Algunhas das escenas máis recorrentes dende o inicio da crise polo espallamento do coronavirus, tamén en Galicia, son aglomeracións en supermercados. Persoas que dan en acaparar produtos de alimentación ou outros de uso habitual -especialmente, o papel hixiénico- con independencia de non existiren problemas de abastecemento. E obviando, ao tempo, ás persoas máis vulnerables que, por razóns económicas ou físicas, non poden competir nunha carreira de compras masivas.
Fronte a esas actitudes, nos últimos días agromaron tamén iniciativas ben distintas. Redes de solidariedade cidadá coa poboación máis fráxil, organizadas a través de concellos e asociacións, pero tamén mediante accións cívicas ante a crise. É o caso, por exemplo, do dispositivo de voluntariado organizado dende o Concello da Coruña "para atender ás persoas en situación de dependencia e soidade ou con mobilidade reducida", e que no inicio da tarde deste sábado xa sumara 500 inscricións de persoas voluntarias.
O Concello da Coruña e asociacións en Pontevedra ou Santiago están a organizar grupos de voluntariado para axudar a persoas que, pola súa idade ou problemas de mobilidade, non poidan realizar tarefas cotiás durante a crise do coronavirus
Protección Civil organizará ás persoas inscritas -o único requisito é ser maior de idade e non estar nun grupo de risco ante o coronavirus- para realizaren labores como achegar a compra ás persoas que o precisen, acudiren á farmacia ou axudala noutras accións cotiás para os que se vexan imposibilitadas por mor das restricións aplicadas para frear o virus. As persoas que precisen a axuda poden chamar ao teléfono de información municipal 010. O Concello anima, adicionalmente, a espallar a existencia desta rede mediante a colocación de carteis, toda vez que parte da poboación obxectivo ten menor acceso a internet e redes sociais. En varios puntos da cidade están a organizarse, ademais, grupos de apoio mutuo.
Tamén en Pontevedra xurdiu unha rede de voluntariado para afrontar esta crise, no seu caso a nivel provincial e a través da Federación de Mulleres da Provincia de Pontevedra. Como informa Pontevedra Viva, o colectivo ponse á disposición da cidadanía que precise axuda no coidado de nenas e nenos durante o cesamento da actividade escolar. Quen o precise, pode chamar ao 986 26 26 37 ou ao 678 727 382.
No tecido asociativo xorde tamén outra rede solidaria fronte ao coronavirus, neste caso en Santiago da man da Asociación Veciñal As Marías, que abrangue rúas da capital galega como Basquiños, Espírito Santo ou Pastoriza. "Nestes tempos de incertezas, é tempo de comunidade", explican dende as súas redes sociais. O colectivo diríxese especialmente á veciñanza con problemas de mobilidade que precise informarse a respecto do que está a acontecer ou se vexa imposibilitado para realizar compras ou outros recados. "Así funciona un barrio vivo", explican. No seu Facebook ofrecen os datos de contacto para colaborar ou procurar axuda.
Chamamento ao civismo e á "tranquilidade" nas compras
Xunto a estas redes solidarias, dende as institucións e outras entidades apélase tamén ao civismo, precisamente, na realización de compras. É o caso do Concello de Pontevedra, que nun comunicado pediu "tranquilidade á veciñanza" para que "non se produzan aglomeracións nos establecementos de alimentación", toda vez que os supermercados "están abertos e abastecidos en todo momento".
O Concello de Pontevedra apela ao consumo "racional e normal", xa que "os supermercados están abertos e abastecidos"
Cómpre, subliña o goberno local pontevedrés, realizar un "consumo racional e normal, como calquera outro día", xa que as compras compulsivas "conseguen o efecto contrario" ao buscado coas medidas contra o virus, toda vez que "supoñen unha gran cantidade de persoas a escasa distancia". Cómpre, subliña, "solidariedade" para que toda a poboación poida mercar sen problemas e tamén facilitar o traballo "dos profesionais da alimentación, que estes días están a realizar un labor social sen precedentes".
Sobre o persoal dos supermercados pon o foco o sindicato Comisións Obreiras, que nunha carta dirixida á Presidencia da Xunta e ás consellerías de Economía e Sanidade reclamou medidas contra o "grupo de poboación que está a tomar actitudes irresponsables". Esas aglomeracións, advirten, poñen en risco ao persoal e dificultan o seu labor en días coma estes, de moito traballo e tensión.
Esas compras masivas contrastan, non obstante, con escenas tamén vividas nos últimos días, incluíndo este sábado, nas que veciñanza de diversas vilas e cidades optou pola orde e a calma á hora de realizar as súas compras. Así, por exemplo, este sábado unha carnizaría do centro de Santiago rexistraba unha pequena ringleira de clientela que, respectando a distancia de en torno a un metro por persoa, agardaba en calma para mercar cantidades habituais de produtos.