Queremos Galego chama a mobilizarse o 17 de maio ante a “crítica situación” da lingua

Presentación dos actos polo 17 de maio de Queremos Galego © Queremos Galego

Marcos Maceira, voceiro de Queremos Galego, e membros da xestora da organización presentaron este martes en Compostela o programa de actividades co que animan a sociedade a saír á rúa o vindeiro 17 de maio para esixir "liberdade, igualdade e xustiza" para a lingua galega. 

O cartel da mobilización foi deseñado por Luís Davila co lema Máis que nunca, Queremos Galego para unha xornada na que haberá manifestación simultáneas en todas as vilas e cidades de Galicia ás 12 horas. 

Queremos Galego chama a mobilizarse para esixir "liberdade, igualdade e xustiza" para a lingua galega

Máis que nunca", reivindicou Marcos Maceira, "chamamos a mobilizarse ao conxunto da sociedade galega, que cre na liberdade mais ve como non hai posibilidade de vida normal en galego; que cre na democracia mais ve como en Galiza se vulneran dereitos lingüísticos que, como nos lembraba recentemente o relator da ONU para os dereitos das minorías, Fernand de Varennes”

"Máis que nunca", afirmou, "é visíbel como os ataques ao galego proveñen de quen quere restrinxir dereitos de todo tipo na sociedade: os que queren prohibir o galego na administración son os mesmos que atacan as mulleres, a diversidade sexual ou a liberdade de expresión". "Máis que nunca defendemos o galego para defender a liberdade, a democracia e a xustiza en Galiza", concluíu Maceira.

"Os ataques ao galego proveñen de quen quere restrinxir dereitos de todo tipo na sociedade"

“A situación do galego é crítica", recordou o voceiro de  Queremos Galego, "pola falta de transmisión interxeracional; polas dificultades para o coñecemento, cun 22,7% dos menores de 15 que non saben falalo fronte ao 0% do español; polas dificuldtades e límites de todo tipo, tamén legal, para empregalo con normalidade; pola inactividade dun goberno galego que non só non exerce o seu deber estatutario de defender a lingua, senón que actúa en contra, en ámbitos decisivos como a educación, a sanidade, a xustiza ou os medios de comunicación; pola nova ofensiva xudicial e política, como a recente sentenza do Tribunal Supremo sobre a ordenanza Lugo ou o rexurdir do discurso supremacista contra as linguas e contra a liberdade de uso".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.