Os ríos baixan secos. A falta de precipitacións nos últimos meses déixase notar, e moito, no nivel dos ríos galegos, ademais de nos encoros. O caudal de todos eles está moi por debaixo dos rexistros dos dous últimos anos nestas mesmas datas, o que é moi preocupante, tendo en conta que xa os niveis que acadaban en 2015 e 2016 estaban por baixo do habitual.
Esta situación reprodúcese de forma semellante no norte, no centro e no sur do país. Por exemplo, o Masma (en Mondoñedo) presenta un caudal 3 veces inferior ao de 2016, 6 veces inferior ao de 2014, e 20 veces por debaixo do de 2013. O Anllóns (en Carballo) amosa rexistros semellantes e leva a metade da auga que o pasado ano, 8 veces menos que en 2014. E o Tambre (en Oroso) ten menos da metade de auga que en 2016 e 9 veces menos que en 2014. Nos ríos da provincia de Pontevedra o panorama é parecido: o Umia (en Ribadumia) ten a metade de caudal que o pasado ano, un terzo da de 2015 e 9 veces menos que en 2014. E o Lérez leva 4 veces menos auga que o pasado ano e 15 veces menos que en 2014. Nos ríos da área metropolitana de Vigo a situación é mesmo peor: o Verdugo baixa 13 veces máis seco que en 2014 e 40 veces máis seco que en 2013 (un ano especialmente húmido); e o mesmo podemos dicir do Oitavén.
Nos ríos da demaración Miño-Sil, pola súa banda, a situación é semellante. A web da Confederación Hidrográfica ofrece os datos históricos da achega de auga acumulada cada ano nestas datas (a cantidade total de auga que pasou por unha determinada estación de medición). No que levamos de 2017, este parámetro é máis dun 100% inferior ao habitual. Así por exemplo, o Miño ao seu paso por Lugo transportou ao redor de 800 hectómetros cúbicos de auga, fronte aos case 2000 que adoita levar. O panorama repítese no Sarria, no Cabe, no Arenteiro, no Arnoia ou no Tea. E de forma especialmente grave no Limia, pois ao seu paso por Ponteliñares, o río apenas sumou 60 hectómetros cúbicos de auga este ano, menos da cuarta parte do normal. Tamén no Lor (afluente do Sil): a estación de parada rexistrou un total de100 hectómetros cúbicos no que vai de ano, menos da cuarta parte do habitual nas últimas décadas.
Os encoros, un 25% por debaixo da media na última década
Os encoros manteñen unha semana máis a súa evolución negativa. Nos últimos sete días os da demarcación Miño-Sil viron reducida a súa ocupación nun 0.43% e os de Galicia-Costa nun 1.75%. Tanto uns coma outros se atopan nos seus niveis mínimos nas últimas dúas décadas nesta época do ano. Os de Miño-Sil seguen por debaixo do 40%, ficando no 39.27%. Os de Galicia-Costa están no 44.44%, moi lonxe tanto uns coma os outros dos rexistros medios da última década, entre un 20% e un 26% por debaixo dos niveis normais. Os datos dos encoros galegos melloran moi lixeiramente a media do Estado, cunhas reservas hidráulicas totais situadas no 37,2%.
O pasado 2 de outubro a Confederación Hidrográfica Miño-Sil decretou o estado de alerta por seca e Augas de Galicia fíxoo en 6 das 19 concas que xestiona na demarcación Galicia-Costa. Son moitos os concellos, sobre todo na provincia de Ourense e tamén, algúns, na de Pontevedra, que xa comezaron a adoptar as primeiras medidas para aforrar auga de forma significativa.