A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) celebra este sábado en Compostela o seu 20º aniversario nunha xornada na que tamén levará a cabo unha asemblea onde renovará a directiva. Abandonará a presidencia Nel Vidal logo de nove anos á fronte dunha entidade que se centrou en propostas para mellorar o discurso e o traballo a prol da lingua e a formación e condicións dos técnicos. Coincidiu o seu mandato cunha das peores épocas para o idioma propio, coa polémica do decreto do plurilingüismo e a crecente perda de postos de traballo e de servizos de normalización en Galicia. Con todo, moitas das campañas impulsadas pola CTNL agromaron como esperanza, orixinalidade e modernidade e quedaron na memoria colectiva de moitos.
Por que deixa a presidencia da CTNL?
Levo nove anos e, desde o meu punto de vista, non é bo que unha persoa estea máis tempo á fronte dunha entidade. Ao final, o colectivo acábase confundindo coa persoa e iso non é bo para ningunha das dúas partes, así que o que queremos é que entre xente nova.
Que balance fai do labor da CTNL durante o seu mandato?
As directivas que traballamos estes anos facemos un balance relativamente positivo. Na medida das nosas posibilidades, sendo unha entidade pequena, conseguimos ter certa incidencia nos obxectivos que nos marcamos, máis aló de se mudamos ou non cousas. En cuestións técnicas e laborais procuramos mellorar a situación do traballo en lingua e, por outra banda, procuramos incidir no discurso. Cremos que para o proceso de normalización é fundamental intentar que haxa unha asociación positiva coa lingua, que se vexa como algo positivo. Centramos os esforzos neses dous ámbitos: en mellorar a formación, o traballo e a coordinación dos servizos de normalización lingüística e en incidir nesa mensaxe positiva con respecto á lingua. De aí xurdiron propostas como Gústame o Galego, Como cho digo, LGx15. Ideas para o futuro da lingua, Agasallo.eu...
"Para o proceso de normalización é fundamental que haxa unha asociación positiva coa lingua, que se vexa como algo positivo"
Semella que apostaron -e acertaron- por unha mensaxe moderna e axeitada aos tempos...
Non é froito de casualidade. Todos os anos organizamos varias xornadas e accións formativas nas que traballamos o discurso, como mellorar a percepción que a xente ten da lingua. E non queremos que quede na teoría, senón que iso se converta en accións directas, mellorando o traballo de cada un dos técnicos pero tamén mediante campañas.
Campañas como Gústame o galego tiveron moito éxito.
Gústame o galego foi un experimento, unha acción que naceu dunha reflexión: intentar lanzar mensaxes positivas a través do humor e a través de persoas concretas. Decidimos lanzala para ver se funcionaba e tiña boa acollida e así foi. O proxecto Apego tampouco naceu da nada, senón froito de moita reflexión detrás sobre cales deben ser as mensaxes que a xente vexa nas accións que desenvolvemos. Por iso, os encontros e xornadas que facemos son fundamentais para levar a práctica toda esta teoría.
"As mensaxes positivas, por lóxica, son mellor acollidas; é difícil que a xente se sume a derrotismos ou a cabalos perdedores"
Cre que hai agora unha visión máis positiva cara ao galego?
Cremos que as mensaxes positivas son, por lóxica, mellor acollidas. É difícil que a xente se sume a derrotismos ou a cabalos perdedores. A positividade non sabemos se vai acompañada dunha maior percepción ou uso da lingua, pero a negatividade si que arrastra peor percepción e peores usos da lingua, por iso apostamos por esa positividade.
En canto ao proceso de normalización, á política lingüística e mesmo ao plano laboral dos ttraballadores na normalización, a súa etapa na presidencia coincidiu cunha moi mala época.
Foi mala pero vén sendo mala desde sempre. É certo que houbo un empeoramento das condicións ao pechar servizos de normalización debido a un desinterese total da Xunta de Galicia, que deixou de desenvovler programas e renunciou á súa función de impulsalos e coordinalos. No ámbito social, a valoración máis negativa destes anos é a cantidade de prexuízos que afloraron na cidadanía a partir do decreto do plurilingüismo e da aposta que fixo o PP de trasladar ese discurso negativo a través da lingua, que conseguiu que callase na soceidade. Ese aproveitamento electoralista da situación fíxolle moito dano á lingua en moi pouco tempo. Conseguir darlle a volta a iso leva moito máis. Foi un uso electoralista do idioma que consegiu asentar prexuízos na sociedade.
"O máis negativo foi a cantidade de prexuízos que afloraron a partir do decreto e do uso electoralista que o PP fixo da lingua"
Foi importante no labor da CTNL reaccionar contra eses prexuízos?
Xusto por iso xurdiron algunha das campañas, para intentar que se asociase a lingua con todo o contrario ao que se transmitía: coa positividade, coa modernidade e co orgullo.
Que fai máis falta para que avance a normalización do galego: vontade política ou vontade social?
É a pescada que morde a cola. Tal e como está a situación, se non conseguimos que a sociedade se implique é difícil que politicamente se impliquen tamén. Agora ben, a normalización lingüística é un proceso social e, como tal, ten que ser asumido pola sociedade. É a sociedade a que ten que apostar por iso e usar a lingua, pero desde a Administración teñen a responsabilidade de activar e promover ese proceso.
"Para virar a tendencia negativa do galego fai falta moitísimo esforzo, recursos e cambios lexislativos inmediatos"
O devalo no uso do galego é evidente, se cadra máis aínda nos últimos anos, verá vostede virar a situación?
Fai falta moitísimo esforzo, moitístimos recursos e cambios lexislativos inmediatos, sobre todo nos ámbitos urbanos. No rural a situación é realmente de mantemento; non hai un descenso elevado do uso do galego, pero o que ocorre é que cada vez é menos a xente que vive no rural e máis a que o fai en ámbitos urbanos e vilas medianas. Debe haber unha aposta clara e forte polo galego, con medidas políticas, lexislativas e recursos económicos e humanos. Sen iso, vai ser moi difícil virar a tendencia.
"O ensino só non vai conseguir mudar a situación do galego, pero a situación non vai poder mudar se non se muda o ensino"
É o ensino a peza clave para mudar esa tendencia negativa?
O ensino só non vai conseguir mudar a situación, pero a situación non vai poder mudar se non se muda o ensino. O ensino non chega, pero é fundamental. Nestes momentos, no ámbito urbano e sobre todo nas cidades, o único contacto que poden ter a maioría dos nenos co galego é a través do ensino. Se reducimos os tempos, as materias e o uso da lingua, o que se está a provocar é que haxa moitos rapaces que nin tan sequera sexa competentenes en galego, que non son capaces de falalo. Se non é capaz de falalo, non vai ter liberdade de elección e non vai poder elixir. Xa só para que sexan libres de elixilo, fai falta un cambipo inmediato na política lingüística no ensino.