Un Día das Letras de loita e festa

Milleiros de persoas enchen a Quintana na manifestación de Queremos Galego, o pasado xaneiro Dominio Público Praza Pública

"Para unha persoa que non queira vivir en galego, non hai problema". No caso contrario, o 17 de maio hai "motivos" para saír á rúa. O presidente d'A Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, explica deste xeito as razóns que, ao seu xuízo, permanecen vivas para que, un ano máis, no Día das Letras Galegas a reivindicación e a celebración vaian da man. "Os exemplos sobran" e "os motivos que nos queiman nas mans son os mesmos que en anteriores chamadas á mobilización". Os "ataques cara á nosa lingua", di, en conversa con Praza Pública, "van a máis".

Con este pano de fondo, a plataforma Queremos Galego chama a saír ás rúas de Compostela, neste caso botando man dos versos de Rosalía para elaborar o lema: "non queremos ser estranxeiros e estranxeiras no noso propio país", sintetiza Callón, e iso seguirá acontecendo, ao seu xuízo, mentres "os nosos nenos e nenas non se poidan educar en galego" e a lingua propia "sexa de verdade oficial en todos os ámbitos". A esa convocatorai fixada para o mediodía do 17 na Alameda compostelá sumouse tamén a oposición parlamentaria en pleno e outros colectivos moi ligados ao idioma, caso da Asociación Galega da Lingua (Agal), cuxo presidente, Miguel R. Penas, cre que a manifestación debe ser, á vez, unha marcha "de festa e reivindicación".

Penas: "Segue sendo unha xornada reivindicativa, porque a situación do galego non é prioritaria para a Xunta"

"Segue sendo unha xornada reivindicativa porque a situación do galego non é prioritaria para a Xunta e todo o que se reivindicou contra a política lingüística do Executivo no ensino o pasado xaneiro continúa vixente", di Penas. A AGAL, tal e como lembra o seu dirixente, centrará a súa mensaxe na ILP Valentín Paz Andrade tomada en consideración por unanimidade no Parlamento esta semana para aproveitar os vínculos coa lusofonía. "É un bo comezo porque marca uns mínimos e lugares comúns asumíbeis por todas as forzas políticas e por calquera cidadán", asegura Penas, que destaca tamén a reivindicación da campaña Multiplica x100 a tua língua.

Para a AGAL, a ILP pode supor "un punto de inflexión" no tratamento público que se fai da lusofonía e o reintegracionismo, malia que "o debate xa non é tanto normativo como de estratexias para o futuro". "Esta toma en consideración permite visibilizar as reivindicacións e tamén que se tome máis en consideración a nosa estratexia", di. "É un inicio de camiño positivo para a lingua, froito de moitos anos de traballo que se visualizan tamén no feito de que cada vez máis xente nova asuma o reintegracionismo sen complexos e deixando atrás certos preconceptos", remata.

"Cinismo" nos actos oficiais"

Callón: "Botar a man ao corazón e realizar discursos grandilocuentes non serve para nada"

Neste contexto dende Queremos Galego considérase "profundamente cínico" que dende o Goberno galego se realicen proclamas a prol do idioma co gallo do Día das Letras. Para Callón, que o presidente "bote a man ao corazón e realice discursos grandilocuentes non serve para nada" porque despois "non realiza accións para, por exemplo, promocionar as figuras homenaxeadas" o 17 de maio, neste caso Roberto Vidal Bolaño. "A súa práctica contradí o seus discursos -subliña Callón-, se Feijóo e os dirixentes do PP queren demostrar amor polo galego deben practicao coas súas accións de Goberno".

Así as cousas, ademais de reivindicacións como a derrogación do denominado decreto do plurilingüismo na mobilización estarán presentes tamén peticións máis concretas, tales como "que as autoestradas cumpran coa lexislación e non só deixen de tapar os poucos rótulos que hai en galego", senón que ademais "estean sinalizadas" na lingua propia do país". Outra esixencia é, por exemplo, que o Facebook deixe de referirse a topónimos como "Vivero ou Rianjo", deturpados nesta rede social "por causa da Xunta, que non realizou xestións coa empresa".

Carlos Callón © Susete
A AGAL, nunha marcha de Queremos Galego Dominio Público Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.