650 hectáreas dentro do Parque Natural.
- Lobios (Río Caldo). Iniciado o luns pola tarde e controlado dende o martes. Arrasou unhas 51 hectáreas no Parque Natural
- Vilariño de Conso (Chaguazoso). Activo dende o mércores pola tarde. Arrasou xa 300 hectáreas
- Chandrexa de Queixa (Queixa). O incendio, que quedou controlado este xoves, arrasou 50 hectáreas. Outro lume en Chandrexa (parroquia de Requeixo), quedou estabilizado este xoves, queimando 20 hectáreas.
- Vilar de Barrio (Rebordechau). Controlado dende o mércores pola noite, queimou xa 80 hectáreas
- O Carballiño (Lobás). Un incendio declarado este xoves, quedou xa controlado, afectando a case 30 hectáreas.
- Folgoso do Courel (Meiraos). Activo dende mércores pero xa "perimetrado" segundo a información de Medio Rural. Arrasou xa unhas 150 hectáreas.
- Chantada (Esmeriz). Un incendio declarado este xoves permanece activo e xa queimou 55 hectáreas
Arco Iris denunciará a Beatriz Mato ante a UE
Pola súa banda, a asociación ecoloxista Arco Iris anunciou este xoves a presentación dunha denuncia ante a Unión Europea contra a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, por non protexer adecuadamente o Parque Natural do Xurés. A entidade critica a "manifesta incapacidade" de Mato para "cumprir coas súas competencias de protección de espazos naturais". O "desastre ambiental que ameaza o Parque Natural do Xurés está a piques de acadar proporcións catastróficas", alerta Arco Iris.
Arco Iris critica a "manifesta incapacidade" de Mato para "cumprir coas súas competencias de protección de espazos naturais"
Arco Iris di que a Xunta "parece abandonar á súa sorte este magnífico espazo natural, que permanece sen previsións de regulación tras 24 anos da súa declaración". "A pesar de que os mandatarios da Xunta insisten en que se priorizarán os fondos europeos para a revitalización de zonas despoboadas e da indubidable posición de vantaxe desta rexión fronteiriza para acceder a partidas económicas da UE", a consellería foi "incapaz de aproveitar as sinerxías posibles para abandonarse en mans das inercias probables", afirman nunha nota de prensa.
A Xunta intensifica a loita policial contra a "elevada actividade incendiaria"
O Goberno galego subliñou na tarde deste xoves a "elevada actividade incendiaria" rexistrada nos últimos días, centrada principalmente nas provincias de Ourense e Lugo. A Xunta destaca que no que vai de mes de outubro houbo en Galicia un total de 235 lumes (123 deles na provincia de Ourense) e que esta cifra é máis do dobre da rexistrada no mesmo período de 2016 e supera amplamente a media dos últimos cinco anos nestas datas, que se sitúa nos 91,2 lumes nos primeiros días de outubro. A Xunta sinala, ademais, que "a maioría dos lumes rexístranse en horas nocturnas, cando os medios aéreos non poden operar e en zonas de difícil acceso, que tamén dificultan o traballo do dispositivo en terra".
No que vai de mes de outubro houbo en Galicia un total de 235 lumes (123 deles na provincia de Ourense)
A resposta do Goberno galego consistirá nunha intensificación da loita policial. Xa se puxo en marcha, en colaboración cos corpos e forzas de seguridade do Estado, "unha investigación exhaustiva para coñecer as causas desta desmesurada actividade delitousa incendiaria, localizar os seus responsables e poñelos a disposición da Xustiza", sinalan Medio Rural.