Prisión incomunicada e sen fianza para o asasino confeso de Diana Quer

Contorna da Pobra na que a investigación situara a desaparición de Diana Quer © Google

A maxistrada do xulgado número 3 de Ribeira decretou este luns prisión incomunicada e sen fianza para o asasino confeso de Diana Quer. José Enrique Abuín acolleuse ao seu dereito a non declarar ante a xuíza, en funcións de garda. O acusado xa se atopa na prisión de Teixeiro, acusado de dous delitos: detención ilegal e homicidio doloso, o que indicaría que a xuíza ve indicios dos delitos de secuestro e asasinato.

Por outra banda, o informe preliminar da autopsia practicada ao cadáver achado dentro dun pozo nunha nave abandonada en Rianxo e que se cre que se trata de Diana Quer, indica que o corpo non presenta signos evidentes de violencia, aínda que si "indicios claros de criminalidade". Así o indica o auto co que a maxistrada enviou o asasino confeso ao á cadea.

Segundo informaron fontes xudiciais, este informe apunta a que o cadáver se corresponde co dunha muller nova, de entre 18 e 20 anos, de "cabelo longo e escuro". A causa da morte, polo momento, atópase "a estudo" e "non se acharon signos de violencia pero si indicios claros de criminalidade", apuntan as mesmas fontes.

O xulgado encargado do caso ten previsto reabrir este martes a investigación tras a posta de disposición xudicial do autor confeso do asasinato da moza madrileña. Ademais, a Garda Civil ofrecerá detalles da detención nunha comparecencia ante a prensa na Coruña. A investigación foi arquivada de forma provisional fai case nove meses.

Para prender o asasino confeso de Diana Quer foi esencial o testemuño da moza que denunciou un intento de secuestro en Boiro o pasado 25 de decembro

José Enrique Abuín, coñecido como "El Chicle", autor confeso do asasinato de Diana Quer, chegara ao xulgado este luns pouco antes das nove da mañá. Estaba citado para declarar polo intento de secuestro dunha muller o pasado día 25 en Boiro e pola desaparición de Diana Quer.

A detención de Abuín foi posible grazas ás investigacións da Garda Civil por mor dun intento de secuestro doutra muller o pasado 25 de decembro en Boiro e dado que figuraba na lista de sospeitosos pola desaparición de Diana Quer. Non obstante, para prendelo foi esencial o testemuño destoutra moza e a súa precisa descrición do individuo e mais do vehículo en que intentou levala.

Foi determinante, asemade, o testemuño da esposa do presunto asasino. Tras manter hai meses ante os axentes que o seu marido estivera con ela a noite da desaparición da moza madrileña, deu en mudar a súa versión e deixou sen coartada a Abuín.

Loito oficial na Pobra e Rianxo

Concentración en Rianxo como repulsa ao asasinato de Diana Quer / Hadriana Ordóñez, edil de Igualdade de Rianxo

O remate do 2017 e o inicio do 2018 estivo marcado pola aparición do corpo sen vida de Diana Quer tanto na Pobra, onde foi secuestrada, como en Rianxo, municipio no que se produciu o achado do cadáver. Ambos municipios acolleron concentracións de repulsa ao crime e os seus plenos municipais aprobaron tres días de loito oficial, ademais de expresaren o seu rexeitamento da violencia machista.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.