Un extraballador da Torre de Hércules persóase como afectado pola trama da 'Pokemon'

Adolfo Naya e Alejandro Expósito mantiveron un peche de protesta na Torre © CIG

En xaneiro de 2012 o Concello da Coruña rescindiu o contrato de 13 traballadores e traballadoras da Torre de Hércules aludindo a suposta necesidade de realizar obras de mantemento no monumento. O Concello decidiu non subrogar os seus contratos, a pesar de que no seu convenio colectivo si se sinalaba a obrigatoriedade de subrogación. Ante a convocatoria activa de mobilizacións e denuncias públicas dos traballadores e sindicatos, o Consistorio coruñés argüíu a estratexia de abrir un concurso público “temporal” para evitar así subrogar a plantilla.

Óscar López, un dos traballadores despedidos, vén de persoarse como posible afectado pola trama de corrupción política Pokemon. A súa decisión está motivada polas informacións xornalísticas que sinalarían que as "incongruencias" e “estrañas circunstancias” que rodearon o despedimento destes trece traballadores e traballadoras "poderían estar vinculadas ao interese de certas e certos membros da corporación local por abondar no reforzamento dunha rede clientelar cimentada na concesión a dedo ou por enchufe dun significativo número de postos de traballo nos ámbitos públicos xestionados en réxime de concesión por empresas pertencentes ao Grupo Vendex, dirixido polo empresario José María Tutor, un dos primeiros imputados na operación Pokemon", segundo destacan dende a reprensentación dos traballadores.

As semanas posteriores aos despedimentos foron un tempo de protestas e mobilización social, cun grande apoio da cidadanía coruñesa, que se concentrou en gran número ante o monumento. Dous sindicalistas pecháronse na Torre durante cinco días para conseguir unha entrevista coa concelleira de emprego, Luisa Cid. Así mesmo, o persoal despedido entregoulle carbón ao alcalde Negreira e ao voceiro Julio Flores (ambos os dous investigados na actualidade na trama de corrupción Pokemon). De igual xeito, varias persoas encadeáronse na estatua de María Pita, e notra ocasión levaron a protesta até o evento turístico FITUR en Madrid. As dúbidas sobre o verdadeiro interese que subxacía no peche da Torre foi aumentando despois de comprobar como a Torre ficou pechada ao público durante meses malia a que as obras, tan supostamente necesarias, continuaban sen se realizar.

Este personamento ten lugar ademais a poucos días de que finalice o prazo da concesión “temporal” dos contratos realizados a través de concurso público para a Torre de Hércules, este domingo 22, sen saber aínda os antigos traballadores e traballadoras se volverán ser incorporados, "e cun silencio por parte da administración local que fai sospeitar o seu desexo de eludir informar publicamentede cal será o proceso de nova contratación ou renovación da plantilla laboral do monumento máis emblemático da cidade da Coruña", denuncian.

Adolfo Naya e Alejandro Expósito mantiveron un peche de protesta na Torre © CIG
Acción de solidariedade cos traballadores da Torre da Hércules © CIG
Un bo número de veciños e veciñas da Coruña amosaron a súa solidariedade cos traballadores e traballadoras © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.