Un barrio de Lugo enfróntase a Abanca para defender a súa gardaría

Interior da gardaría CC-BY-SA Porta de Lugo

Esta semana sentan no banco dos acusados da Audiencia Nacional algúns dos exdirectivos da desaparecida Novacaixagalicia. Están alí porque, segundo as acusacións, cando aínda manexaban Caixa Galicia e Caixanova decidiron obviar o labor social das caixas de aforro e apostar case en exclusiva por cadanseus beneficios persoais. Ese obxectivo social foi o que, durante décadas, estivo por tras do apoio das caixas a colectivos e barrios como o do Sagrado Corazón, en Lugo, unha contorna obreira na que a Caja de Ahorros de La Coruña y Lugo promoveu nos anos 60 do século pasado un polígono de vivendas con diversos servizos asociados no ámbito educativo e dotacional. Estes servizos asumiunos e ampliounos durante anos a Obra Social Caixa Galicia, que nos anos 80 impulsou no barrio un colexio e tamén unha escola infantil que agora Abanca, entidade compradora dos restos das caixas, pretende pechar no medio dunha forte oposición veciñal.

Cando se aproximaba o remate do actual curso as familias das nenas e nenos que acudían a esta escola atoparon, como correspondía, a oferta de prazas para o período 2015-2016. No entanto na última fin de semana de maio "chamáronnos por teléfono para dicirnos que o curso que vén non había gardería", explica Susana Cortón, unha das nais afectadas polo peche, que vén exercendo como voceira das familias. A Fundación Galicia Obra Social, herdeira da obra social das antigas caixas e alcumada como Afundación, decidira botarlle o ferrollo á escola do Sagrado Corazón.

As familias atribúen o descenso de alumnao "á xestión de Afundación, que deixou morrer o centro"

Nun primeiro encontro coas nais e pais os responsables do ente dependente de Abanca ofrecéronlles explicacións que lles soaron a "escusas", tales como "o descenso de nenos na gardaría", que para as familias "é culpa da xestión de Afundación, que deixou morrer o centro" con medidas como un "reagrupamento por idades" que obrigou a que houbese "menor número de nenos por aula" para cumprir a normativa vixente. Ademais, lamenta, o banco "non publicitou" o centro en absoluto: "Con ofertar nas súas oficinas que teñen unha gardaría con prezos subvencionados, chegaría para enchela", toda vez que "agora mesmo están cubertas 41 das 43 prazas". "Cun pouco de promoción a gardaría e viable", indica, nun contexto no que, resalta, "a función dunha obra social non é dar beneficios".

Posición do banco

Tras os primeiros movementos de protesta no barrio e o pronunciamento dos grupos políticos municipais a prol da continuidade da gardaría chegou a posición oficial de Afundación. A través dun comunicado o pasado luns a entidade ratificaba a súa decisión de "deixar de desenvolver a actividade da Escola Infantil Sagrado Corazón", xa que deixa de ser unha das súas "liñas de actividade". Afundación céntrase agora en "educación superior, envellecemento activo e fomento da cultura" e, polo tanto, non contempla seguir adiante cunha gardaría que, asegura, presenta "problemas para garantir a súa viabilidade polo descenso progresivo da demanda, que pasa de 53 nenos en 2012 a 38 en 2014". Ademais, argumenta, o peche prodúcese despois de "consultar" con empresas do sector se estarían interesadas en xestionar o centro e tras "ofrecerlles aos traballadores a xestión do centro co modelo de cooperativa".

A entidade dependente de Abanca confirma o peche e ofrece "apoio" para recolocar o alumnado noutras escolas privadas da cidade

Nesta contexto Afundación "ofreceu ás once familias afectadas apoio técnico para a recolocación dos seus fillos e fillas noutros centros da localidade" e "unha bolsa de compensación económica" para a "diferenza existente entre a cota que pagaban actualmente" e as que terían que pagar noutras escolas privadas nos vindeiros dous cursos. Pero para as familias o asunto vai alén da economía. As "gardarías privadas" que ofrecen como alternativa "non se semellan nin de lonxe a esta gardaría, un edificio especialmente deseñado para ser un centro escolar". Ademais, resalta, a protesta vai alén da reubicación do alumnado na escola: o Sagrado Corazón resístese a que o edificio baleiro da gardaría se convirta nunha "pantasma" á que pronto se uniría outro, o do colexio do barrio, tamén impulsado no seu momento por Caixa Galicia e cuxo concerto coa Xunta remata en 2017.

Reacción do barrio

É neste punto onde os pais e nais deixaron de estar sós na protesta. A posiblidade de que o tecido social do barrio esmoreza activou a asociación veciñal da zona, a Porta de Lugo, e con ela á Federación Veciñal lucense, formada por 137 entidades e cuxos mecanismos de mobilización están plenamente activos tras anos de protestas a prol dos servizos no Hospital Lucus Augusti. O presidente de Porta de Lugo, José Manuel Carballo, explica en declaracións a Praza que a súa vontade é "mediar" para que Abanca non consume o que ven como "unha burla": "Puxemos 9.000 millóns para rescatar a caixa, eles mercárona por 1.300 e agora veñen con isto", censura.

A plataforma veciñal advirte de que, se o peche se mantén, "teremos que empapelar as oficinas para que se entere a cidadanía e pedir que se retiren os fondos de Abanca"

O colectivo veciñal seguirá a tentar a "mediación" tamén o vindeiro xoves, cando Miguel Ángel Escotet, presidente de Afundación e curmán do propietario de Abanca, viaxe a Lugo para entrevistarse coas familias. No caso de que a entidade non recúe, advirte Carballo, "contactaremos cos afectados polas preferentes e cos desafiuzados" para iniciar mobilización. "Teremos que empapelar todas as oficinas de Abanca para que a veciñanza se entere e pedirlle á cidadanía que retire os fondos, as nóminas e as pensións de Abanca". "Non sei se valoran o risco ou se lles importa un bledo", subliña, pero se a gardería pecha, "se cadra temos que buscar unha entidade financeira que se queira asentar no Sagrado Corazón para que a xente faga o traspaso das súas contas". "Se cadra así enténdeno mellor", di.

Tamén as familias se amosan dispostas á mobilización se a decisión do peche se mantén. "Temos pensadas medidas de presión, manifestacións, peches e calquera outra medida para facernos visibles" e lograr que en Lugo se difunda a idea e que "a publicidade que nos venden de que son o sentir común de Galicia, non é certa, porque nos dan as costas aos galegos cun dos problemas que temos, a conciliación familiar e que as mulleres galegas somo as que máis tarde temos fillos", di Susana Cortón. "E se nos dan as costas, farémonos notar", advirte.

Anuncio da inscrición para o vindeiro curso antes do anuncio do peche CC-BY-SA Porta de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.