Ourense en Común e PSdeG alertan de que Xunta quere converter a Casa da Xuventude nun centro de iniciativas empresariais

Casa da Xuventude de Ourense © http://neko.koiora.net/

Ourense en Común e PSdeG-PSOE levarán ao pleno municipal deste venres unha moción conxunta para defender "a identidade e autonomía" da Casa da Xuventude da cidade das Burgas. Os dous grupos alertan de que a Xunta quere converter o histórico centro (na actualidade denominado Espazo Xove) nun centro de iniciativas empresariais. Lembran que dende os anos 70 a Casa da Xuventude "foi exemplo e símbolo de creación cultural, tolerancia, democracia e participación" e que “existen na cidade dependencias de titularidade autonómica que poderían prestar apoio e asistencia a emprendedores, sen modificar os usos da Casa da Xuventude nin frustrar a súa necesaria autonomía”. O PP “quere desmantelar definitivamente un símbolo de creación cultural, tolerancia, democracia e participación”, denuncia Ourense en Común.

Ourense en Común e PSdeG-PSOE levarán ao pleno municipal deste venres unha moción conxunta para defender "a identidade e autonomía" da Casa da Xuventude

Son xa varias xeracións de mozos e mozas ourensás as que pasaron pola Casa da Xuventude, un espazo no que se desenvolveron actividades de impacto en toda Galicia, coma as Xornadas de Banda Deseñada, o Outono Fotográfico, o Maio Xove ou a Bienal de Caricatura. A tese de doutoramento de Millán Brea analizou a etapa máis brillante da Casa da Xuventude, entre 1978 e 1992. O impulso de Benito Losada, finado en 2011, fixera da Casa un dos principais centros da cultura en Ourense, espazo de encontro, creación e difusión. Porén, nos últimos anos a súa actividade foi esmorecendo. Desaparecido Losada, o Goberno galego viu aberta por fin a posibilidade e facerse co seu control e designou como directora a Mercedes Valeiras, funcionaria do Centro de Menores de Montealegre e curmá de Alberto Núñez Feijoo. 

No ano 2014 botou a andar a Plataforma en Defensa da Casa da Xuventude de Ourense, formada por usuarios e usuarias a título individual, por representantes de colexios profesionais, colectivos ecoloxistas, sindicatos estudantís e por formacións políticas. Nacía para reivindicar o valor de varias décadas de bo funcionamento dunha entidade que dende os anos setenta foi un motor para a cultura e o asociacionismo xuvenil na cidade, ademais dun exemplo de coxestión a cargo dos propios usuarios e usuarias. E tamén para denunciar a xestión desenvolvida polo Goberno galego e por Mercedes Valeiras en particular.

Nos últimos anos a súa actividade foi esmorecendo. Desaparecido Benito Losada, a Xunta viu aberta a posibilidade e facerse co control da Casa

En xullo de 2015 o pleno municipal de Ourense aprobou unha moción presentada polo Grupo Municipal Socialista para municipalizar a xestión do espazo, e recuperar o Consello de Xestión como modelo de goberno do centro, unha moción nunca aplicada polo Goberno municipal do PP. "Un modelo que durante décadas foi pioneiro e permitía que os colectivos xuvenís foran ao mesmo tempo presidentes, directivas e socias dun verdadeiro espazo de democracia participativa onde medraron mozos e mozas hoxe referentes na vida cultural, social, política ou asociativa de Ourense", destaca Ourense en Común. "Hai medo a que a xuventude se autoorganice, a que sexa crítica", salientaba Millán Brea na devandita entrevista. A moción presentada por PSdeG e Ourense en Común lembra que o goberno de Jesús Vázquez "ten pendente dende hai tres anos dar cumprimento á moción en defensa da Casa da Xuventude”.

 

Acción en defensa da Casa da Xuventude, en 2015 © Pcasaxou
Imaxe de arquivo dunha das mobilizacións en favor da Casa da Xuventude Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.